11:20 Sabado, 19 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-03-2016

As ideas que non se defenden, que non se sementan, non poden avanzar

Sementar para avanzarmos

Valorar (27)

XABIER PÉREZ IGREXAS



  Houbo, e hai, no debate sobre as confluencias electorais unha omisión grave. Pártese sempre de análises de foto fixa. De extrapolacións mecánicas duns resultados concretos que pasan a ser proxectados como certezas do futuro. Así, a aritmética presente tórnase en prognóstico indiscutíbel. É obvio que hai algunhas tendencias de fondo que dificilmente reverteran no inmediato. Mais, en rigor, é difícil de soster e argumentar a aposta na confluencia/articulación electoral como se esta garantise per se os resultados que se procuran no cuantitativo, e non presentasen alteracións no cualitativo. Esta tese cimentase na primacía do como, da forma, desprezando a importancia (capital) do que e o para que.

  Hai quen parece crer que o apoio electoral a unhas determinadas forzas tivese a ver apenas co seu carácter ex novo, coa súas “novas” formas, coas súas estruturas “rupturistas”. Coa telexenia dos seus flamantes referentes. Certamente, a escenificación ten servido de factor acrecentador, que alentou a proxección discursiva dalgúns actores. Porén, por máis difusa, demagóxica ou reformista que for a proposta política dos emerxentes, foi precisamente a confianza (máis ou menos acrítica) nela un importante motor do seu vertixinoso medre electoral. Engádese tamén o crecente valor instrumental do voto, que explica a transferencia de votos dunha banda para outra e mesmo espazos de intersección a priori inexplicábeis (votantes do PP que pasan a apoiar Podemos ou electoras de Podemos que se decantan por Ciudadanos). Instrumental ao servizo dun obxectivo no concreto e no inmediato. É a maximización, até o paroxismo, do histórico voto de castigo. Votar para remover, inda sen certeza de se haberá mudanzas de fondo, nin en que sentido. Voto desde a fartura e o cansazo dun povo esgotado de tanto saqueo.

  Como xa sostiven nalgún outro artigo (http://www.sermosgaliza.gal/opinion/xabier-p-igrexas/discurso/20160108030227043896.html) , o discurso non é accesorio como puidera parecer, senón mesmamente o elemento central. De aí a gravidade da omisión de quen quere ver atallos nos espellismos. Porque o argumento central para defender a confluencia, isto é a inserción do nacionalismo no seo dunha articulación electoral baixo liderado e programa alleos, é por activa ou por pasiva o da incapacidade. O da falsa certeza de non termos capacidade por nós propias. O do inevitábel risco da desaparición institucional. O da profecía autocumprida de que non temos xa nada que facer.

  O mellor retruque a este artefacto discursivo, do todo vale, para xustificar a deserción electoral do nacionalismo galego para concorrer baixo disfrace emprestado, deuno a nova voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, no decorrer da XV Asemblea Nacional da fronte. “As ideas que non se defenden, que non se sementan, non poden avanzar” clamou Ana Pontón. Unha fórmula ben sinxela. Mesmo podería considerarse unha simpleza obvia, pero que expresa o quid da cuestión. A de se estamos ou non en disposición de defender sen complexos a nosa propia proposta política, de popularizar as nosas alternativas, de espallar o noso proxecto de transformación, tecendo complicidades, explicando, contrastando, convencendo e emocionando. De se cremos ou non no noso povo e na nosa capacidade para o sumar na nosa causa facendoa súa. De se nos damos ou non por vencidas.

  Durante o debate comarcal dos relatorios da Asemblea Nacional puido ouvirse polo baixo a unha significativa compañeira reaccionar diante do apoio maioritario á tese de apostar nunha papeleta nacionalista, afirmando que “están enterrando o BNG”. Supoño que nun figurado sentido electoral. Porén, o único certo é que no que unha amplísima maioría do BNG apostamos este pasado domingo foi en non claudicar, en non nos render, en non nos dar por mortas. En actualizar a nosa proposta, en precisar o noso discurso, en novas referentes e novas equipas, ao servizo da mesma causa política, a da plena emancipación do noso povo, a da conquista dun futuro de liberdade e prosperidade para as clases populares de Galiza. A do cambio real e profundo. Co firme propósito de seguirmos a sementar con intelixencia, para facermos avanzar treito a treito --pero con ambición-- o proxecto de transformación radical da realidade que queremos seguir a encarnar. Inda que chova duro fóra.

  Nós tamén navegar.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[04-03-2016 12:49] Hadrián San Roque comentou:

Para "foto fixa" a que acompaña ao teu artigo: frontismo? Ulo? (non quero fantasear ca imaxe rumbeira dos palmeiros da esquerda e os escachados da dereita).
En todo caso, como é máis do mesmo, súmome ao de "sementar intelixencia", "avanzar treito a treito", e ao de "tecer" (que foi o verbo estrela na AN pasada)... por iso marcharei onde hai peixe...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Manifestación do Día da Patria Galega de 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal