12:43 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-02-2016

Recuperemos a capacidade para establecer sinerxías entre as persoas e organizacións nacionalistas que traballan en distintos ámbitos

O éxito do nacionalismo non é noticia

Valorar (42)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Hai dous días o Consello Nacional do BNG rematou os traballos de elaboración dos documentos que empezaremos a debater militantes e simpatizantes en múltiples reunións até chegar á sesión plenaria da Asemblea Nacional o día 28 na cidade da Coruña onde despois de múltiples reflexións, aportacións e debates aprobaremos os documentos que guiarán o camiño da fronte patriótica no vindeiro período ao tempo que elixiremos os seus órganos de dirección.

Quen estea lendo isto pensará que me equivoquei ao non ver relación entre o título do artigo e o primeiro parágrafo do mesmo pero si que a hai, estade segur@s de que a hai. Despois do pésimo resultado electoral do BNG decidiuse alí onde se deciden as cuestións importantes que se daba por finiquitado  o nacionalismo galego como expresión política e electoral autónoma, por reseso, cuadriculado, alonxado das novas tendencias, etc...., e ao longo deste mes de febreiro co debate real e cos debates inventados o nacionalismo superará todos as marcas en canto a presenza nos informativos, xornais, tertulias e demais instrumentos de construción de opinión manipulada. Fronte á participación de milleiros de persoas nun debate aberto e profundamente democrático que ningunha outra organización política ten capacidade de dar no noso país recuperaranse as etiquetas que levamos desde hai decenios: no Bloque todo é control, o nacionalismo é todo rixidez, non se permite a participación, contrólao todo o núcleo de titanio, mandan os coroneis..., e aínda por riba non saben rir e andan sempre con cara de cabread@s.

Tranquilidade, non vos poñades as persoas que ledes Terra e Tempo nervos@s, sei que nestes días ademais contamos con algunha xente que non nos le a cotío e precisa algo de material para escribir libelos e ampliar o seu currículo de benególogos, upególogos e nacionalistólogos; vou xa á cuestión que interesa.

No pasado mes de decembro poucos días despois do 20 de decembro famoso produciuse un feito relacionado tamén co nacionalismo e con resultados electorais que ao meu entender debería ter sido obxecto tamén de grandes titulares, seriais, tertulias, etc...; pero para a miña sorpresa non vin a noticia por ningures, e cando me refiro a ningures falo, entendédeme ben, de medios serios ou tertulias de altura non deses panfletos nacionalistas que xa se sabe que non son obxectivos e inventan unha Galiza que só existe nas súas mentes enfermizas e sectarias.

O 31 de decembro pasado pechouse o cómputo das eleccións sindicais celebradas en Galiza nos últimos catro anos, cómputo que sirve para definir a representación que ten cada organización sindical no mundo do traballo na nosa nación. E neste período de cómputo dos últimos catro anos só houbo unha organización sindical que avanzou en Galiza, esa organización sindical é a Confederación Intersindical Galega-CIG.

A CIG neste momento conta con case o 27% da representación sindical no noso país sendo a segunda central sindical en porcentaxe de representación, quedando a menos dun punto de UGT e con posibilidades de superala nos vindeiros meses nos que aínda haberá procesos electorais en moitas empresas aínda que non sumen a efectos oficiais de medir o nivel de representación sindical.

O sindicalismo nacionalista é primeira forza na provincia de Pontevedra que é a máis industrializada de Galiza, na comarca de Ferrol e en sectores tan importantes como Industria, Ensino, Saúde e Administración, sendo segunda forza ademais nas provincias de Coruña e Ourense e en sectores como Construción e Servizos.

Haberá persoas desanimadas debido ao dano que provoca o repetitivo discurso de que o nacionalismo xa non pinta nada no país que recibiredes con estrañeza e sorpresa esta información, garántovos que é unha información totalmente certa.

Este é un exemplo máis de como funcionan os chamados medios de comunicación no noso país, unha demostración de que existe unha censura real e de que só se publicita o que interesa, pois na sociedade do espectáculo na que vivimos a maioría da poboación só ten acceso a aquela información que decide o poder.

Certo que a expresión política maioritaria do nacionalismo está a pasar por un momento moi delicado, certo que debemos proceder a unha modificación de determinados xeitos de actuar, pero a nosa lóxica preocupación non debe levarnos a crer nos discursos catastrofistas nin a apostar por saídas que poñan en perigo un longo traballo de décadas de construción de conciencia nacional.

E se no político nunca o tivemos doado imaxinemos o duro que é facer sindicalismo nacionalista e valoremos a valentía de 4259 traballadores e traballadoras que neste momento son delegados e delegadas sindicais da CIG nas súas empresas dando a cara polos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras e poñendo a cara polo sindicalismo nacionalista e de clase, un poñer a cara que no mundo do traballo moitas veces significa ter todos os boletos para que llela tenten partir por medio de ameazas, ou co recurso ao despido.

Debatamos, reflexionemos, berremos se o precisamos nalgún momento para liberar presión, pero non perdamos de vista o obxectivo que é afortalar o nacionalismo, e recuperemos a capacidade para establecer sinerxías entre as persoas e organizacións nacionalistas que traballan en distintos ámbitos. Non caiamos no engano tan de moda nos últimos tempos de que o obxectivo é rematar co PP e para iso todo vale; claro que nós queremos rematar co PP pero botalos fóra non pode ser un obxectivo en si mesmo debe ser un medio para construír algo a partir dese momento; e o nacionalismo se quere construír algo ten que facelo presentándose diante dos galegos e galegas con un proxecto propio.

A ruptura co réxime do 1978 e coas políticas neoliberais non vai vir de quen só quere ser un recambio nin de quen perdeu xa a confianza no noso pobo para poder liberarse e construír unha Galiza máis xusta. Sei que dicir isto a algunhas persoas pareceralles duro, e hai quen me criticará pero neste tempo no que a moda é popularizar conceptos baleiros pero con moita sonoridade tipo “casta” ou “os de arriba contra os de abaixo” por medio de efectivas operacións de marqueting e imaxe creo que debemos levantar a bandeira das conviccións ideolóxicas; o discurso individualista do “emprendedorismo” e o discurso supostamente moi progresista dos “máis preparados”  como quen están chamados a gobernar son ambos á  hora da verdade a consagración do discurso das elites. E dáme igual que as elites sexan económicas, militares ou académicas.      

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[02-02-2016 00:45] Micro comentou:

Moi acertado. Cos pes na Terra. A teoría faise sobre a práctica. Agora xa hai quen considera o sindicalismo nacionalista un estorbo para as novas torías líquidas.
Cando Franco ficou definitivamente no Escorial había na Complutense de Madrid na Facultade de "Ciencias Políticas y Sociología" un Grupo de intelectuales admiradores de Altuser e Gramsci que os alcumaban "Os Altuserianos".Baseaban a súa particular revolución na "PRACTICA TEÓRICA".Foinos colocando o PSOE..... Como farían algúns para dar no século XXI co testamento dos altuserianos?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña