16:20 Martes, 29 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2015

No plano estritamente parlamentario, para representar a Galiza como nación, só hai dúas opcións: como grupo propio plenamente soberano ou como candidatura galega dentro do Grupo Mixto

Estarmos ou non estarmos como nación: iso é o que se xoga Galiza

Valorar (29)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Sobre a estratexia política que Ramón Piñeiro e Domingo García-Sabell deseñaron nos anos setenta, nos tempos da Transición, creo que aínda hoxe non se dixo todo o que hai saber. Mais nós atopamos un enorme paralelismo entre o que o piñeirismo fixo nese momento histórico e o que agora están a facer  figuras tan destacadas como Xosé Manuel Beiras ou Méndez Ferrín. Eu, desde logo, non vexo ningunha semellanza entre o que defenderon Castelao e Bóveda nos anos trinta e a liña de actuación política que iniciou un sector do nacionalismo galego hai varios anos. Castelao e Bóveda o que pretenderon foi fortalecer o proxecto de Galiza como nación, buscando máis aló do galeguismo, claro que si, a unidade popular que se precisaba para aprobar o Estatuto de Autonomía e conseguir un marco xurídico-político que lle permitise á nación galega e ao Partido Galeguista  xogar outro papel. Nada a ver co que ultimamente aquí outros puxeron en marcha: a destrución do nacionalismo galego como alternativa política para o país e a substitución das forzas políticas propias por partidos estatais como IU e Podemos. Eu podo aceptar que na ruptura da unidade do nacionalismo desde o ano 2002 a Amio todos fomos responsábeis, as persoas que se foron do BNG tras a Asemblea de Amio e as que quedamos na fronte nacionalista. Mais de abrirlle o camiño a Esquerda Unida e a Podemos no noso país, lexitimando así os partidos estatais e a españolización da política galega, como noutrora fixera Ramón Piñeiro, desa estratexia e desa práctica política non nos poden responsabilizar a todos. Que cada quen asuma o que fixo e o que está a facer. Para sentar no Parlamento galego a Esquerda Unida e acabar impulsando unha candidatura encabezada por unha persoa de Podemos e outra de EU para representar a Galiza nas Cortes, para iso abofé que non era preciso reorganizar o nacionalismo galego nos anos sesenta nin elaborar un corpus teórico para unha Galiza liberada. En 1964-65 xa estaba aí o PCE.

Tivemos nas nosas mans unha magnífica oportunidade para reconstruírmos a unidade arredor dun proxecto político de país e para situarmos a Galiza como nación nas Cortes españolas a través dun Grupo Parlamentario Galego, con presenza de nacionalistas e galeguistas. Moito me temo que ao único que agora podemos aspirar uns e outros é a obter varios escanos. Case é mellor poñernos na idea de que tras estas Eleccións Xerais non vai haber ningún Grupo Parlamentario Galego. E, situados xa nese contexto político, o máis honesto coa nosa sociedade sería dicir con claridade en que grupo parlamentario vai estar encadrada cada persoa de En Marea e de Nós-Candidatura Galega que obteña acta no Congreso ou no Senado. Sobre o que fagan as persoas que representen a Nós en Madrid parece que non hai dúbidas: ou grupo propio ou integración no Grupo Mixto, que é o único que posibilita actuar, con todas as limitacións que ten, como un grupo propio, plenamente soberano á hora de defender un programa concreto. O traballo do BNG nas Cortes durante 20 anos así o demostra. O que aínda a sociedade galega non ten claro neste momento é a que grupo se van adscribir as persoas de En Marea que poidan resultar electas o 20D. E o pobo galego ten dereito a saber iso desde xa e con absoluta claridade. Algúns aínda temos memoria do que fixeron outros no 77 despois de resultaren electos na Candidatura Democrática Galega ao Senado. Para as persoas que non o saiban ou non o lembren, só recordar que cos votos do PSG de Beiras obtiveron acta en Madrid en xuño do 77 Manuel Iglesias Corral, Celso Montero e Valentín Paz-Andrade. Dos tres, só Paz-Andrade se mantivo fiel á Candidatura Democrática Galega, permanecendo  toda a lexislatura no Grupo Mixto. Iglesias Corral tardou un ano en integrarse no Grupo Parlamentario de UCD e Celso Montero incorporouse de inmediato ao Grupo Parlamentario do PSOE, que era xa o partido no que militaba cando se presentou a esas primeiras eleccións. E hoxe moitos e moitas de nós facémonos en alto a seguinte pregunta: comprométense neste momento  Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz a que, de obteren acta en Madrid e non teren posibilidade de formar grupo propio, se van integrar e permanecer durante toda a lexislatura no Grupo Mixto, actuando desde aí exlusivamente en nome de Galiza, sen dependencia dos partidos estatais aos que pertencen? É ben que a sociedade galega o saiba antes de ir depositar o voto nas urnas. Por honestidade política. Non sería moi ético que despois do 20D se utilicen os votos de cidadáns e cidadás que tamén apostan por unha candidatura galega para fortalecer os grupos parlamentarios de Pablo Iglesias ou de Alberto Garzón.  Para fraude política xa foi suficiente o que fixeron no seu día Iglesias Corral e Celso Montero, que só utilizaron a Candidatura Democrática Galega e os votos da esquerda galeguista e mesmo dun sector do nacionalismo galego para chegar ao Senado. A ver se temos memoria histórica e aprendemos algunha lección.

Isto é o que se xoga Galiza nas vindeiras eleccións: estarmos ou non estarmos nas Cortes como nación. E no plano estritamente parlamentario, para representar a Galiza como nación, só hai dúas opcións: como grupo propio plenamente soberano ou como candidatura galega dentro do Grupo Mixto. Sinceramente, creo que só unha candidatura de país como Nós-Candidatura Galega pode garantir esa representación en calquera das dúas formas. O nacionalismo sempre lle foi fiel ao país.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña