03:55 Venres, 03 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-08-2015

Libro de poemas absolutamente denso, por veces esgotador, pero tan rico e profundo que merece a pena

Os cadernos d´amor e os velenos de Enma Pedreira

Valorar (8)

LINO GARCÍA SALGADO


A miña recomendación:

Título: Os cadernos d´amor e os velenos    
Autora: Enma Pedreira    
Categoría: Poesía     
Editorial: Espiral Maior    


Falar de Enma Pedreira é falar dunha das escritoras máis premiadas dos últimos tempos no eido da poesía, a pesar da súa xuventude, asemella ese tipo de persoas tocadas por un don especial que lle fai chegar aos distintos xurados que se encargan de analizar e ditaminar os pertinentes fallos. Non obstante, non por esa razón, tanto para ela como para o resto da xente que escribe, é suficiente para ser sinónimo de calidade ou éxito. Quero facer esta aclaración previa por motivos de saúde cultural xa que o que pretendo e pretendín sempre é establecer un criterio propio e non caer na simpleza de facer miña as reflexións doutra xente que merecen un respecto total e absoluto pola labor, supoño que en parte ingrata, que lles tocou desenvolver. Dito isto e resaltando que un libro para ser maior de idade ten que establecer máis de unha dirección para ser pleno. Exemplos temos de sobra en vista do percorrido que teñen realizado libros que foron premiados e que non tiveron esa ancoraxe nos e nas lectoras, ou sexa ese proceso de “feed-back” que sempre se ansia.

Xa entrando no libro compre dicirvos que Enma Pedreira non é a miña escritora favorita, en absoluto pero non pero iso deixo de indagar e probar a súa escrita. E velaí que en algún momento atopamos a conexión necesaria para gozar tal e como ocorre neste libro, por iso a primeira lección que quito de todo isto é que todo mundo merece varias oportunidades, sempre.

No tocante ao libro, estritamente falando, ”os cadernos d´amor e os velenos” é un libro de poemas absolutamente denso, por veces esgotador, pero tan rico e profundo que merece a pena, sen dúbida, indagar no profundo del e tamén, porque non, na súa parte máis superficial. Atopámonos nunha secuencia ininterrompida de metáforas case imposibles pero comprensibles en todos os aspectos que nos deixan camiños abertos suficientes para interpretar ao noso gusto, algo que é realmente imprescindible nun bo libro, sexa cal sexa a súa temática. Aparecen situacións totalmente inimaxinables que lle confiren un salto cualitativo enorme e que nos pasea por lares e territorios do profundo onde poucas veces queremos chegar, moitas veces por esa teima a pecharnos para non ver o que nos resulta molesto ou fora do noso decorrer diario. Convídanos a revolucionar ese voluntarismo no que tantas veces nos vemos inmersos para sustentar as relacións que se amosan rutineiras, perdidas nas pozas que pisamos coa distracción do tempo.

As relacións humanas, a muller (outra vez, inmensa, fráxil, imprescindible) que marca ese territorio, por veces deshumanizado, outras intransixente con ela, outras tran transparente como o lume que a queima e ninguén ve.

Collede como mostra estes versos que vos deixo e que, por descontado, non son significativos do que este libro garda, senón uns máis ao libre albedrío. E, non deixedes de deleitarvos con esta obra tan metafórica como íntima.

"e ti chegarás tamén por embaixo do silencio          
para ser viaxe arredor dos meus días
         
man por entre o verso como recollendo peixes pequenos ou
         
froitos que se esconden        
e ignorabas esta razón tan inútil de perseguir o descanso      
e o por que do sempre frío lugar dos meus acenos,
     
o pouco sono e as ganas de lamber todos os espazos      
para saberlle a cada lugar      
e a cada dor        
o seu ántidoto.”


Quedádevos con este título como unha clara mostra da diversidade que temos no noso país, no que colle todo o mundo e no que hai camiños por escrutar onde queira que miremos. Debemos estar ben contentos e contentas con este panorama, agora só queda que afloren nas mil primaveras desexadas.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña