20:08 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-09-2015

O obxectivo destas Xornadas abertas, é que as diversas organizacións sectoriais, plantexasen os problemas do sector que representan de cara de que as posíbeis alternativas sexan debatidas

Parlamento galego: de cartón ou do pobo?

Valorar (5)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



Días atrás, o BNG, levou adiante unhas xornadas de apertura do Parlamento galego ao, valga a redundancia, pobo galego (se cadra, para ser moderno, tería que escribir cidadanía). Nestas xornadas abertas participaron diversas organizacións de diversos sectores do País (agro, pesca, servizos públicos, cultura, medio ambiente... e tamén monte; aínda que, mesmo neste tipo de xornadas, lamentabelmente, o monte segue a ser o parente probe).

O obxectivo destas Xornadas abertas, é que as diversas organizacións sectoriais, plantexasen os problemas do sector que representan de cara de que as posíbeis alternativas sexan debatidas, ou se presenten como propostas no debate do Estado da nación (chamado oficialmente da Autonomía), que terá lugar no vindeiro mes de outubro.

Hai algún outro partido ou forza política, tanto do arco parlamentar galego como dos restantes, que faga este exercicio de democracia participativa? A resposta é clara, non. Por certo, o BNG non é a primeira vez que fai este tipo de actos participativos. Lévao facendo desde fai anos.

O que se plantexa nestas xornadas, morre entre as paredes onde se celebran ou teñen unha plasmación práctica para afrontar os problemas reais da nosa nación? Non cabe dúbida que, desde o sector que falo, estas xornadas, teñen unha aplicación real para a mellora do monte veciñal e da veciñanza comuneira. De feito, no vindeiro debate do Estado da Nación (oficialmente da Autonomía), debaterase da necesidade de recuperar as axudas para plantación de frondosas autóctonas e para a valoración integral do monte da cara a acadar un monte multifuncional e sustentábel, que é a mellor ferramenta na loita contra os lumes forestais... Falarase de que o investimento obrigado nos montes veciñais, non pode ser uniforme para beneficio das empresas forestais, senón adecuado ás características do monte, para beneficio de veciñanza comuneira. Ou da necesidade de que a Unión Europea recoñeza que en Galiza, o aproveitamento gandeiro tamén se dá en pasto arbustivo e pasto baixo arbolado; e non soamente nas devesas estremeñas ou nos latifundios andaluces.

Poderemos comprobar unha vez máis, nese debate, como o Partido Popular goberna para os intereses capitalistas, especulativos e urbanísticos e contra dos intereses das maiorías sociais. Así veremos como non acepta que o Pladiga se debata con tempo e con todo o sector para cortar o negocio do lume. Escoitaremos como rexeitará que se abra as forzas políticas e as entidades relacionadas co medio rural ,a revisión do Plano Forestal de Galiza; porque este "seu" plano forestal ten dous obxectivos claros: forestar, forestar e forestar, mesmo por riba de criterios medioambientais e privatizar os montes veciñais. Escoitaremos e veremos como impedirá que Galiza se dote dun selo de certificación pública, permitindo que os dous selos de certificación forestal existentes, de carácter privado, campeen ás súas anchas.

No vindeiro debate do Estado da nación (oficialmente da Autonomía), tamén se tratarán de cuestións relacionadas co monte veciñal e coa veciñanza comuneira, que soamente terán solución se Galiza ten soberanía, ten capacidade de decidir. Estamos a falar de sacar aos montes veciñais en man común como suxeitos pasivos no Imposto sobre Sociedades, como se fosen empresas mercantís e do recoñecemento do monte veciñal como unha titularidade comunitaria e xa que logo distinta e a par das titularidades privadas e públicas. Sen soberanía, sen capacidade de decidir, estes dous problemas que ten o monte veciñal galego, non terán solución.

Por certo, e aproveitando que o Miñor pasa por estas terras, a solución aos dos temas antes citados, pasan tamén porque na próximas eleccións as Cortes Xerais do Estado, unha candidatura unitaria galega acade unha importante representación. Unha candidatura unitaria galega que teña como norte a defensa da capacidade de decidir da nosa nación e a defensa dos intereses das maiorías socias do pobo galego.

O Parlamento galego pode ser de cartón; mais tamén pode ser do pobo. O chimpo para pasar de un ao outro parlamento galego, depende de nós.
                           .

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña