09:57 Xoves, 20 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-05-2010

Coa globalización, o capitalismo adquiriu se cabe un carácter máis virulento, lembrando ás súas formas decimonónicas máis salvaxes

O socialismo do século XXI

Valorar (58)

MANUEL MIRAGAIA DOLDÁN


Friedrich Engels e Karl Marx


A globalización económica e o pensamento único -ideoloxía neoliberal- extendéronse nas dúas últimas décadas por todos os recunchos da Terra. Logo do simbolismo da desaparición do Muro de Berlín, o modelo do welfare state ou estado de benestar occidental e da economía produtiva iniciaron a súa quebra. O ultraliberalismo resultante procurou o enmagrecemento dos estados, conseguindo a desregulación laboral e financeira que arelaba. As consignas de moda repetidas nos últimos anos foron as de deixar actuar libremente ao mercado, non controlar a economía nin as actividades financeiras, mentres iso producía a unha minoría depredadora unhas ganancias fabulosas, en detrimento dunha inmensa e indefensa maioría social.

Desde que nos anos noventa comezou a globalización, o capitalismo adquiriu se cabe un carácter máis virulento, lembrando ás súas formas decimonónicas máis salvaxes. A mesma socialdemocracia, antes keynesiana e defensora do estado de benestar, entrou por medio da Terceira Vía de Anthony Giddens e Tony Blair no eido do neoliberalismo económico e social. A UE, na que participan activamente os partidos da Internacional Socialista, xunto cos populares de dereitas, máis que un espazo político, é un ámbito económico, máis dependente dos poderosos lobbies empresariais que das formas democráticas e dos desexos da cidadanía. Os partidos socialdemócratas, por tanto, son tan responsábeis como os populares da expansión ideolóxica do neoliberalismo e do aumento das desigualdades sociais. Non resulta extraño que xurdan en Europa organizacións políticas antisistémicas, de esquerda anticapitalista e non subalternas dos mal chamados partidos socialdemócratas, como a alemá Die Linke ("A Esquerda) e a portuguesa Bloco de Esquerda, que avanzan imporábeis desde a súa recente creación, recollendo os votos dos amplísimos sectores afectados polas insufríbeis políticas neoliberais.

O grave deterioro planetario do medioambiente, a explotación dos países do Terceiro Mundo, a catastrófica crise económica actual, o enfraquecemento do estado de benestar e as desregulacións laborais son consecuencias directas do neoliberalismo imperante, ás que non se lles busca remedio político. Ao contrario, téimase en afirmar desde as altas esferas políticas do Estado e da UE e de moitos sectores intelectuais que este é o mellor dos mundos posíbeis e que non existe outro tipo de sistema económico e político. Resulta moi nocivo e moi perigoso que, por repetición propagandística e mediática, se chegue a convencer aos cidadáns destas absolutas falacias, que poidan crer que non hai remedio perante o caos económico e as inxustizas sociais.

Nos países latinoamericanos, nos que a miseria xeralizada é unha realidade cotiá e abafante, nos que o imperio norteamericano e as empresas transnacionais veñen extraendo os seus abondosos recursos enerxéticos e minerais desde sempre, sen lles deixaren case nada a cambio, en colaboración estreita coas oligarquías nacionais, estanse desenvolvendo unhas formas revolucionarias de facer política con resultados moi prometedores na mellora das condicións sociais, culturais e económicas dos seus respectivos pobos. Referímonos sobre todo a Venezuela, Bolivia, Ecuador e tamén a Nicaragua. Algúns, como o sociólogo alemán residente en México Hein Dieterich Steffan, alén do propio Hugo Chávez, denomínanas socialismo do século XXI. Este socialismo sería a última fase da súa evolución, pasando anteriormente polas etapas utópica, marxista-sindicalista e soviética.

Porén, o primeiro autor que utilizou esta denominación foi o coñecido profesor de Economía e de Ciencias Sociais da Universidade Estatal de Moscova Alexander Buzgalin no ano 1996, desenvolvéndoo posteriormente en diversos traballos. Buzgalin non cre que unha simple estatalización resolva por si soa os problemas económicos. Defende que só deben entrar no eido da propiedade estatal sectores como a enerxía, os relacionados coas materias primas, a educación, a saúde e a cultura. E nesa propiedade estatal ou pública tería que haber autoxestión, unha participación activa dos traballadores que evite o burocratismo que existía, por exemplo, no antigo modelo soviético. A propiedade privada podería existir nos outros sectores, sempre que non se limitase a unha acumulación capitalista, senón que houbese unha corresponsabilidade social. Todo isto, segundo Buzgalin, tería que darse nunha democracia participativa e de calidade total.

Este socialismo de novo cuño, desenvolvido polos partidos dos presidentes Hugo Chávez, Evo Morales e Rafael Correa, a diferenza dos anteriores, respectaría de xeito escrupuloso as formas democráticas, a existencia dunha pluralidade de partidos, a liberdade de expresión e as eleccións libres. Aceptaría, como non fixo o marxismo-leninismo clásico, a propiedade privada pequena e media. A diferenza do precedente frustrado de Salvador Allende en Chile, substentariase na instauración dunha democracia participativa que tivese en conta os movementos sociais, onde houbese unha simbiose total entre as organizacións de base, os partidos revolucionarios gobernantes e os seus dirixentes. Este tipo de política está facendo que o PSUV (Partido Socialista Unificado de Venezuela) liderado por Chávez sexa imbatíbel electoralmente, malia as presións e boicots abafantes da reacción interna, como a da patronal venzolana, representada pola Fedecámaras, e dos poderes económicos e políticos globais.

O socialismo latinoamericano utiliza os cuantiosos beneficios da venda dos recursos petrolíferos e gasísticos, antes controlados por multinacionais, para mellorar a educación, a sanidade e os benestar social das respectivas poboacións. Resultaria normal pensar en como sería o noso estado de benestar se o pobo galego contase, por exemplo, cos enormes beneficios que xera o noso sector eléctrico, en poder dunha reducida oligarquía foránea.

O socialismo do século XXI procura a formación de bloques económicos rexionais, como é a ALBA, independentes do FMI, para a integración económica dos estados máis progresistas de Latinoamérica, baixo unha economía de características diferentes á capitalista. Dieterich quere que se substitúa a economía de mercado por unha economía de equivalencias ou de valores, moito máis xusta, e que evitaría a explotación e as crises cíclicas do capitalismo, baseada no valor do traballo e non na lei da oferta e da demanda. Este valor do traballo calcularíase polo tempo empregado para cada produto ou servizo. Para determinar os valores utilizaríase a matriz chamada Rosa de Peters. O socialismo, alén de mellor para a humanidade, sería máis viábel en termos económicos, porque non produciría crises cíclicas, que o capitalismo.

Os resultados en Latinoamérica xa están á vista: alfabetización masiva, asistencia médica gratuíta, diminución da pobreza, desenvolvemento da industria nacional, aumento da esperanza de vida, descenso da mortalidade infantil, incremento de soldos aos traballadores, mellora do poder adquisitivo da poboacion. Malia todos os problemas cos que conte, a situación venezolana económica e democrática no presente é moito mellor para a maioría social que a de Grecia, a do Estado español ou a de Portugal. O mesmo filósofo creador do "pensamento débil", o italiano Gianni Vattimo, nunha entrevista recente sinalaba que o socialismo latinoamericano está a ser a grande esperanza do mundo. Veremos se os procesos revolucionarios destes países, sen alianzas militares estratéxicas que os protexan, poden proseguir, malia a probábel formación dunha contra con apoios nas bases militares estadounidenses instaladas en Colombia.


1 2 3 seguinte

[28-05-2010 01:36] O exemplo de Latinoamérica comentou:

O nacionalismo galego podía tomar nota das boas iniciativas que se levan adiante en Latinoamérica.

[22-05-2010 17:41] "A solución vermella" comentou:

A solución vermella do socialismo auténtico, para ben dos pobos e de toda a humanidade, aínda se tardará tempo en ver nos países de occidente. Son moitos anos de propaganda e manipulación mediática a prol do neoliberalismo. Mais cada vez as minorías que as ven van deixando de ser tan minoritarias. O neoliberalismo non ofrece a solución aos problemas sociais, senón que o seu futuro é dar máis do mesmo, máis miseria para a maioría, aumentando as diferenzas e inxustizas sociais. Se se traballa politicamente na sociedade, en profundidade, con algo de pedagoxía -que contrarreste as mentiras do neoliberalismo-, a maioría social decatarase que a solución só pode estar nun socialismo auténtico.
Os cidadáns e cidadás pouco a pouco caerán na desesperanza pola falta de solucións da dereita da falsa democracia do PSOE, e se están minimamente informados acabarán chegando por lóxica á conclusión de que o mellor é o socialismo.

[22-05-2010 17:14] Desburocratización e transformación comentou:

Para conseguir e manter os cambios transformadores é necesario manter unha base social estruturada, activa, ampla e con poder de decisión, e non só que tomen estas decisións os dirixentes dun partido ou organización política concreta. Non facer iso explica a imposibilidade de manter o proceso de transformación por parte de Salvador Allende en Chile e por parte de FSLN no último período gubernamental de Daniel Ortega en Nicaragua -e non só polas actuacións da "contra"- e a vitoria posterior da reacción.
Daniel Ortega aprendeu a lección -tamén os nicaraguanos véronlle a cara ao neoliberalismo de Violeta Chamorro- e agora segue os pasos de Chávez, Morales e Correa de democracia participativa das bases, de control da burocracia política, de impedir a formación dunha "clase política" que pense máis nos seus propios intereses que nos da maioría social necesitada de cambios valentes e realmente transformadores.

[22-05-2010 16:53] As bases sociais comentou:

Para min a principal aportación do socialismo latinoamericano actual é a democracia participativa que propón, na que as comunidades de base da sociedade participan activamente no proceso político e revolucionario. Non todo se reduce ás decisións dos dirixentes do PSUV gobernante, senón que este ten sempre en conta as bases. Iso explica as vitorias electorais e a sintonía da maioría social coa revolución bolivariana.
Conseguir a implicación activa da sociedade nun proceso político é complicado, mais logo de conseguilo iso garante o éxito das transformacións.

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña