03:10 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-02-2016

Nunca aceptei que se repita, mesmo por significados membros do BNG, que os 17 deputados que un día tivemos se debían ao carisma de Beiras

A praxe política está mudando. O BNG debe reaccionar xa.

Valorar (36)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Houbo un tempo no que confrontaron dúas ideas políticas contrapostas. Expresábase unha coa fórmula -en latín, como todo o importante- “quod omnibus tangit ab omnibus approbetur” (o que a todos afecta por todos debe ser aprobado), mentres que a outra se condensaba en “quod principi placuit legis vigorem habet” (é lei o que lle apetece ao príncipe). Cando explicaba isto aos meus alumnos, preguntáballes cal das dúas coidaban eles que era máis moderna. Xogaba con vantaxe e a resposta era sempre presumible: a primeira. Axiña mudaban de opinión, en canto lles dicía que ese “omnibus” non facía referencia á totalidade do pobo, senón, unicamente, aos privilexiados. Efectivamente, na primeira das fórmulas políticas baseouse unha boa parte da Idade Media, mentres que coa segunda entramos nas monarquías absolutas que, durante máis ou menos (depende dos países) tres séculos, foron o sistema político da Idade Moderna. E cando estamos nos mediados do século XVIII, Montesquieu, partindo do xa existente en Inglaterra, teorizou sobre a bondade da independencia dos tres poderes, que, con axustes e desaxustes, van constituír o esqueleto fundamental dun novo sistema que chega ata os nosos días.

Seguro que algúns dos que me lean lembrarán cando Alfonso Guerra exclamou con triunfalismo que Montesquieu morrera. Con independencia da opinión (negativa) que me mereza o grande xacobino do PSOE, debo recoñecer que, seguramente, cando tal dixo, estaba a pensar no capítulo VI do libro XI de O Espírito das Leis do ilustrado francés, onde se le: “Se non houbese monarca e se confiase o poder executivo a certo número de persoas do corpo lexislativo, a liberdade non existiría, pois os dous poderes estarían xunguidos, xa que as mesmas persoas participarían nun e noutro”. Sempre pensei que nas modificacións da Constitución se debería introducir a elección directa e distinta (fóra do lexislativo) do presidente do goberno. Unha vez que se impón a separación de poderes, comezan a se celebrar eleccións e a florecer os partidos políticos, antes inexistentes por innecesarios. Xa desde a Revolución Francesa temos a denominación dereitas e esquerdas, derivada, respectivamente, da colocación na Asemblea dos Xirondinos e dos Xacobinos, o que está estes días a incomodar a un partido que perxura que non é de dereitas nin de esquerdas, senón de abaixo, polo que –digo eu- habería que os acomodar na zona de taquigrafía e non mandalos ao alto como se fosen da “Montaña”, denominación que logo adoptaron os xacobinos e, en 1848, segundo don Carlos Marx, os socialdemócratas.

Cómpre, pois, estar sempre intelectualmente abertos a posibles modificacións do statu quo. Nas liñas precedentes esvaramos por tres sistemas políticos sucesivos totalmente distintos, e cos agora enviados á “montaña” presenciamos algo insólito xa no seu nacemento, tan afastado da praxe no sistema actual que me fixo pensar nun posible cambio de modelo; mais o único que deu de si o parto dos montes foi un ratiño, o que me lembrou o remate da Traxicomedia de don Mendo: “Que viva el Dios de los cielos, / que viva el Dios de Israel, / que despues de tanto lío /sólo se quemó un papel”. Expertos, por profesión, en ciencias políticas, un grupo de ensinantes de ideoloxía de esquerdas viron naquel estoupido do 15M a ocasión de poñer en práctica un experimento. Introducíronse nas asembleas ata apoderarse delas, engaiolando ao persoal cunha aparencia de anarquismo posmoderno baseado nos medios de comunicación de masas e nas posibilidades de internet, mundo no que confeso a miña ignorancia, pois de redes sei o mesmo que aquel cativo ao que un compañeiro de aula preguntou en que traballaba seu pai. “Anda navegando, coas redes...”, respondeu este. -Ah!, internet, infovía.... -Non, paréceme que anda as sardiñas, pero heillo preguntar. Crieime entre barcos e farteime de palmear redes, pero así como Otero Pedrayo dicía que el era unha pantasma do século XIX, eu coido que non lle ofenderá se digo que, en certos temas e técnicas, son unha pantasma do S. XX.

Cheguei a pensar se por fin estabamos diante da aldea global de McLuhan e se o medio era realmente a mensaxe ou mesmo a masaxe, así como se podiamos volver á democracia grega, directa e participativa, a traveso das redes; mais o espellismo durou pouco, descoñecendo eu se o fallo estivo na ferramenta, no método ou nos líderes. O resultado foi que, en nada de tempo, pasaron das mans de Fanelli ás de Lafargue, xenro de Marx e mestre ideolóxico de don Pablo Iglesias de Ferrol. Ao primeiro todo era debate e votación, agora xa estamos no ordeno e mando de Pablo Iglesias de Madrid. Non vou repetir o que moitos andan a dicir sobre o engano de ter grupo parlamentario as Mareas, pois estou xeneroso e prefiro pensar que os integrantes destas non son parvos, senón, como moito, aproveitados e copartícipes do fraude a posibles votantes que non teñen por que coñecer o regulamento do Congreso. Meteron o seu con día e a cobrar e a ser señorías, ás que lles aplico o seu propio slogan: “Que non me representan, que non”. En Madrid estou orfo.

O populismo despregado por Podemos, coa volta ao asemblearismo físico e a introdución do virtual no xogo partidario, puxo dos nervios a todos os demais partidos, BNG incluído, que, inmediatamente, se dispuxeron a imitalo, mais cunha grande e epigonal carencia de xeito e credibilidade.

O que a min me preocupa é o bochornoso papelón, que xa critiquei en anterior artigo, que fixo o BNG, insistindo nun posible xuntoiro con eles. Pensei que escarmentaran, mais vexo que aínda hai quen non, e volven a insistir nunha aproximación. Mentiría se digo que me estraña, como tampouco me admira que algúns non tivesen valor para acompañar na defección aos que liscaron despois de Amio. Uns quedarían por dúbidas e de boa fe, outros porque teñen un carguiño e para deixalo hai tempo, algúns porque un submarino dentro da organización pode chegar a subir a súa propia cotización diante da outra. En fin, cada quen saberá por que non arriou cabos e se pensa facelo agora ou aínda non lle cómpre. O que teño claro é que todos os postos son da organización e a ela se deben. Nunca aceptei que se repita, mesmo por significados membros do BNG, que os 17 deputados que un día tivemos se debían ao carisma de Beiras. Non esquezo que tiña o mesmo carisma que antes, cando, nas xerais de 1977, non conseguiu nin un só deputado co PSG, malia o meu voto, pois daquela andaba nesa órbita. Era comparable a militancia e o aparato do PSG, partido de cadros, e o do BNG? Aquel lote de deputados foi froito do traballo de todos e mesmo aceptaría, con reservas, falar de simbiose (carisma de un e traballo de moitos), algo que non diría de algúns outros cargos, pasados e presentes, que considero máis ben parasitarios.

As defeccións, producidas estratexicamente e con publicidade, xa están a durar de máis, xa cheiran, e, se non se aplica cirurxía drástica, a gangrena localizada podrecerá todo o organismo. Se ao final, tal como enxergamos, a UPG vai ficar soa, a que agarda para, por unha vez, facer bo o mantra, obviamente falso, de que controla o BNG manu militari e invita a marchar aos que se senten incómodos dentro? Pasan anos e todo segue igual. O 9 de decembro de 2011 retomei neste mesmo xornal anacos dun artigo titulado “Do malinchismo duns ao relativismo doutros” (26/06/2009) que escribira para Xornal de Galicia. Dicía: “E escóitase tamén, dentro do nacionalismo, que hai insinuacións de conivencias, de adaptabilidade, de saber ler o que queren os que non nos votan e abandonar o resistencialismo”. Denunciei, van alá case sete anos, esta postura, ilustrando a argumentación coa resposta daquel pastor de Santorini, que, cando lle dixeron que as cabras freaban o progreso de Grecia, respondeu: “Que valor ten o progreso, se esixe que deixemos de ser nós mesmos”? Hai uns días, Lores, alcalde de Pontevedra, dixo que el non está disposto a perder as esencias nin a vestirse de lagarterana. Sempre mantivo esta postura, e ninguén pensará que recunca de alcalde, elección tras elección, só cos votos dos nacionalistas. O que quere o pobo é autenticidade.

Se o BNG quere seguir sendo quen manteña as esencias da nosa Terra e loitar pola súa liberación nacional, pola soberanía que lle permita ordenar, administrar, potenciar e gozar das súas inmensas posibilidades, se quere traballar por un futuro digno para todos os galegos, non lle queda outra que principiar por deitar fóra os atrancos que impidan afianzar alicerces, tirar tabiques, reordenar espazos e dotarse de medios e de persoas áxiles que insuflen seiva nova ao moito bo que hai dentro. Se a isto se lle chama refundación, pois adiante con ela, mais bulindo, que o tempo non agarda por ninguén.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.




[09-02-2016 11:47] Alarico comentou:

Um artigo bem reflexionado desde a razom e a experiência. A analise de Beiras é correctísimo; só os “medias” estám a construir desse homem, por certo nunca mudou do que foi e é; um social-democrata pinheirista.

[09-02-2016 00:37] Micro comentou:


Así, así, sin peerder mais tempo. O e a que sexa de lei xa virá.....

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña