09:32 Xoves, 20 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-05-2010

A autodeterminación é a razón de ser da democracia, da paz e do benestar dos pobos

Democracia, paz e nacionalismo. Europa agarda

Valorar (7)

XOSÉ ANTÓN BAO ABELLEIRA


Pancarta de Galiza Nova na Praza da Quintana (Santiago)


O mundo iniciou o século XXI con moitos retos importantes, entre eles un fundamental: garantir o respecto dos dereitos colectivos como condición para a paz. O logro dun maior respecto aos dereitos da xente, deberá ir acompañado do respecto aos dereitos das colectividades como xeito de concretar aqueles en cada realidade nacional.

O mundo irá tendendo cara a maiores doses de democracia e benestar sempre que estes  se aseguren para todas as persoas e para todos os pobos. Por iso o dereito de autodeterminación debe ser unha condición básica da nova orde democrática internacional. Dereito, pois, á autodefinición, á autoorganización e á autoxestión.

A Europa que se está construíndo desde o Atlántico, dende o fisterre galego até os Urais, pode optar por un modelo xacobino ou por un xirondino. Pode optar por copiar a fórmula de construción de moitos estados-nación europeos: un aparato funcionarial omnipresente, a centralización das decisións, a homoxeneización lingüística e cultural. Ou pode optar por recoñecer a pluralidade existente, a diversidade de linguas e culturas, a necesidade de decidir por consenso, ou por maiorías onde todos os pobos teñan voz propia.

Os estadistas da Unión, sen embargo, móvense polo instinto de conservación duns dinosauros, feridos pola arterioesclerose galopante. Fundamentalmente estados-nación europeos de base plurinacional: España, Francia, Italia, Gran Bretaña, Rusia. Eles e outros son auténticos obstáculos para o progreso fundamentados en falsas razóns de democracia e de funcionalidade.

No 1991 mesmo un socialdemocrata alemán, Björn Engholm defendía que "o estado nacional debe transferir competencias cara ás rexións. Nunha Europa multicultural, tolerante, sen fronteiras, o Estado nacional perde cada vez máis importancia". Mesmo dende o ámbito económico moitos teóricos apuntan que son máis eficientes as iniciativas desde os gobernos das nacións sen Estado por estar máis preto dos problemas e das solucións.

Perante un mundo inseguro en moitos aspectos o razoable é que as nacións recuperen e amplíen os seus dereitos, que volva ser o horizonte natural da política.

O perigo dos nacionalismos de Estado

Constatacións deste tipo sacoden a placidez dos máis vellos estados-nación de Europa e dos máis recentes e artificiais do planeta. Por iso, todos os estados autoritarios se defenden como gato boca arriba aludindo ao dereito á non inxerencia.

Por iso, estes estados atentan contra a libre determinación dos pobos e mesmo contra os dereitos humanos. As súas estratexias para a eliminación da diversidade, da pluralidade, da identidade están baseadas na minorización demográfica, na supeditación económica, na asimilación lingüística e cultural, no control dos medios de comunicación e do poder simbólico, na consecución de cidadáns leais e alienados. O nacionalismo de estado ataca o núcleo dos valores democráticos e por iso convértese nun dos principais factores de inxustiza e, en consecuencia, de desestabilización do planeta. Polo tanto, hai que ter en conta o que dixeron estadistas como Miterrand e González, Aznar ou D´Alema, Zapatero ou Rajoy, cando falan do perigo dos nacionalismos para a consecución da democracia plena, para a construción inmediata dunha Europa plural, para a paz e a estabilidade no mundo enteiro. Unicamente indicar que os nacionalismos perigosos para a humanidade son os que eles representaron ou representan.

[14-05-2010 04:04] Gardel comentou:

Home, algo sorprendido, si que estou. Agora sei que existe nacionalismo de estado. Acaso o nacionalismo non é un movemento propio das nacións oprimidas ou dependentes?. O que aquí se lle chama nacionalismo do estado non será Españolismo, Imperialismo ou Chavinismo?. Por certo, iso de que os girondinos eran máis respetuosos coa plurinacionalidade nada de nada. O liberalismo é centralizador por definición, ou que modelo se instaurou no estado no século XIX máis que o implantado na francia polos Girondinos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña