07:04 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-05-2010

Choncha non podía afastar da cabeza o mar, amaba o labor dos mariñeiros

Choncha

Valorar (12)

XOSÉ PLÁCIDO BETANZOS GARCÍA



Choncha, de costas á parede afánase en atar unha rede. Co pano espallado por riba das pernas manexa o lanzal coa présa do vento, sinala os lindeiros das mallas de maneira precisa, dálle a feitura e caída axeitada a cada unha das voltas e dos nós. Acomoda as beiradas nas angolas; primeiro dispón a tralla de chumbo e rematando con ela arranxa a de cortiza, amarrados aos pés de galo polo chicote das rabizas asoman os boureis, empregados, para que o aparello caleara só ata onde quixera o patrón.

Metida nestes pensamentos, de cando en vez olla cara a pedra do Castelo, xa había un anaco que as dornas deixaran ver o trapo por fóra da Insua da Pirilla; escoradas, ensinaban as táboas da quilla e o mar transitaba polos corredores cada vez que a aproaban as ondas, a ventada viña en ráfegas, asubiaba, andaba moito aire e obrigaba a recoller anacos de vela, cinguen os rizos por ámbalas dúas caras mentres o sol do serán bate no ceo escurecido polos nubeiros, dende aló, ata  infindo.

Choncha non podía afastar da cabeza o mar, amaba o labor dos mariñeiros, e ese mesmo mundo imposibilitáballe traballar nesa ocupación. Coñecía moi ben o oficio, tan ben coma calquera, fora instruída de moi rapaza, ensinada polos seus por mor de aforrar unha partilla abordo. Manexaba o remo e a cana do temón coma os primeiros ou quizais mellor que os principais, saltaba a proa coa axilidade dun felino a amarrar cun nó a relinga de barlovento. Aprendéranlle a linguaxe dos faros, xa que de noite sen lúa e sen estrelas non había ollos nin memoria que valera para achegarse a terra. Sabía dos fondos e recoñecía mellor que ninguén os perigos dos baixíos e farallóns, contaba co entendemento das correntes e dos comedeiros dos peixes, así como tamén os lugares de pasantía, sabía comprender a lúa e o devalo do mar, xa que contaba coa sabedoría dos seus comportamentos nas diferentes tempadas do ano.

Abordo examinaba o mar, sempre de pé, co vento petando na faciana, agardando que daquela auga limpa saíra o sinal do peixe, tanto tempo pescudando.

O pensamento íaselle á dorna, a aquela fermosa embarcación que amolecía morta, agardando ó derradeiro día, xa privada das táboas dos costados, como unha balea apodrecendo por riba da mallante.  Pechaba os ollos e víaa con aquel navegar tan suave, rachando coma un coitelo as fonduras do mar, e ese mesmo mar batendo contra o costado; collía tan ben a mareira que parecía que soia, en soidade, dispuña o rumbo á costa tralo peixe.

Abordo, a vida tiña o desafío constante da loita permanente cun clima rudo que castigaba o seu traballo nos interminables invernos, crúas imaxes na perpetua intransixencia da cativeza de medios.

Aínda non perdera o costume do mar e dende aló escoitaba o estalar das maragadas contra a Tixosa e o Camallón, cando ventaba e a praia víase abranguida pola escuridade da noite, Choncha axeonllada na area voltaba a ter vida, volvía a vivir o mundo que lle estaban a furtar, aló permanecía até que se ía á derradeira estrela e asoma a principal escomezando o abrente resplandecente e morno.   

O mundo dos homes somente lle consentía coller a dorna para vogar ata as pedras e raspar carabeiros, xa que non estaba ben visto que unha muller fora ó mar, non puidera ser que pensaran que os homes daló non tiñan valía.

Voltou ao labor, e coas mallas por entre os pes, pechaba os ollos e víase na costeira do xeito cacheando a sardiña, perseguila aló onde estivera, seguindo a experencia acumulada no tempo, dar dous lances ao axexo e á ardentía, despois, os boureis sumerxidos dando a saber a cantidade de sardiñas malladas polas galadas. Había que largar cando as augas asemellaban máis escuras, saber ver a traveso daquelas transparencias cando o mar arrecendía máis a mar, e o peixe percorría o camiño unhas cuartas por debaixo da quilla. A sabedoría.

Sacárona do seu sono as falas dos homes, chamábana para acarrexar o peixe á praia, Choncha ergueuse, arremangou a saia e meteuse no mar coa patela á cabeza, o mulido mollada de tantos suores acumulados e de tantas carraxes contidas.

Coa auga salgada polos nortellos contaba coa forza do mar, e ese mesmo vigor  indicáballe que estaba viva, axudábaa a comprender a dimensión do dano que sufría, estaba enferma de tristura, non contaba co recoñecemento de ninguén. Non sabía como ser maior nin aceptar o paso do tempo, con ese malestar habitando dentro dela, non sendo quen de coller a vida nas súas propias mans. Só precisaba respecto e amizade, non sentirse culpábel por desexar transgredir unha transmisión de asoballamento que a deixaba nunha posición de subordinación, tolerábana manexando ó inmediato, aquilo que deixa poucas satisfaccións e moitas responsabilidades.

Afanada en carrexar o peixe, naquel serán de soidades sempre atopaba un recurso para sobrevivir por insignificante que fora, e así, poder seguir agardando, aínda que sentía medo a que chegara o día que non houbera nada que agardar como si espertara dun fondo sono.           


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña