04:31 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-10-2015

O que queremos é que se convoquen cortes constituíntes, condición esencial para que haxa unha verdadeira constitución

Eu non quero reformar a Constitución

Valorar (19)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Son plenamente consciente de que, desde hai uns anos, se pontifica moito sobre a inevitable desaparición dos estados-nación, consumidos ou inmolados en aras da globalización. Mais tamén non somos poucos os que consideramos –e desexamos e traballamos por elo- que aínda lles queda moito percorrido e, abondando máis, que non debemos perder a esperanza de que continúen a agromar outras nacións, xunto con Galicia, con soberanía plena.

Non vou falar agora do concepto polisémico da verba nación, nin lembrar que o Padre Sarmiento sempre se declarou galego de nación ou, mesmo no tampa do seu sepulcro, Calaicus. Prefiro empregar, seguindo o meu habitual estilo discursivo, citas alleas que me leven ao que eu pretendo. En “Pueblos e Imperios” (2001), despois de contar a anécdota de Diderot, dicíndolle a David Hume, en 1768, que “vostede pertence a todas as nacións da terra (...) Compráceme pensar que son coma vostede, un cidadán da grande cidade do mundo”, Anthony Padgen engadiu: “porque Diderot sabía que era ademais francés e Hume era consciente de ser o que el chamaba un ‘britano do norte’ e ambos formaban parte tamén dun universo acolledor e autónomo que no seu día se coñeceu como ‘república das letras’, unha nación da mente, ficticia e transcendental”. Remata Padgen dicindo que hoxe pensan igual os que viaxan nos primeiros asentos dos avións, pois “O cosmopolitismo foi, polo xeral, un luxo que, realmente, só poden permitirse as aristocracias dun ou doutro signo”.

Non está mal o anterior, mais coido que prefiro o que, en 1933, escribiu Gregorio Marañón: “Porque se da la paradoja, entonces y siempre, de que los hombres en verdad universales son los más radicalmente castizos (nós diriamos enxebres); como los que presumen, por oficio, de ciudadanos del Universo son gente pueblerina. Para llegar a todas partes no hai camino más seguro que el de la estricta nacionalidad”. E, por non continuar citando, remato con Nietzche, cando escribiu que “as árbores, canto máis queren subir ás alturas e á luz, máis fortemente afunden as raíces na terra”. O “sentimento da terra”, do que falaban os nosos devanceiros, é o que nos dá unha base sólida, firme e segura para estar no mundo. Movémonos, viaxamos, falamos noutras linguas e partillamos outras culturas, mais sentímonos seguros, porque, por moi grande que sexa o mundo, hai un anaquiño del que é o noso, que é o solar da nosa tribo, no que vivimos e nos manifestamos con total naturalidade e onde somos persoas en plenitude.

Mais no transcorrer dos séculos, a nosa terra caeu dentro da órbita de Castela, un territorio de xentes, fala, cultura e sensibilidade moi diferentes da nosa. Dicía o devandito Padgen que Felipe III e Felipe IV, no século XVII, Carlos III, no XVIII, os liberais, no XIX, e “con ferocidade salvaxe, o xeneral Franco, no XX, tentaron reunir a cataláns, vascos, casteláns, andaluces e galegos”, pero tanto esforzo por unificar España rematou por convertela “en pouco máis de 20 anos no primeiro Estado federal da nova Europa federal”. Non ousaría eu chamar estado federal a esta cousa que deron en crismar como estado autonómico e que foi cociñado nunha constitución elaborada por 7 cociñeiros (unha mestura de ditadura, monarquía e confesionalidade disfrazada) nomeados a dedo por un rei elixido polo ditador Franco, na que todo se fixo de xeito clandestino, sen cortes constituíntes, sen debates nas existentes e cun texto que non se coñeceu ata o momento da súa votación. Nunha ocasión oín dicir a Puente Ojea que a tal constitución, elaborada por intereses comúns do PSOE e AP, co acompañamento dun francotirador e outro de Carrillo, foi produto da colusión do franquismo coa pseudodemocracia.

Non admira, xa que logo, que os que se agruparon en “España Constitucional”, fundación en defensa da Constitución, fosen, encabezados por Bono e Zaplana, unha patulea de ex-ministros, é dicir, de xentes que toda a vida levan, como din –ou dicían- os novos, chupando da canoa: Martín Villa, Marcelino Oreja, Cristina Garmendia, Pío Cabanillas, María Antonia Trujillo, Solchaga, Elena Salgado, Lamo de Espinosa... por citar nomes que saíron nas notas periodísticas no seu día, pois, desde hai tempo, non sei se pola morte de Botín, o patrocinador económico, non dan sinais de actividade. Ben sabemos que esta xente, sen cartos, non defende nin a súa constitución; aínda que, se cadra, a inacción deriva de que o PSOE –desnortado, coma sempre- colleu a trécola de repetir que hai que modificar a tal carta magna. Nos últimos días, despois da desfeita electoral en Cataluña, xa todos, PP incluído, a queren reformar, porque, se desde hai 37 anos viviron moi ben á conta dela, agora, que comezan a ter pingueiras na casa, ven chegado o momento de pensar en retellar para seguir tirando uns aniños máis. E despois de nós, o diluvio. Canta razón tiña o periodista e político francés Girardin, cando dicía que unha constitución máis ca unha garantía é un perigo. E mellor aínda o que, segundo Julio Senador, disque dixo alguén: que unha constitución era “para todos o dereito e para uns cantos o proveito”. Eles son España e nós tan só plebe, populacho que non merecemos nin mirarlles aos ollos (fóra dos días de campaña electoral, nos que ata bican nenos alleos polas rúas e dan a man ás peixeiras no mercado. Supoño que logo se desinfectan para evitar contaminacións).

Moitos non quixemos esta Constitución e, conseguintemente, non queremos nin que sexa reformada, nin que lle dean unha man de pintura, por aquilo da mona... O que queremos é que se convoquen cortes constituíntes, condición esencial para que haxa unha verdadeira constitución. O que temos é un híbrido de leis fundamentais, carta outorgada, estatuto real e pseudoconstitución; pero ese enxendro, elaborado, non o perdamos de vista, baixo a tutela ou ameaza dos sables e baionetas, funcionou moi ben para que  moitos vivisen e se enriquecesen a conta del durante case catro décadas. Na política sucede o mesmo que na Igrexa, onde hai curas que viven para Deus e outros, moitos, que viven á conta de Deus. É preciso convocar cortes constituíntes. Cada partido presentará os seus programas e o pobo poderá escoller entre os que defenden monarquía ou república, mantemento dos privilexios da igrexa católica ou estado laico, política neoliberal, privatizacións, hexemonía das institucións financeiras ou defensa do público, do social, do pobo, etc. Será a ocasión na que por fin veremos programas de verdade, o que nos permitirá votar conforme á nosa ideoloxía. Despois, dado o caso, xa reclamaremos as posibles traizóns. Non se me esquece que á tan gabada e loada Transición, xa daquela había quen prefería chamarlle Traizón.

Recoñezo que isto que estou a defender colle ás tres nacións do estado en moi distinta posición de partida: Cataluña en plena efervescencia secesionista e cos motores engraxados, Euskadi propondo, moi habilmente, unha consulta de libre adhesión, na que a pregunta aos vascos non sería se queren saír de España, senón se queren permanecer nela. E Galicia? – Dicíame o outro día unha veciña moi entrada en anos: “Eu falo galego, porque non sei falar outra cousa, pero non che me gusta nada de nada”.

Non fixemos o noso traballo e andamos a enredar se imos con Podemos e IU.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña