15:46 Martes, 07 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-11-2015

A veciñanza comuneira convíñanos ler os programas dos distintos grupos políticos. Para ollar en cales aparece a defensa do monte como titularidade comunitaria

Baldíos, montes veciñais e vindeiras eleccións

Valorar (2)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



Días atrás, no salón de actos da Escola Politecnica de Lugo, tiveron lugar unhas xornadas tituladas "Os montes veciñais: a titularidade comunitaria no contexto europeo". Nelas, entre outros, participaron compañeiros da Federaçao Nacional de Baldios (organización portuguesa que mantén coa Organización Galega de Comunidades de montes, relacions fraternais).

Na intervención dos compañeiros dos baldíos portugueses, contaron que a Lei de Baldíos Portugueses (en vigor após do 25 de abril), tivo máis de vinte intentos de alteración, coa fin de tornalos como terras de carácter privado. Estes múltiples intentos de alterar a lei de baldíos, foron iniciativas dos gobernos portugueses de dereita, aínda que non faltaron intentos cando gobernaron os socialistas portugueses. Todos estes intentos de alterar a lei de baldíos, toparon cun muro infranqueábel: a constitución da república portuguesa.

A constitución da república portuguesa contempla a existencia de tres tipos de titularidades distintas e co mesmo rango: a pública, a privada e a comunitaria (os baldíos). Calquera alteración das mesmas require unha reforma constitucional. Esta reforma, para efectivizala, require maiorías cualificadas. En Galiza non temos recoñecidos os montes veciñais (titularidade comunitaria), como distinta. Tanto na lexislación galega, como na lexislación estatal, están considerados como titularidades de carácter privado.

Dende practicamente a súa constitución, a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), vén reclamando o recoñecemento dos montes veciñais (titularidade comunitaria), como unha máis, distinta e a par dos outros dous tipos de titularidades. Curiosamente nesta reclamación conta coa oposición de todo o sector "forestalista". Mesmo con a oposición das asociacións forestais que teñen comunidades de montes. Fica claro que se os montes veciñais en man común fosen recoñecidos como titularidades nin públicas, nin privadas; senón como titularidades comunitarias,... hoxe as comunidades de montes contariamos coa mellor ferramenta para loitar contra os múltiples e sucesivos intentos de privatizar os montes veciñais.

Os compañeiros dos baldíos portugueses tamén comentaron que un dos puntos do programa do acordo do Partido Socialista, do Bloco de Esquerdas e do Partido comunista como goberno alternativo a dereita portuguesa, e a elaboración dun regulamento da lei de baldíos; lei que a pesar de ter moitos anos de existencia, non conta con ningún regulamento. O cerne deste regulamento vai ser o reforzamento da condición da veciñanza comuneira (dos compartes que din eles). Só será a veciñanza comuneira e xa que logo, titulares das terras comunitarias, as persoas que vivan no lugar, na aldea ou parroquia, ao que foi devolto o monte veciñal (o baldío).

Tamén comentaron que no cadro orzamentario do Programa de Desenvolvemento Rural de Portugal, o 80% do mesmo vai destinado á posta en valor dos montes veciñais, dos baldíos. Este dato dá envexa san se o comparamos co dato de que no Programa de Desenvolvemento Rural Galego, o investimento na posta en valor dos montes veciñais soamente acada o 16% do montante orzamentario. Que a problemática do monte veciñal, do baldío, forme parte do programa de goberno das forzas políticas portuguesas; que no Programa de Desenvolvemento Rural, a maior porcentaxe do orzamento vai destinada a por en valor estas terras comunitarias, amosa ás claras que o monte veciñal, o baldío, está no debate social e xa que logo, no debate político. Pola contra, en Galiza, o monte veciñal ou é o grande descoñecido da sociedade ou é algo residual que ten que desaparecer.

As próximas eleccións que imos ter, son as do 20 de decembro para elixir deputados/as as Cortes Xerais do Estado. Se cadra, a veciñanza comuneira convíñanos ler os programas dos distintos grupos políticos. Para ollar en cales aparece a defensa do monte como titularidade comunitaria e a aposta por poñelos en valor de xeito multifuncional e sustentábel. No programa da candidatura Nós-Candidatura Galega (que por outra banda foi a única que chamou á ORGACCMM para elaborar o programa), aparecen claramente dúas reivindicacións fundamentais da veciñanza comuneira: a defensa do monte veciñal como unha titularidade especial e a retirada das comunidades de montes como suxeitos pasivos no Imposto sobre Sociedades.

A veciñanza comuneira temos que defender os nosos intereses sempre; tamén nas campañas electoriais .Temos que ler os programas electorais dos distintos grupos políticos e ver en cales se defenden os intereses da veciñanza comuneira. Nas vindeiras eleccións do 20 de decembro, o programa que defende os intereses da veciñanza comuneira é o programa da candidatura Nóss-candidatura galega.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña