18:39 Mércores, 01 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-05-2010

Tempo de encrucillada entre as diferentes vías da comunicación, polas que se aceleran as relacións espazo-tempo: idades, etnias, culturas, relixións, clases...

E o 18 de maio...."Día Internacional dos Museos", baixo o lema "Museos e harmonia social"

Valorar (7)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Escaleiras de caracol so Museo do Pobo Galego (Santiago)


A un día segue outro e ao 17 o 18 de maio,  este no calendario dos "Días Internacionais", dedicado polo ICOM e dende o ano 1977, como "Día Internacional dos Museos".  O obxectivo para esta xornada  é reunirse ao redor destas institucións para afondar sobre seus fins  e á luz dun  lema  que para esta ocasión  un comité consultivo propón o de "Museos para a harmonía social". Non está mal a frase e o precepto para matinar e sobre todo para practicar. Polas vías de comunicación a sociedade acelérase cara á globalidade, deixando na cuneta a uns, provocando desequilibrios, marxinación entre outros. O de "harmonía" sona a música celestial de arpa. A devandita declaración de principios arguméntase en que " os museos son un medio importante para os intercambios culturais, para o enriquecemento das culturas, para o avance do entendemento mutuo, da cooperación, da paz entre os pobos" e bla, bla, bla...: diálogo, tolerancia, convivencia, desenrolo baseado no pluralismo, na diferencia, na creatividade, todo a fin de entenderse pero distinguíndose . Buscar o común pero conservado a identidade, a diferencia na pluralidade. Palabras cargadas de futuro, pero de momento discurso para cubrir o trámite da cerimonia dun día, fronte a esa outra realidade, a do tiránico capricho dos megalocentros, nacidos na nada creativa secuencia da imitación e da competencia dunhas cidades coas outras, para logo non saber o que poñer,  facer, e menos como xestionar semellantes dinosauros para entregarlle e crear vida  ó seu redor. 

O lema preséntanse  neste "día" con toda a grandilocuencia que requiren as cerimonias. Botafumeiros que non deben ensombrecer os outros fins dos museos, o acopio a salvagarda de patrimonio, etc: "Museos e harmonía social" . Como todo é relativo contrastamos co estado da cuestión nesta nosa particularidade, onde as tres universidades -as que deberan regar universo sobre a realidade e o futuro-   aínda non asentaron a especialidade de Museoloxía en Galiza. Ciencia que tanto supón para a identidade como para a dinamización dos contextos nos que se asentan estas institucións, para a xestión desa fonte de recursos que é o museo, tan en relación coa educación e o turismo. O museo que é continente e contido signico, atrae, e debe estar preparado para satisfacer as necesidades dos seus visitantes, para particularizalos, entregarlles humanismo e facer deles actores máis que espectadores. En torno á formación dos profesionais da museoloxía e da súa actividade nace unha serie de industrias: especialización de arquitectos, conservadores, deseñadores, mobiliario, iluminación, sistemas audiovisuais, audioguías, de conservación, bibliografía, merchandising... non temos máis que observar o que acontece en Cataluña, a onde acoden os nosos estudiantes para especializarse, para facer masters sobre museoloxía, con proliferación de deseñadores, eventos, ofertas e tamén empresas sempre atentas  ao mercado e ás convocatorias de Galiza.

Tempo de encrucillada entre as diferentes vías da comunicación, polas que se aceleran as relacións espazo-tempo: idades, etnias, culturas, relixións, clases... Como obxectivo e sobre todo sempre debera estar a persoa, o humanismo, a dignidade dos seres racionais, esa filosofía na busca de cousas tan sutís e fráxiles como a verdade e o ben, tratando de tender pontes de encontro e respecto. A cada intre o reto dun esperanzado novo futuro. Velaí a beleza deste noso mundo, sempre en devalar para  enxergar e asombrar. Universo que nos empeñamos en  empobrecer en  uniformar a golpe de supermercadeos.  As individualidades reúnense e concordan nestes "días" de cerimonia, para repetir mensaxes como compromiso social,  eliminar barreiras, evitar os desequilibrios co medio ambiente, coa sociedade, coa tradición, entre un e outro punto cardinal. A pretendida harmonía social está en atoparse ben nas relacións con un mesmo, cos demais e con ese escenario común que é a natureza. Así se constrúe a cultura, como unha resposta colectiva, a que os seres humanos damos para resolver os problemas entre nós e o medio no que vivimos. Así seguimos abrindo camiños, imos facéndonos sociais e polo tanto políticos, limando e fendendo o primitivo egocentrismo. O respecto ao traballo dos demais faise imprescindible nesta estructura na que todos necesitamos de todos na aventura do fráxil planeta Terra sobre a infinitude do cosmos. Compre artellarse na interdisciplinaridade, no interculturalismo, na interacción. Pero para iso están as políticas de gobernos, en ocasións incapaces de entender o que significa un museo hoxe, persistindo na limitación das orelleiras: un expositor de cousas. Así claro que a cultura nin vende, nin da votos.

Os fins esvaécense tamén entre os incensos, caramelizados e comercializados en slogans e fraseoloxía. A institución do museo nace e desenvólvese para preservar e transmitir,  de xeito integral, aspectos da vida, a fin de educar no desfrute e non repetir erros en camiños que deben ser de madurez . Buscar o equilibrio entre todo, tamén entre o ocio e o negocio, informando, formando... Entendido así concluímos con esa frase feita de que o museo é un axente do cambio... o que depende das facilidades políticas e do maxín dos seus xestores.  Sociedade en desequilibrio, tamén entre a razón das teorías e a realidade dos feitos, por eso tantas máximas e días-esquela, recordatorios que para algo terán que valer.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña