05:54 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-11-2015

Nunca entendín a insistencia en viaxar con quen largou da casa común e sempre manifestou a intención de camiñar con compañeiros de obediencia estatal

Rematada a confusión, hai que se centrar no traballo

Valorar (23)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Cando o cerco saía para o mar, a ilusión era meter a bordo unha boa cubertada de buraces que lle levantase a espiña á tripulación, como, moi de axexo en axexo, acontecía a algún barco alá polas Basoñas. Desde que o chispeo nas pantallas indica ao patrón a caste de peixes que hai baixo o plan do barco, sabe este moi ben, se cobre ou non arriar o aparello; mais antes de que a electrónica iluminase as pontes de goberno, non sempre se intuía que peixe andaban a cercar ata case rematar o lance. Na miña terra, para indicar moito esforzo e cativos resultados,  repetiamos aquilo de “apreta, apreta (a xareta), fomos enxaugar e...xurelos”. Andamos estes días a reclamar máis cota deles, pero daquela non pagaban o esforzo de virar a xareta a man e se, por confundilos con sardiña, lle arriaban uns cartuchos de dinamita, ata podían rachar o aparello. Preferíase a calidade á cantidade. Son innegables as vantaxes de contar cun grupo parlamentario propio no Congreso, e cantos máis o compoñan mellor; mais non esquezo que Fraga recriminaba o escaso rendemento dos seus moitos deputados, contrastándoo co labor da ínfima representación coa que contaba o BNG. Eu quero buraces, non xurelos.

O mesmo que a nivel estatal estamos empantanados coa situación catalá, como se non houbese ningún outro afán que atender, nin unhas eleccións xerais dentro de mes e medio, en Galicia levamos xa non sei canto tempo dándolle voltas e máis voltas á bola –que é de millo toda, dicimos no Porto do Son- de se, non sei quen, nos presentamos xuntos ás devanditas eleccións ou se cada un tira polo seu lado. Nunca entendín a insistencia en viaxar con quen largou da casa común e sempre manifestou a intención de camiñar con compañeiros de obediencia estatal. Dei conta do meu desconcerto en varios artigos neste mesmo xornal ata que, xa aburrido do tema, o mes pasado decidín escribir sobre asunto diferente, mais seguindo acotío os case superpostos comunicados de partidos, grupos, grupiños, activistas e arribistas. Finalmente, a día de hoxe, catro de novembro, xusto cando crucei a liña dos sesenta e sete,  semella que os nacionalistas irán xuntos e os demais conformando, de xeito lóxico e natural, un grupo español.

Non dei remoído o interese do BNG nun asunto escrito e asinado ab initio e, menos aínda, a enorme cantidade de enerxía malgastada e o precioso tempo que se perdeu en falar e falar con todo o mundo. Sobre os argumentos xustificativos das conversas, que lin no artigo de Rego en “Sermos Galiza”, quero pensar, porque se nota, que lle significaron un grande esforzo de retorcedura intelectual. Na colaboración que, hai dous meses, escribín para este xornal, dixen que a UPG e máis eu somos raposos vellos e nin eles nin eu podiamos crer que IU ou Podemos estarían dispostos a bogar con nós e, a continuación, facer unha conversión pública ao nacionalismo galego e iniciar unha loita sen fendas durante catro anos a prol de Galicia e da súa soberanía. Se alguén da UPG chegou a pensar iso, propoño que, con todo cariño si, mais que o expulsen do partido por innecesario. E, se Rego conclúe que, malia todo, “o debate pagou a pena e resultou esclarecedor”, pois que ben, tutti contenti.

Un partido político pode ter como meta a defensa dos intereses da clase privilexiada da que os seus dirixentes forman parte, caso dos neocóns que, por desgraza, coñecemos e estamos a sufrir. En España, coido que hai máis neoconservadores que neoliberais, seguindo a clasificación de Susan George en El pensamiento secuestrado. Outros pretenden transformar a sociedade, facéndoa máis igualitaria e elevando os seus membros en todos os aspectos da existencia. Un partido nacionalista, sexa cal sexa a súa ideoloxía (neocón, neoliberal, socialdemócrata ou marxista; o centro é unha invención oportunista, non existe en ningures) ten como fin último a Terra, o Pobo, a Nación. E os nacionalistas galegos, os que, con independencia dos adxectivos que van na paréntese precedente, sentimos envexa das nacións irmáns, Cataluña e Euskadi, ás que amosamos a nosa solidariedade, temos Galicia como único albo das nosas actuacións. Observando atentamente o que está a suceder en Cataluña, lembro cando pronunciei unha conferencia no simbólico e emblemático “Saló de Cent” da casa do concello de Barcelona, acto que presidiu un Conseller en representación do President da Generalitat, e principiei empregando, retoricamente, unha captatio benevolentia: fixen alusión ás bombas que, desde Montjuic, lanzou Espartero, en 1842, e que afectaron ao propio “Saló”. A emoción inundou todo aquel magnífico recinto e eu comprobei que estaba en Cataluña, aínda que moitos dos presentes fosen galegos e cataláns de primeira e segunda xeración. Alí só se falou galego e catalán e alí, amais do bombardeo de 1842, estaba vivo, aínda que non soou “Els Segadors”, o espírito do Corpus de Sangue de 1640, flotaba a submisión de 1714, as ilusións de 1934, o asasinato do presidente Companys, en 1940, etc. Hoxe, unha vez máis, podemos aplicar a Cataluña o que escribiu Ulrich Beck en Una Europa alemana: “Na confrontación co inimigo fórmase e renóvase a conciencia nacional”. Nós temos o principal inimigo no interior e ata dentro das propias filas.

Cando lle chegaron a Demóstenes co conto de que a Alexandro Magno lle deu por dicir que era fillo de Zeus, disque comentou: “Deixemos que Alexandro sexa fillo de Zeus. E, se lle apetece, tamén de Poseidón”. Os nacionalistas galegos teñen que deixar dunha vez de ollar con nostalxia para individuos que, se antes foron algo, hoxe, facendo moito dano, envorcaron todo o seu patrimonio, perdendo toda capacidade referencial e, se agora queren xogar á política española en Madrid, deixémoslle, como se lles apetece ser astronautas, bispos ou embaixadores in partibus infidelium. O noso muíño é de canle, non de cubo, polo que non precisa augas vellas para moer. Temos que deixar de perder o tempo e romper definitivamente co pasado, tentando amarrar o presente para non perder o futuro.

Unha institución vella como a Igrexa mantense, entre outras cousas, porque, maquiavelicamente, sabe aplicar frases como esta: “Primeiro o urxente, logo o transcendente”. Efectivamente, o que hai que facer agora é dedicarse ás eleccións de decembro, sen ningunha outra ocupación que nos distraia, nin tan sequera o sistema de proposición de candidatos, que non comparto –Lenin tampouco-, pois os partidos quedan reducidos a meras axencias de colocación que poñen as ferramentas a cambio dunha porcentaxe, se hai éxito. Coido que foi outro grande erro, mais xa está feito. Agora, toca poñer toda a maquinaria, que é moi boa, a funcionar, e pedir o voto a todos, incluídos os que se foron, pois sei con certeza que moitos deles, afiliados ou non, non están dispostos a votar ese remexido españolista.

Pasadas as eleccións, hai que retornar á orixe, ir ao transcendente, volver aos tempos nos que, por amor á Terra, moitos militantes (hai militantes nacionalistas non afiliados moito máis activos que outros que só son militantes do partido) percorremos Galicia, gratis et amore, espallando a súa historia, a súa etnografía..., e facendo patria. Unamuno empregaba esta frase, que tomou dun paisano seu, Antonio de Trueba: “Hablo de mi, porque soy el español que más a mano tengo”. Tómolla prestada, porque eu, sen dúbida, son o galego que teño máis a man, e lembro, cando, en 1978, o sentido amigo Paco Carballo me animou a ir, ao longo de varios sábados, desde Pontevedra á Asociación Cultural de Vigo para impartir un curso de Historia de Galicia organizado pola ASPG. El facía o mesmo en Pontevedra e así cruzabámonos, para que, como me dixo, verificaran nunha e noutra cidade que había máis xentes que coñecían a nosa historia. Sei doutros colegas que fixeron o mesmo polo Norte. O compañeiro Luís Obelleiro secuestroume varias veces para ir predicar a Soutomaior, onde un grupo numeroso rematabamos, sen présa, falando de Nós, da Terra, diante dunhas cuncas de albariño da zona.

Hai que retomar isto, porque nós somos continxentes, mais Galicia segue existindo, hai moito traballo por diante e algún día será maioría a que teña conciencia de pertencer a unha nación. Eu manteño a esperanza de que o meu pobo esperte e, como din os norteamericanos: “La opera no acaba hasta que no cante la gorda”.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[11-11-2015 14:07] uralita comentou:

algúns estamos dacordo co autor deste artigo. Sabiamos que intentar integrar a quen se marchou do camiño e colleu por outro lado (ou por un camiño diferente e distante) era imposible. Perder o tempo, esperemos que non o norte. Gañas de enredar, leria, caos, confusión. Pactar co españolismo (sexa o de aspecto máis novidoso como o podemita, sexa o xa ben coñecido como o de Izquierda Unida, a través de aliados seus de fachada "nacionalista") sería antagónico para unha fora nacionalista galega como o BNG, que ten como rota política e ideolóxica unha contraria á dos partidos, agrupacións, representantes e voceiros de España. Por iso, a algúns nos valía perfectamente con BNG-Asembleas Abertas e non renunciar ao nome, nun alarde de presunta "xenerosidade". A "xenerosidade" en política non sei o que é. Ás veces, se se trata de renunciar ao que te define, é outra cousa. En todo caso, a "xenerosidade" sempre necesita a alguén co que ser xeneroso/a. E este alguén é incompatible con quen quere exercer ou compartir ou dar tal xenerosidade. En fin, perdoando o carrete: recuperemos o marabilloso tempo perdido a base de reforzar traballo, con gañas e ilusión, e co inequívoco cartaz de que somos os únicos que merecidamente nos identificamos con Galiza como nación, con todo o que iso implica, e non andamos con trapicheos seudopolíticos nin mediáticos como táctica para obtermos tallada electoral que mesmo pode ser contraproducente no contexto actual. Dixen/dixemos.

[10-11-2015 10:08] ríomiño comentou:

Somos continxentes. Galiza existe. Existe en si, certo, mais a tarefa primordial do nacionalismo é a de traballar para que exista "para si". Canto máis nacionalismo, máis existencia de Galiza. O nacionalismo, por iso, ten unha dimensión básica libertadora, e iso é o que o define politicamente. O resto é "confusión" (róubolle a palabra ao prof. Calo, a quen felicito pola súa achega) fabricada e interesada para o combate político-ideolóxico. Nós, as/os nacionalistas galegos, debemos facer pedagoxía sobre iso, coñecermos a nosa historia, que a TEMOS, a nosa cultura en xeral, a nosa lingua, a nosa literatura e arte, o noso patrimonio, a nosa economía (tan deteriorada), etc. Moito me temo que institucionalmente onde estamos non se está a facer todo o posible... Aí tamén debemos mellorar, e apoiar a quen estea disposto a facer labor de base sobre iso (como nos lembra o Calo, mesmo biograficamente). Sobre cabalos, eguas, mulas e mulos de Troia no noso lar, nada máis que dicir có xa dito. Son do outro bando/a: coma o PP, PSOE, CCOO, Iberdrola, etc. Eles débense a España. Nós a Galiza.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña