01:18 Xoves, 20 de Febreiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-02-2016

Debatamos e camiñemos cara ao país que soñamos

Campá que repite o mesmo son

Valorar (31)

MARICA CAMPO



Como moitas persoas lembrarán, houbo unha vez un reality ou talk show televisivo chamado Lo que necesitas es amor. Se a memoria non me falla presentárao primeiro Isabel Gemio, despois Jesús Puente e ao final Pedro Rollán. Dedicábase a xuntar parellas, a maioría delas fracasadas en intentos anteriores e moitas veces con antecedentes de malos tratos. A presión sobre o elemento que se resistía a repetir o experimento –case sempre a muller- non era pouca, desbaratando así a súa determinación, se cadra conseguida con dificultade, de escapar para sempre dunha relación tóxica. Eu non o vía asiduamente, mais pasaba por el para comprobar que aínda seguía alí, porque me estrañaba que non o prohibiran xa que, dalgún xeito, contribuía á violencia machista.

Fica aí este exemplo e que cadaquén faga a lectura que máis se adecúe ao seu xeito de pensar. O meu é que, os que non se queren ben, non teñen que empeñarse en estar xuntos porque non se poden dar amor.

Levo anos escribindo aquí e alá, sen ocultar as miñas preferencias, mais apelando á unidade do nacionalismo. Son, xa que logo, campá que repite sempre o mesmo son. Porén, volvinme pesimista nos últimos tempos, farta de ver como se deosta a organización á que pertenzo, o BNG, e maiormente a malvada UPG que, polo visto, é a culpábel de todos os males. Se non tivese ollos e ouvidos, chegaría a acreditar no que no artigo anterior chamei mantra: “a culpa é da UPG”.

A UPG non lles parecía molestar a certos e certas militantes mentres ocuparon importantes cargos. O BNG non chegara á fin do seu ciclo mentres pisaban moqueta. Agora si, e cómpre espallalo aos catro ventos para facer o maior barullo e dano posíbeis. Mais eu dígolles que, xa que tiveron postos de responsabilidade, terían máis a ver na súa deriva que  quen  fomos sempre só militantes de base.

E volvo ao comezo, mais para darlle a volta. O que precisamos é amor, pero non aos nosos embigos, nin sequera ás siglas baixo as que militamos, senón a Galiza. Aí, nese amor, é no único lugar onde poderíamos confluír todas e todos. Porque o certo é que, con votos e sen votos, hai quen está a pé de obra e quen gasta os seus esforzos en debates estériles e batallas contra os que lles deberían cadrar máis cerca. E, mentres, os  problemas seguen sen solucionar: leite, pesca, naval, celulosa, despoboamento, etc.

E tamén necesitamos amor no sentido de que nos correspondan. Por iso, á marxe da volatilidade dos votos, da axuda ou non dos medios, da eficacia comprobada do que por veces se semella máis á publicidade que á ideoloxía, cómpre unha renovación a fondo despois dunha análise exhaustiva das nosas eivas e tamén das nosas virtudes. Porque peor que non ver as primeiras é non valorar as segundas.

Sen complexos e coa flexibilidade de quen non se aferra a dogmas caducos e, asemade, con respecto aos alicerces sobre os que se construíu o nacionalismo, debatamos e camiñemos cara ao país que soñamos.

Nada se constrúe deixando detritos, baixo o anonimato, polos foros e publicacións de internet. Talvez o ruído de catro ou cinco persoas que, se non son resentidas, ben o parecen. Eu só desexaría saber se as acompaña a razón e, para iso, non estaría de máis que, no canto de descualificar, argumentasen.

Remato clamando, mais unha vez, pola unión e pedindo desculpas polo que pode soar a teleprédica. Saúde e terra!

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña