13:38 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-10-2015

A incursión emprendida polos gobernos locais de A Coruña e Compostela apenas achega valor engadido ao traballo feito polo asociacionismo municipal galego encol da necesidade de revisar a fondo a estrutura e normas das facendas dos concellos

Sen impronta galega en Zaragoza

Valorar (10)

ALBERTE SOUTO SOUTO



Os concellos de A Coruña e Santiago de Compostela veñen de promover e asinar, xunto con concellos doutras cidades gobernadas polas autodeterminadas “candidaturas de unidade popular” unha declaración en Zaragoza sobre o financiamento local. O discurso monocorde da declaración final, desprovisto de calquera perspectiva como concellos galegos que son, desconcerta –e tamén a un tempo ilustra- sobre o papel que os gobernos de ditas cidades galegas desempeñaron no encontro.

As declaracións finais critican, de forma xenérica, o sistema tributario das administracións locais, e cargan tintas ademais sobre a asfixia económica dos concellos e o control e rigor orzamentario imposto, incrementado sobre todo após a reforma constitucional de 2011.

Estando presentes dúas cidades galegas, nada se engade das peculiares eivas de financiamento que sofren os concellos galegos, tamén as cidades respecto doutras cidades do Estado, por estar nun modelo homoxéneo que non inclúe ningunha variábel que recoñeza as singularidades dos municipios galegos.

Este diagnóstico vén sendo refrendado por todo o municipalismo galego. Abonda con remitirse a múltiples informes elaborados pola FEGAMP, que analizan criticamente a discriminación padecida no financiamento dos concellos de Galiza respecto doutras entidades locais similares, concluíndo que os concellos galegos, ademais de seren os parentes pobres do entramado institucional por seren concellos, son os grandes prexudicados de todo o Estado no sistema de financiamento por seren galegos. Todo iso, por que os criterios empregados para a distribución dos fondos económicos non atenden as particularidades territoriais galegas e si premian outras que non nos conveñen en absoluto, como o caso de ter a poboación fortemente concentrada.

Na publicación de xullo de 2015 da revista da FEGAMP volve a insistirse neste aspecto, centrándose no reparto que reciben os concellos galegos dos ingresos do Estado (PIE), que é a parte que lles corresponde dos tributos xerais máis relevantes (renda, IVE e impostos especiais sobre o consumo). Ponse de manifesto que “ mentres cada cidadán de Vigo, Santiago de Compostela ou A Coruña é valorado no modelo nunha cantidade en torno aos 230 euros, os veciños de Málaga, Sevilla, Zaragoza ou Madrid perciben uns 400 euros por habitante, e no caso da cidade de Barcelona, 600 euros por veciño”. Se incluírmos tamén os concellos medios e máis pequenos, enxergamos como a media por habitante que percibe un concello no Estado é de 245 euros, fronte á de Galiza de 196 euros.

A presenza de Santiago de Compostela e A Coruña nesa rede estatal de concellos que denuncian as deficiencias do financiamento local non levou a que nas conclusións finais houbese unha impronta galega, xa que as discriminacións obxectivas padecidas polas facendas do conxunto dos concellos galegos, e diferenciais respecto doutras eivas comúns (e que poden desde logo partillarse), estiveron totalmente ausentes. Por iso, o desconcerto a que se aludía ao comezo, ao ser incomprensíbel que as reivindicacións propias, históricas e consensuadas no seo do municipalismo galego, non teñan un mínimo reflexo nunha unión reivindicativa de sete cidades onde dúas son galegas.

En realidade, pouco en positivo se pode obter para as facendas municipais galegas, en global e para cada unha delas, apostándomos por partenariados con concellos que non arrastran unha problemática común, avogando por confluír nas reivindicacións con entidades locais coas que se partillan coincidencias menores -onde as variacións nas demandas obedecen máis a aspectos da xestión que da regulación estrutural- sen facer un achegamento a aqueles concellos cos que a identificación neste problemática é case total.

Non se trata só de lembrar que “non virá de fóra remedio”, senón que o primeiro chanzo ha de ser o de construír consensos e acordos arredor de problemáticas comúns, como é o do financiamento local, no ámbito galego, e que hai tradición do municipalismo galego en facelo dese xeito.

A incursión emprendida polos gobernos locais de A Coruña e Compostela apenas achega valor engadido ao traballo feito polo asociacionismo municipal galego encol da necesidade de revisar a fondo a estrutura e normas das facendas dos concellos galegos. Tamén é ilustrativa de cómo a nova cultura na política municipal que se enceta a emprender polos gobernos locais das “mareas” nas cidades da provincia da Coruña, consistente en tecer redes polo territorio peninsular antes de compartir e combater cos máis achegados as eivas e demandas comúns, non supón ningún avance para esas cidades nin para os concellos de Galiza. Realmente desalentador resulta que, ante retos de envergadura, se empeñe en postular -en base a ambigüidades- como preferente a unión e acordo cos máis afastados, no canto de ter como prioridade -tendo en conta as nosas vaguedades- fortalecer lazos dentro da nosa nación galega.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña