19:01 Luns, 06 de Decembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-12-2015

Se non fose un asunto tan serio este de elixir quen nos ha gobernar durante os próximos catro anos, daba para rir ás gargalladas

Rancores que non caducan, pero tampouco matan

Valorar (33)

MARICA CAMPO



Hai rancores de folla perenne, invasores e empobrecedores da terra na que enraízan igualiño que os eucaliptos. Mágoa que non os poidamos cualificar de foráneos como a esa especie arbórea con que nos agasallou o bieito tudense Padre Rosendo Salvado, alá no século XIX, con mellor intención que acerto. Son rancores tipicamente galegos, ligados ao autoodio ou ao desprezo do idéntico.

Acertan, porén, os dos rancores aos que me vou referir porque, a falta de  argumentos racionais, esgrimen o seu mantra visceral, tópico e xa balorecido; mais, ao que parece, con virulencia suficiente como para reproducirse tal certos axentes patóxenos cando saen  dos seus reservorios.

De que estou a escribir? Cal é ese mantra? A cando se remontan as súas orixes? Falo do partido político nado aquí e para aquí, o que supera en cinco anos o medio século, a Unión do Pobo Galego. E o mantra ou refrán parece inspirado naquilo de “la culpa fue del cha-cha-cha” porque di: “a culpa é da UPG”. Pero non hai que se equivocar, seguro que foi Gabinete Caligari, concretamente o seu membro Jaime Urrutia, o que se inspirou nos detractores do tal partido, xa que a súa canción é de 1989. Evidentemente, é unha brincadeira para me apropiar eu da música do desaparecido grupo de rock e adaptarlla á máis repetida cantilena entre os sectores que se din nacionalistas galegos e tamén os outros.

Non son da UPG, mais son da verdade e, aínda que sei que esta nunca é absoluta, algunhas mentiras si que alcanzan ese rango

Vén todo o que precede e o que ha seguir a tergo dos comentarios que estou a escoitar estes días por mor de Nós-Candidatura Galega. Se non fose un asunto tan serio este de elixir quen nos ha gobernar durante os próximos catro anos, daba para rir ás gargalladas. Aínda así unhas cantas poden ser hixiénicas e necesarias.

Atopeime con persoas cuxos rancores se remontaban a cerca de corenta  anos atrás e, o que é peor, ligados a unha persoa xa falecida que, por moito que influíse na tal organización, levaba no momento de desaparecer non menos de vinte e cinco fóra dela. Leo en foros, baixo ese  anonimato que arroupa covardías como cuspiñadas, todo tipo de insidias, insultos, uns como pólas vellas e secas e outros como gromos novos, a perpetuar a árbore. Escoito, por exemplo, a un tertuliano de V televisión descualificar a candidatura co único argumento de “o malo é a UPG...”, así, sen máis, cuns puntos suspensivos que, de tratarse dun debate verdadeiramente plural, alguén lle debería pedir que explicase.

Resulta que estamos diante dun acto de fe, daquela fe que chamaban a fe do carboeiro, a de non se cuestionar nada, a fe cega, é dicir, a definida como “crer no que non vimos”.

Quen isto escribe non pretende defender cegamente nada nin a ninguén: simplemente constata que hai un partido cuxo destino semella ser o mesmo que o dun sparring, sempre a recibir os golpes e nunca a ser recoñecida polos éxitos.

Podería, por idade, coñecer moito máis do que coñezo da historia do BNG e as organizacións que a integran; aínda así, ignoro moitas cousas porque, por circunstancias biográficas, cheguei relativamente tarde ao nacionalismo. Sospeito que, como a min, son moitas as persoas ás que lles acontece o mesmo, por iso moito me gustaría que existise unha publicación na que falasen libremente os que aínda están e, desde as distintas ópticas, os que, xa na outra beira, perduran na memoria dos que os sobreviviron.

Pousos, despois de 55 anos, ten que habelos necesariamente, mais o noso café non pode ser requentado.

Non quero ser herdeira de tópicos, xenreiras, problemas puramente persoais e outras cousas semellantes. A día de hoxe, para min, non hai máis candil que o que aluma e o que me aluma, á luz do que eu vexo os últimos acontecementos, é a xenerosidade e a clara posición de uns fronte á ambigüidade e carga de prexuízos de outros. Que ninguén nos meta o dedo no ollo pretendendo cegarnos porque, como diría o Tío Marcos da Portela, “a razón, mesmo vencida, non deixa de ser razón”. Así que, aínda que nos canten o de que a  culpa foi da UPG, do Cha-cha-cha ou do sursum corda, adiante con Nós.Candidatura Galega. Antes ou despois, a auga aclararase soa.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[02-12-2015 00:11] Micro comentou:


Clariño como a auga.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña