18:39 Sabado, 16 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-02-2016

Grazas por terdes sido firmes nas propostas desta figura da dación en pagamento en reiteradas ocasións no Congreso

Grazas BNG. Grazas Jorquera, Olaia e Rosana…

Valorar (30)

EDUARDO ÁLVAREZ



Na mañá de hoxe, día 3 de febreiro, coincidindo coa publicación desta miña colaboración en Terra e tempo, está tendo lugar nunha notaría de A Coruña o outorgamento dunha escritura pública de dación en pagamento duns amigos meus a favor da primeira entidade financeira do Estado.

No ano 2007, cadrando coas optimistas declaracións do daquela presidente do Goberno cando manifestou que España superaría a renda per capita de Alemaña no ano 2010, estes meus amigos, pais de tres fillos, caeron tamén no espellismo tentador das ofertas dos créditos hipotecarios. Compraron unha vivenda de segunda man por 136.000 euros. El traballaba como condutor de reparto e ela como empregada de fogar ao servizo de tres empregadores distintos. Coidaban que, cos ingresos de ambos, ao cabo de trinta anos e cando xa superasen os setenta de idade, darían saldado a desmesurada débeda que viñan de contraer. Mais as contas non lles foran explicadas correctamente nin por parte da entidade financeira nin polo notario que autorizou a escritura. Á hora da verdade adquiriron unha vivenda polo valor real de 136.000 euros coa subscrición dun crédito que incluía 163.659,80 euros, isto é o 120,34 por cento do seu prezo, máis unha responsabilidade hipotecaria (xuros ordinarios, xuros moratorios, custas e gastos) que sumaba exactamente 91.567,66 euros. En total, entre o montante do principal e os demais conceptos, a débeda ascendía a 255.227,46 euros.

Na mesma escritura hipotecaria foron incluídos obrigatoriamente como gastos a subscrición de dous seguros, un de fogar, como garantía do deterioro da vivenda por sinistro, e outro de protección de préstamo, de prima única, por importe de 4.200 euros, adxudicado, como cláusula unilateral do banco, a unha entidade aseguradora do seu propio grupo empresarial. Deste segundo seguro non se lles entregou copia da póliza aos hipotecados nin antes nin despois da sinatura da escritura, mais aventuro o seu contido: durante cinco anos esta aseguradora faríase cargo dos incumprimentos dos debedores por causas de morte, enfermidade, incapacidade ou desemprego; pasado ese tempo, os hipotecados deberían enfrontarse eles sos á adversidade. O caso foi que, ao transcorrer xustamente ese prazo quinquenal, chega o desemprego a un deles e os ingresos do outro non son en absoluto suficientes para satisfacer os compromisos contraídos. Sucédense os impagamentos e, finalmente, o banco accede á dación en pagamento para poderen os meus amigos saldaren a débeda e, deste xeito, eludir responder con todos os seus bens presentes e futuros fronte á obriga hipotecaria. Eles están hoxe contentos por teren conseguido chegar a esta pequena solución da dación en pagamento.

Por iso, neste momento, non podo menos que agradecer en nome dos meus amigos, e tamén no meu propio, ao BNG e, persoalmente a vós, os exdeputados Jorquera, Olaia e Rosana, por terdes sido firmes nas propostas desta figura da dación en pagamento en reiteradas ocasións no Congreso. Xa sei que o que demandastes nas vosas proposicións de lei non foi tido en conta pola obstinada oposición dos partidos maioritarios ao alegaren que a dación en pagamento crea inseguridade xurídica e limita o tráfico económico, pero a vosa insistencia na consecución desta demanda, máis a posterior presentación da iniciativa popular neste mesmo sentido, conseguiu que, pasado o tempo, se permitise chegar a solucionar parte dos problemas dalgúns debedores hipotecarios. Non se acadaron as reformas das normativas procesual, hipotecaria e civil para que se contemplase a dación en pagamento de forma obrigatoria para os bancos, tampouco se previron as preceptivas negociacións nos procesos executivos hipo­tecarios que conducisen a unha moratoria no pagamento dos prazos pactados acomodándoos á situación econó­mica do debedor, nin se contemplou a transformación nun contrato de arrendamento con opción de compra ou a condonación parcial da débeda como vós demandastes. Mais, o caso é que os bancos, a través do denominado código de boas prácticas bancarias, admiten agora unha pequena porcentaxe de dacións, que non acada o 13% das solicitudes. E dentro desa baixa porcentaxe encóntranse os meus amigos no día de hoxe.

A insistencia do BNG neste eido, estou seguro, contribuíu a que estas dúas persoas e os seus fillos se liberen dun grande peso sobre as súas vidas.

Con intervencións como esta, compañeiras e compañeiros do BNG, e con outras moitas similares executadas nos órganos de representación, mais tamén a cotío no traballo diario, é como se defende o pobo e como se fai política a favor da nosa sociedade e non con ese outro tipo de actuacións, tan de moda nestes tempos, que se traduce en declaracións pomposas nos medios de comunicación e en xogadas de prestidixitación que pretenden provocar a admiración da sociedade relegándoa á simple condición de espectadora.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña