14:42 Venres, 29 de Maio de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-05-2010

As mentiras caerán sobre o seu propio peso e entón quedará a dignidade dun pobo que loita polo seu

A rebelión da maioría silenciada

Valorar (12)

SILVANA CASTRO GARCÍA


Manifestación contra o decreto. Santiago, 21 de xaneiro de 2010


A de mañá vai ser unha data que quedará na retina para sempre. Unha xornada máis de reivindicación do dereito fundamental dun pobo que loita desde hai séculos por ver dignificado un dos seus máximos sinais de identidade: a lingua propia, a lingua nacional galega.

A Plataforma Queremos Galego, con todas as asociacións que a integran, está a facer historia, os galegos e as galegas estamos a facer historia. Porén, achacasenos falsamente sermos unha minoría e limitasenos no exercicio dos nosos dereitos democráticos como cidadáns e cidadás deste País. Viamolo estas últimas semanas coa multa que a Subdelegación do Goberno de Pontevedra lle impuxo á Plataforma por se concentrar nunha zona peonil e vémolo cada día nalgúns medios de comunicación, súbditos do poder estabelecido, que silencian ou fan demagoxia coa finalidade política de imbuír na sociedade prexuízos que estaban ocultos ou en vías de extinción. Involuímos cara a etapas preautonómicas e a mocidade galega está a sufrir no século XXI o que décadas atrás sufriron os nosos pais e nais e os nosos avós e avoas. Esta é a evolución que quere para nós o Partido Popular?

Dicía Castelao que "a nosa galeguidade provén da forteza do espírito, e aínda que carecemos de vontade ofensiva somos inexpugnables na resistencia". E efectivamente, tanto o galego como a sociedade galega resistiron duras épocas e ataques directos e centralistas do Estado español. Mais estamos nun momento clave en que non chega con resistir. A vontade ofensiva ten que aparecer se non queremos ser aniquilados como pobo. O exterminio, en termos de cultura e do ser diferencial, é o seu obxectivo, non deixemos que o consigan se até agora non o fixeron.

Debemos e temos que ir máis alá, non podemos permitir que un goberno alienado coa cabeza fóra do País decida que as nosas crianzas non reciban nin unha soa hora en galego até os seis anos. Temos que facernos combatentes activos do xenocidio, da galegofobia, do lingüicidio dos que din falar en nome dunha maioría silenciosa. U-la?

A única maioría que vemos saír á rúa cada vez que se convoca unha manifestación a prol do noso idioma non é precisamente silenciosa, é silenciada, que son conceptos ben diferentes. É silenciada hoxe en día e foi silenciada con históricos movementos de reivindicación nacional no pasado. Falo, por exemplo, de cando o derradeiro goberno Fraga denegou o permiso para sobrevoar o ceo compostelán coa intención de que os obxectivos das cámaras non captasen a maré de xente na manifestación do 1 de decembro de 2001 convocada por Nunca Máis.

Agora chegou o momento de dar un paso máis. Estou convencida de que o 17 de maio de 2010 o Obradoiro quedará pequeno para a masa de populación que baixo o lema "O Galego, o noso existir" secunde a chamada da Plataforma Queremos Galego. Mais a loita ten que continuar, e moi especialmente nesta primeira fase nos centros de ensino. Chamo á rebelión do profesorado e do alumnado a non deixar de empregar a nosa lingua nas aulas e sobre todo no seu día a día. Só conseguiremos gañar esta batalla facéndolle fronte á ignorancia e evitando que outros caian nela. Axíndomos.

Máis de 4.300 profesores e profesoras manifestaron xa a súa vontade de se rebelar contra o Decretazo. Fagámolo extensíbel a toda a sociedade e pidamos o dereito a vivirmos en galego na nosa Terra. Xa que nos silencian, desbotemos eses prexuízos boca a boca, comezando por abaixo, polo pobo, que é onde se xogan as batallas da lingua e onde se alicerzan os valores do País. O noso argumentario é científico e historicamente válido, traballemos até os límites das nosas forzas para espallalo e desbotar as falacias dos galegófobos. As mentiras caerán sobre o seu propio peso e entón quedará a dignidade dun pobo que loita polo seu, sen ataduras, en liberdade.

E recordándomos a Novoneira, outro dos loitadores desta ignominia que semella reencarnarse perpetuamente, aproveito para facerlle a miña pequena e humilde homenaxe ao poeta do Courel, citando os derradeiros versos da súa "Letanía de Galicia":


GALICIA irmandiña

GALICIA viva aínda

recóllote da TERRA

recóllote do PUEBLO

recóllote da HISTORIA

recóllote i érgote no verbo enteiro

no verbo verdadeiro que fala o pueblo

recóllote pros novos que vein con forza

pros que inda non marcou a malla d'argola

pros que saben que ti podes ser outra cousa

pros que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa

sabemos que o home pode ser outra cousa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña