01:01 Venres, 10 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-10-2015

Son 44 voces de mulleres e homes as que conforman esta escolla feita por Ramón Nicolás

A porta verde do sétimo andar: 10 anos de poesía na rúa

Valorar (11)

LINO GARCÍA SALGADO



Querendo imitar aquel famoso tango no que se dicía que “vinte anos non son nada” chega ás miñas mans un novo libro da Porta verde do sétimo andar no que celebran os seus dez anos de existencia e que baixo o título “Dez anos na porta/antoloxía poética/2005-2015” trasladan as súas inquedanzas a estes tempos de memoria escura. Son 44 voces de mulleres e homes as que conforman esta escolla feita por Ramón Nicolás (que tamén se fai cargo do limiar do que falarei máis adiante) na que se dá mostra da variedade e riqueza cultural que atesouramos no noso idioma. Non caben paradigmas ególatras nesta fusión senón voces que arremuíñan talento, frescura, forza pero sobre todo paixón. Lonxe dos estereotipos corporativistas hai, pálpase, unha nube alimentando esa canteira fecunda que nos fará subsistir no eixo espazo-tempo situación exacta e envexable que calquera proxecto cultural quixera para si. As endogamias foxen nestes rituais de apertura e viaxes interminables nos que as liñas brancas do papel acaban convertidos en mares libres de territorio agás aquelas que acaparan o profundo dos pensamentos entre as costuras dos pasos, diferentes, únicos.

Son 44 miradas expandidas en 224 páxinas, múltiples proxectos soberanos nos que a liberdade foi total e absoluta, nos que o verbo “NON” carece de sentido e nos que o propósito único é chegar á xente coa mínima intervención externa, coa integridade como bandeira principal que non única. A palabra ten que estar na rúa, ten que salivar en gorxas durmidas a xeito de paraninfo popular e viaxar nas veas durmidas.

A metáfora dentro da metáfora. Aqueles que tivemos a sorte de entrar dentro puidemos saber de verdade que a “porta verde” era verde de verdade pero só cando estabamos dentro, esa é a verdadeira esencia. As portas abren e pechan, mais esta permanece aberta de continuo, non hai nada que impida cruzar o seu lintel, é simplemente o punto de luz no frontispicio das letras insurxentes.  E a metáfora dentro da metáfora é, tamén, ese “sétimo andar” que nos sitúa nas alturas, contraposición á verdadeira raíz da existencia deste colectivo, mais coa perspectiva necesaria para reconverter esas estruturas piramidais (inversas) nunha verdadeira sedición que sitúa o protagonismo na base e agarima con entusiasmo as súas conxugadas letras.

Dez anos de traxectoria marcan na pel e por iso ten o seu valor, dez anos compartindo a poesía coa xente, levándoa á rúa, afastándoa momentaneamente dos focos e clamores para redescubrila á sociedade, quitarlle o corset, desestruturala para volver a darlle o seu espazo e salvala do, por veces, agónico espectáculo no que se convertera. Impagable é esta labor, quilómetros e quilómetros de sílabas, de metáforas esparexidas polo país adiante, en bares, asociacións culturais, bibliotecas, non importa o escenario, calquera receptáculo é digno de estreitar os problemas e abrir a música da alma, non importa o frío ou a calor só a corrente deses ríos que rematan nunha aceptación dun xeito de vivir até agora impensable. A verdadeira harmonía, o máximo éxito deste colectivo é tratar con normalidade, elegancia e amor aquilo no que creen, e xa sabemos todos e todas que iso non ten prezo, só aprecio eterno.

Comentaba ao principio ( tamén estou carecendo de estruturación neste artigo ) que no libro que sairá proximamente é venda hai un magnífico prólogo de Ramón Nicolás Rodríguez, e non quixera deixar pasar esta oportunidade para transcribirvos parte das súas palabras que son incapaz de mellorar e que resume o xerme que aniña no colectivo de A Porta Verde do Sétimo Andar:  

“Non é o momento, abofé, de deseñar nin sequera sumariamente a
         
relevancia que os colectivos poéticos posúen para o desenvolvemento da poesía
galega dos últimos vinte anos, nin tampouco para deluvar o impagable labor que
levan e levaron a cabo para desacralizar a poesía, para levala fóra dos circuítos

habituais e canónicos de consumo. Este proceso, que A Porta Verde do Sétimo
Andar abrazou con convicción desde o seu nacemento, supuxo que a poesía
percorrese camiños pouco ou escasamente transitados deseñando unha

estratexia envexable que basicamente consistiu en promover a accesibilidade

e o coñecemento da poesía articulando, neste caso, un selo editor que dera a
coñecer, a través de libros quer de autoría colectiva quer amosando o traballo
de voces independentes, a obra de quen tentaban dar os sempre difíciles primeiros

pasos na súa proxección pública como poetas. Ao tempo cómpre non perder de

vista, para valorar na súa extensión o colectivo, que as persoas que integraron

e integran o colectivo defenden a poesía non só como un proceso de

decodificación e de lectura individual, pois moi ao contrario, acreditan na necesidade

de exhibila, de amosala, de potenciar aquilo que a poesía atesoura de
performance e comunicación, en moi diversos contextos e espazos.
Ao meu ver, estes dous obxectivos, isto é, o de constituír, como plataforma,
un colectivo que é tamén selo editorial que persegue dar a coñecer o traballo
creativo dun relevante grupo de persoas –non hai máis que ver a nómina resultante
desta escolma- e, por outro lado, cohesionarse baixo a intención de visibilizar,
socialmente, a poesía, cumpríronse á perfección e, se cadra, dez anos despois
sorprende gratamente a evidente solidez do proxecto e a súa duración no tempo,

talvez por abrazar unha filosofía que, a carón de amosar flexibilidade cara a outro
tipo de expresións artísticas, destaca pola naturalidade coa que diversas

persoas se incorporan ao colectivo e, nun determinado momento, deciden dalgún

xeito deixar de formar parte del. Este proceso dota de innegable dinamismo ao

grupo e evita, dalgún xeito, rápidas disolucións, as máis das veces por

inactividade, que é un trazo que caracteriza outros colectivos poéticos de inspiración
semellante cos que comparten, iso si, un incansable labor de popularización da
poesía articulando, organizando e enchendo de actividade cultural moitas cidades
e vilas galegas en forma de recitais poéticos ou presentacións de libros.

Só dende aquí agradecerlle á xente da Porta Verde o seu traballo (pretéritos, presentes e futuros), a súa dedicación e animalos a que sigan traballando sabedores como son da admiración que espertan en xente que gusta da poesía. Así mesmo, resaltar e animar tamén a todos os colectivos e homes e mulleres que tamén comparten esta labor no noso país, sen eles, elas o mundo sería máis gris. E por último grazas a Ramón Nicolás por deixar que me metera na súa vida a través das súas palabras e por ese limiar tan clarividente.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña