19:14 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-01-2016

A nación serve para privilexiar unha toma de conciencia que vai máis alá dunha conxuntura concreta

As Irmandades: Da emoción á nación

Valorar (16)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Hai un intento de relegar ao nacionalismo ao ámbito do emocional precientífico. No fondo responde a persistente estratexia de reducir á condición animal (isto é incapaces de razoar) aos disidentes da cosmovisión individualista globalizante imperante. Mais compre lembrar que non sempre houbo nacionalismo e si emocións, e foi precisamente cando esas afeccións se formalizaron en propostas políticas e se estableceu unha canle de comunicación cos outros, cando se empeza a dáreslle voltas ao concepto de nación. Tratábase de resolver problemas sentidos mais invisíbeis para as categorías coas que se formalizaba o mundo por entón como a de Imperio, Reino, etc... A nación era a resposta axeitada para deslexitimar aos que decidían sobre uns asuntos que a eles non lles preocupaba. A nación serve para privilexiar unha toma de conciencia que vai máis alá dunha conxuntura concreta. Hai feitos que poñen en evidencia a pertinencia estrutural do nacionalismo e ao fin, supoñen unha racionalización do mundo que transcende o impulso espontáneo e amosan a falsidade dunha irracionalidade imputada por quen a practica desde unha regresión fundada na mistificación do presente e na ocultación do pasado.

Si, a nación ten moito que ver coa razón. Mais tamén compre recoñecer que existía esta antes de que houbera nacionalismos. Era unha razón universal e abstracta que non tiña corazón. Era insensíbel á realidade específica na que cada quen vivía. Era como a de aqueles xenerais napoleónicos que no nome da liberdade ordenaron meter en gaiolas e mergullar até afogar a 600 escravos haitianos que resolveron rebelarse contra a súa explotación. Foron os soldados polacos coas súas "irracionais" crenzas e tradicións quen desobedeceron dita orde que ía contra as súas “reaccionarias” conviccións relixiosas.

E así nace a nación. Como un xeito de conciliar a razón coa emoción, de superar esta disociación e servir de base para a convivencia dunha humanidade diversa que ao mesmo tempo teña unha categoría que os iguale independentemente da forza que cada quen posúa. E a nación veu para quedar. Mais non será doada a súa implantación porque ten inimigos moi poderosos. O imperialismo non soporta este concepto e tratará de dinamitalo de moitos xeitos. E non me refiro ao antinacionalismo como apoloxía indirecta da dominación estranxeira. Refírome aos que optaron por destruír desde dentro esta idea. Os primeiros en facelo foron precisamente quen a pariron como xeito de lexitimar a emancipación da metrópole (EEUU) ou de retirar a soberanía dunha clase social para entregarlla ao pobo (Francia). En canto do que se trataba era de ser eles metrópole e exterminar aos demais pobos o concepto de nación era unha limitación, só Napoleón tivo a honestidade de definirse como emperador. Mais desde o punto de vista teórico a estratexia foi considerar que só eles e aqueles que non eran quen de dominar eran nación, mentres que os que derrotaban aínda non chegaran a selo, como certifica o feito de que foron vencidos. Así xustificaban os teóricos franceses que non se lle dera a autodeterminación a Alxer. Lembremos que a Constitución Francesa consagra o dereito de autodeterminación dos pobos, o que pasa é que non recoñece a entidade de nación a quen non teña xa exercido ese dereito e constituído en Estado. Os españois progresistas optaron xa desde as Cortes de Cádiz de 1812 por un concepto de nación que era sinónimo de imperio e con iso xa resolvían o problema teórico dando conta do absurdo lóxico e da mediocridade intelectual que estes acadaron: “La nación española es la reunión de los españoles de ambos hemisferios”. E quen son os “españoles”?. No artigo 5 di “Todos los hombres libres nacidos en los dominios de los españoles y los hijos de estos”. Pois vaia definición circular!. España é a reunión de todos os españois e español é o nacido en España. Iso si, observade que se refire aos “libres”, pois nada di sobre os escravos que nos territorios españois foron os últimos en obter a ilegalización desta práctica na América (curiosamente en Filipinas deixáronos ceibos antes). Isto non lles impide aos liberais españois arrogarse a defensa dos ideais de igualdade, fraternidade e liberdade.

Certo é que no artigo 10 cita literalmente os territorios que comprende España:
“Art.10. El territorio español comprende en la Península con sus posesiones e islas adyacentes, Aragón, Asturias, Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Cataluña, Córdoba, Extremadura, Galicia, Granada, Jaén, León, Molina, Murcia, Navarra, Provincias Vascongadas, Sevilla y Valencia, las islas Baleares y las Canarias con las demás posesiones de Africa. En la América septentrional, Nueva España, con la Nueva Galicia y península del Yucatán, Guatemala, provincias internas de Occidente, isla de Cuba, con las dos Floridas, la parte española de Santo Domingo, y la isla de Puerto Rico, con las demás adyacentes a éstas y el Continente en uno y otro mar. En la América meridional, la Nueva Granada, Venezuela, el Perú, Chile, provincias del Río de la Plata, y todas las islas adyacentes en el mar Pacífico y en el Atlántico. En el Asia, las islas Filipinas y las que dependen de su gobierno."

Cando menos hai un intento de disimular a xerarquía ao citalos en orde alfabético e sobre todo é de recoñecer como o emprego do termo “as españas” ao longo do texto implica unha concesión á diversidade. Mais progresivamente esta tensión entre realidade sentida e legalidade formal que atravesará as constitucións coas que este Estado tratou de dar asento a este problema foi decantándose por finalmente resolver por un dos polos até que eliminou totalmente a relación de topónimos que fai referencia aos diferentes territorios. Así na Constitución do 78 fálase de “nacionalidades e rexións” pero non se nomea a ninguén. E a esquerda española non se lle ocorre como solucionar teoricamente esta cuestión senón é negando a existencia do concepto de nación (o antinacionalismo), referíndose a el como ultrapasado, decimonónico ou terceiromundista; ou, o que é peor, falando de “nación de nacións” segundo o cal a razón se autodestrúe por redución ao absurdo. Russell xa refutou isto no 1901 coa formulación da súa célebre paradoxo do conxunto dos conxuntos que forman parte de si mesmos ou, por sentido común, sabemos que ningún obxecto pode ter o mesmo rango e denominación que o conxunto deses mesmos obxectos.

Mais nas “españas” da periferia non agardaron a que no centro razoaran e sentiran, e pronto nos diversos territorios comezaron a pensar por si propios e definirse a si mesmos como nación. Pouco a pouco foron liberándose e dando exemplo aos demais. E mesmo atendendo a distinción que facían na Constitución de 1812, ese mesmo proceso tamén se comezou a dar na península, nas illas adxacentes e territorios do norte de África.

No caso galego ese salto deuse de xeito irreversíbel hai cen anos coas Irmandades da Fala. Non é que no 1916 comezara todo, senón que todo o anterior permitiu servir de base para esa xeración poñerse en pé e proclamar a nosa condición de nación e a necesidade de contar con forzas propias e institucións ao servizo exclusivo do país.

Compre recordar o proceso polo cal se chegou a conclusión de que somos unha nación, o percorrido intelectual que acompañou ao traxecto histórico que houbo que recorrer, sobre todo en dous eixes clave: Do sectorial ao global e do local ao nacional. En definitiva, do sentimento á razón, do mito ao logos. Mais non hai que esquecer que esta razón xa será un tipo de razón preñada de sentimento, de experiencia vital. Será forma axeitada ao contido.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña