12:11 Venres, 24 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-10-2015

Intoxicación mediática sen limites

CRTV… Que?

Valorar (57)

ROBERT NEAL BAXTER



Non son quen de aturar a Radio Galega. E non son o único. Amólame a tal ponto que, ao voltar de Vigo de carro, non é a primeira vez que acabo sintonizando Radio María.

A Lei 9/1984 define a misión da CRTVG como: “[un] servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega [...], ofrecendo calidade [...], favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega”. (negrito aditado)

Haberá programas que merecen a pena, non digo que non, mais estes son amiúde identificábeis pola cuña “se non podes escoitar este programa a esta hora –léase intempestiva da alta madrugada– podes baixar o podcast”. Tamén haberá xornalistas comprometid@s e competentes, con acusacións de represalias incluídas para aquel@s que participaron nunha greve contra a privatización da CRTVG.

Ora, do que aquí se trata é da liña xeral dos conteúdos da radio e televisión públicas galegas, cuxas funcións reais na práctica distan radicalmente daquelas que consagra a lexislación que as rexe. Vexamos cais se cumpren na realidade:

Populista e narcotizante


Fomentar a práctica do desporto de base e o espírito desportivo son empeños moi loábeis. Mais, salvo unhas piscadelas a algunhas modalidades minoritarias (triatlo, algo de balonmán, Fórmula 1...), a CRTVG empéñase en reducir todo case exclusivamente ao fútbol masculino de elite con que nos entupir día e noite, sete días por semana. Así, a Radio Galega dedica 20 horas semanais ao futebol, incluída toda a tarde do sábado e do domingo. Infelizmente, o futebol tampouco se couta aos enormes espazos que lle son reservados, invadindo toda a programación, desde as noticias até os debates. Sei que hai moita xente que gosta do futebol, mais tamén hai moita que non ou non tanto, e o futebol estase a ver transformado desde hai tempo e moi intereseiramente no novo opio do povo, substituíndo a verdadeira información social, política e cultural capaz de nos facer reflectir e reaxir para mudarmos o país.

Idiotizante e insultante

Os meios dedícanse tamén a infantilizar o público de xeito condescendente, como se non fósemos quen de procesar información seria sen recorrer a interminábeis anedotas anódinas, tais como os 10 minutos dedicados nos informativos à perda dun parrulo de peluche. Así se garante tamén que a verdadeira información fica diluída nun mar de sandeces irrelevantes.

Polo outro lado, insultan o povo galego ao proxectaren a imaxe de que non existen na Galiza especialistas capaces de falaren en galego sobre temas importantes: sempre ten que haber nalgún momento alguén que fale español. Entretanto, para o galego está a frivolidade, as festas gastronómicas, etc. Algo exaxero, mais non tanto. Que repasen o texto da lei! Non pon: “promoción, difusión e impulso da diglosia”.

Linguicida e castrapizante

A calidade do galego nos medios xa foi analisada por estudosas solventes como Carme Hermida Gulías e María Xesús Vázquez López. Dentro do desolador panorama que nos oferecen os meios que emiten en galego en xeral, os de titularidade pública non saen especialmente ben parados. Resulta incomprensíbel que, con frecuencia, non dan redixido e lido correctamente unha noticia previamente preparada sen colocaren mal o pronome case sistematicamente, por non falar xa do espantoso que pode chegar a ser o ‘galego’ (?) que sai da boca de moit@s –que non tod@s– d@s colaborador@s habituais e participantes nos debates, cuxo desleixo e incapacidade de construíren unha soa frase en galego correctamente non deixa de ser vergoñenta e insultante. Que repasen o texto da lei outra vez! Non pon: “promoción, difusión e impulso do castrapo.”

Españolizante e alienante

Que mellor escaparate para as coplas de ‘la viuda de España’ que Luar! Até non sei se La Pantoja pasaría máis polas pantallas dos fogares galegos que polo Canal Sur. Non será que custa menos traer esta cantante de Zevilla do que un grupo de Vigo ou da Coruña. E se tanto gosta a programación de Luar a María Teresa Campos, como se lle ocorre ao BNG protestar por pagar à diva non se sabe canto diñeiro d@s contribuíntes galeg@s para que actuase en 2008, poucos meses despois de ser detida e acusada de branqueamento de capitais, e outra vez en 2013, só dous meses antes de ser condenada a dous anos de cárcere?! Só cabe esperar que estes cartos públicos non se achasen dentro dos famosos sacos de lixo da casa malagueña. Este episodio pasará à historia con outras aberracións delirantes como o hino galego aflamencado. ¡Olé, olé y olé!

Os meios tamén desempeñan un papel relevante no desprezo e aniquilamento cultural da Galiza. Igual que non hai especialistas galegofalantes, polo que se ve ninguén escrebe en galego tampouco, ou moi pouco, criando a imaxe dun ermo literario en galego, fronte ao frondoso campo da produción literaria en español. E non é por falta de meios en español que hai que recorrer ao meios (suposta e teoricamente) en galego para promover obras escritas en lingua castelá. Como exemplo, propoño a recente entrevista con Juan Manuel de Prada na Radio Galega (convidado por segunda vez).

Pergunta: Cal é a relación deste autor coa Galiza? Respostas posíbeis: a) É galego e escrebe en galego. b) Non é galego mais escrebe en galego. c) Escrebe en español, mais polo menos é galego. d) Non é galego, escrebe en español, mais polo menos os seus escritos tratan da Galiza. e) Nengún dos anteriores.

Por se non acertaches, a resposta é que se trata dun reaccionario articulista e autor samorano que escribe en español en contra do direito ao aborto, da eutanasia ou do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Cal foi, logo, a escusa para convidalo? Pois, por absurdo que pareza, “falar de mulleres” loitadoras, nomeadamente Ana de Mendoza e Santa Teresa de Jesús! Como se non resultase máis interesante, útil e de actualidade falar da loita para viver até a morte de mulleres galegas como Adela López, Beatriz Rodríguez M. ou María Isabel Fuentes...

E, como se todo isto non bastase, os meios ‘galegos’ móstranse claramente tendenciosos na súa cobertura política, censurando o nacionalismo tal e como vén denunciando o BNG en varias ocasións (por exemplo 1, 2, 3, 4), porque saben que é a única verdadeira ameaza para o statu quo na Galiza.

Máis unha razón para camiñarmos, pois, con paso firme cara à soberanía nacional para erguermos a República da Galiza con meios públicos verdadeiramente ao servizo do noso povo e os seus intereses, e para non termos que ouvir nunca máis “Aquí en España”.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[30-10-2015 09:32] Xan comentou:

Se houber unha xustiza imparcial, calquera denuncia de incumprimento das leis (a comezar pola propia de constitución da CRTVG) remataría cunha condea segura. A tendenciosidade ideolóxica e partidaria, o desleixo ou agresións conscientes á lingua, a chabacanería superan todos os límites imaxinábeis. O peor de todo é que todo isto se fai con cartos públicos e como unha das mellores ferramentas de diluír Galiza en España, dende dentro.

[28-10-2015 11:36] Suso Moinhos comentou:

Concordo absolutamente com todo. É por isso que eu, apesar de ser falante de galego, quase nem vejo a TVG. Hai uns anos uns jornalistas da TVG afirmavam-me, sem pestanejar, que o público-alvo da TVG som preferencialmente as pessoas idosas do rural, e que por isso hai esses programas de baixa qualidade e filmes de vaqueiros a eito.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal