19:41 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-08-2015

Coa reparación moral que recoñece o Estado a respecto de Bóveda e que acadamos tamén a respecto de Moncho Reboiras, é un paso adiante, non o fin do camiño. Queda moito que andar

Reparar a Alexandre Bóveda

Valorar (14)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



O goberno Español vén de aceptar a solicitude de reparación moral e recoñecemento persoal de Bóveda ao abeiro da chamada lei da memoria. A espera do acto institucional que dea expresión pública a este recoñecemento quixéramos lembrar algunhas cuestións pendentes para lograr o obxectivo final desa plena e integral reparación que precisa Alexandre Bóveda e todas as vítimas do franquismo neste Estado.

O dereito á verdade


O primeiro é satisfacer o dereito a coñecer, o dereito á verdade. Sabemos que no Estado Español pasou de prohibir o acceso aos arquivos e a divulgación da información coa escusa do dereito a honor, para facelo a través da lei de protección de datos e finalmente introducindo os últimos atrancos a través da chamada lei de transparencia (Lei 19/2013). Segundo esta última norma as excepcións ao dereito ao acceso dos cidadáns son tantas e tan xenéricas (seguridade nacional, seguridade pública, secreto profesional, propiedade intelectual, etc....) que deixa en mans dos funcionarios a interpretación restritiva que impide na práctica a consulta e uso de información. A única excepción que debera recoñecer o Estado é o tratamento dos datos relativos ao Réxime Franquista que obviamente non deben rexerse polos mesmos parámetros que para un Estado de de Dereito. Os secretos oficiais dun réxime totalitario non poden ser perpetuados no marco dun sistema democrático. E en calquera caso, as excepcións deberían aplicarse só onde hai un risco de dano substancial ao interese protexido e onde ese dano é maior que o interese público. Tendo claro o beneficio xeral que supón o dar a coñecer a verdade para evitar o revisionismo e negacionismo co fin de reforzar na sociedade o rexeitamento a ese tipo de condutas criminais como garantía de non repetición.

Con todo, a pesares dos impedimentos legais, xa se conseguiu pescudar moito sobre os crimes franquistas grazas a ciencia militante máis que á académica. Mentres o status do saber institucional non corría risco como detentador da verdade oficial, non manifestou o mais mínimo interese por este asunto sendo fiel aos termos do pacto de silencio da transición. Cando a enxurrada de saber extra-académico deixaba en evidencia aos eruditos da banalidade tamén estes se sumaron ao estudo da represión. Hoxe, aínda que fica moito por coñecer polo problema devandito do acceso vedado, xa se teñen moitos datos sobre o que significou o franquismo. Mais o problema é a socialización desta información.


O sistema educativo debera ser canle de formación nos valores democráticos e de respecto aos dereitos humanos para o cal todo o referente á represión franquista debera ser un eixo fundamental do currículo. Mais topámonos con que desaparece toda referencia ao franquismo (agás en Historia) e sublíñase a importancia de abordar o holocausto e o terrorismo. Di o recentemente aprobado currículo de secundaria: “A programación docente debe abranguer en todo caso a prevención da violencia de xénero, da violencia contra as persoas con discapacidade, da violencia terrorista e de calquera forma de violencia, racismo ou xenofobia, incluído o estudo do Holocausto xudeu como feito histórico”. E o problema non é poñer o foco nestas cuestións, senón o feito de omitir a violencia exercida polo propio Estado Español durante o franquismo porque máis que un inocente esquecemento supón o reforzo da idea de que hai vítimas de primeira e de segunda, algo que parece estar na base consensual do actual réxime e que ten consecuencias nefastas para o avance na concreción dos dereitos humanos. Sabemos que ditos dereitos retoricamente son universalmente recoñecidos, mais precisamente o problema reside en que non se considere que deben tamén ser universalmente aplicados. Desde o momento en que se establece diferente rango para unhas vítimas a respecto doutras todas estas declaracións de intencións quedan en papel mollado. Desde Bartolomé de las Casas (controversia sobre se os indios tiñan alma) até Hitler (os xudeus non son cientificamente seres humanos) o problema nunca foi o debate sobre a lei natural común a toda a nosa especie, senón o recoñecemento da mesma condición humana aos outros.

Durante décadas a esquerda española rexeitou sacar a luz estas cuestións que consideraba pouco convenientes para o obxectivo da “reconciliación nacional”. Logo de corenta anos esa escusa xa non se sostiña e tratou de administrar a información existente de xeito partidista e selectivo sen cuestionar o problema de fondo: Son seres humanos as vítimas do franquismo?. E con isto entroncamos coa segunda cuestión que compre resolver para reparar efectivamente a Bóveda.

O fin da impunidade

É evidente que a reparación simbólica é un paso adiante a respecto do “algo faría” que deixaba no ambiente o silencio administrativo diante das demandas de xustiza que se lle facía a un Estado mudo e xordo a este respecto. Agora ben, o obxectivo polo que se pelexou estes anos personalizado en Lluís Companys e Alexandre Bóveda é a anulación do xuízo. Estas coñecidas figuras ás que se lle aplicou algo semellante ao logo denominado Dereito Penal do Inimigo serven de exemplo para visibilizar o que sufriron o resto das vítimas. Por iso non podemos renunciar ao fin de lograr a nulidade da totalidade das sentenzas dos tribunais franquistas por ausencia nos procesos das debidas garantías e non posuír o tribunal a indispensábel imparcialidade, deixando as vítimas na indefensión e as familias sen a debida opción a reclamación, revisión e reparación fronte as condenas inxustas. Está amplamente demostrado que estas condenas carecían de probas suficientes e eran motivadas por persecución política ou mesmo para servir de escarmento como efecto disuasorio, e a metodoloxía empregada para fundar as causas incluía tortura e tratos crueis con intención de extraer confesións o inflixir sufrimento, entre outras moitas irregularidades.

Agora ben, o máis grave é que o Estado se negue a atender a esixencia dos Organismos internacionais de dereitos humanos en derrogar a lei 46/1977, de 15 de outubro, chamada lei de Amnistía, especialmente o artigo 2º F. pola incompatibilidade manifesta desta lei coas obrigacións internacionais do Estado en materia de dereitos humanos ao instaurar a impunidade cara delitos de lesa humanidade.

E ademais é unha burla ao dereito internacional a interpretación que fan da prescriptividade das desaparicións ao entender que esta computa desde o momento se produce e non cando apareza a vítima ou se coñeza o acontecido, como explicitamente recolle a “Declaración sobre a protección de todas las persoas contra as desaparicións forzadas” atendendo ao que di no seu Artigo 17.1.: “Todo acto de desaparición forzada será considerado delito permanente mentres os seus autores continúen ocultando a sorte e o paradeiro da persoa desaparecida e mentres non se esclareceron os feitos”. En definitiva, os tratados internacionais en materia de dereitos humanos que asina o Estado provocan que este sexa requirido polo seu incumprimento. Quizais por iso o Estado Español deixou de asinar estas declaracións mentres se lle enche a boca ao falar de Cuba ou Venezuela (que si os asinan e si son aprobados no seu cumprimento). O caso máis escandaloso é a negativa persistente a adherirse a “Convención das Nacións Unidas sobre os Crimes de Guerra e crimes contra a humanidade”. Vendo as ausencias de sinaturas neste convenio queda claro quen se considera no planeta libre de render contas e a quen se lle vai esixir (aínda que non o asinara) que se deixe intervir coa escusa de que non os cumpre.

Reparación

Porque é insuficiente a reparación moral?. Pois porque os elevados danos causados cos crimes franquistas están moi lonxe de ser minimamente compensados nestes momentos. E xa sen entrar en cuestións de indemnizacións ou, simplemente, de petición de desculpas (aquí non saíu ninguén arrepentíndose e recoñecendo a culpa), hai outro aspecto que quería lembrar. Cando en dereitos humanos se fala de reparación vaise moito máis alá da satisfacción desta reparación ao individuo ou familia senón que se refiren tamén á recuperarse da destrución da comunidade e devolver as conquistas sociais acadadas. É evidente que o fusilamento de Bóveda non é un problema particular que afecta á persoa eliminada e aos seus parentes: Descabezouse a un país. É mais, para iso foi Bóveda asasinado e non pola súa dimensión persoal. O nivel de conciencia nacional, de organización patriótica, de dignidade e autoestima acadado polo pobo galego baixo a dirección do PG, e nomeadamente de Alexandre Bóveda aínda non foi restablecido polo Estado que o aniquilou pola forza. Ao contrario, o reconquistado na actualidade foi arrincado en contra da actuación dos gobernos do actual réxime democrático que voluntariamente non cede nestas cuestións nada do botín ideolóxico-político herdado do franquismo. Só a través da discriminación positiva a prol dos valores que representaba Bóveda e do que el defendía (razón pola cal foi asasinado) é que a reparación se pode considerar satisfactoria.

Garantías de non repetición

É unha obviade que resulta incompatíbel render homenaxe ás vítimas e aos verdugos. Non só é unha crueldade senón que naturaliza este tipo de situacións. A disposición “xenerosa” de recoñecer aos afectados polos crimes franquistas mentres non se lle poida tocar a tumba de Franco no Val dos Caídos, a súa Fundación, ao seu Pazo de Meirás, etc.... non son suficientes. Xa durante o franquismo houbo xestos de “graza” e incluso reposicións de empregos, etc... Por iso deberamos preguntarnos até que punto abando coas homenaxes mentres non eliminemos totalmente a presenza de honras ao réxime que os masacrou. E queda moito por facer. Símbolos franquistas seguen a presidir os espazos públicos. Ao saír á rúa no meu Concello atópome con que o centro da Estrada está dedicada a unha icona fundacional do réxime: “Rúa Calvo Sotelo” e mesmo temos outra rúa ao “Capitán Bernal” quen ostenta o mérito de que mandou incendiar a nosa vila se non se rendía. E supoño que polo resto do país adiante a cousa é semellante. E ainda que tivera outros méritos menos discutibeis. Sabemos que os maltratadores combinan os puños con frores, mais iso non xustica que se lles excuse e se alterne as reprimendos co galardón do "romántico do ano".

Agora ben, compre sinalar outra cuestión relevante que non axuda para a existencia e consolidación dun marco de convivencia respectuoso cos dereitos humanos. Refírome ao uso e manipulación que desde hai anos se están a facer coas vítimas do terrorismo. A retórica coa que se emprega as demandas de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición a respecto destes crimes contrasta de tal xeito abismal coa práctica que se ten coas vítimas do franquismo que apuntala na conciencia social que este último tipo de vítimas non son do mesmo xénero humano. É tan asimétrico e dispar o xeito de argumentar nun e noutro caso que se abre unha fenda sobre a consideración que deberamos ter a un e outro colectivo. Así, por exemplo, cando se afirma contundentemente que non pode haber perdón dos autores de actos violentos se non hai un arrepentimento público e se desculpan os autores diante das vítimas, xa nin sequera se fai a matización de advertir que se refiren exclusivamente a violencia de ETA. Xa se dá por suposto que non hai que facer consideracións deste tipo porque está acadado o consenso de que as vítimas do franquismo non merecen o mesmo tratamento.

En definitiva, coa reparación moral que recoñece o Estado a respecto de Bóveda e que acadamos tamén a respecto de Moncho Reboiras, é un paso adiante, non o fin do camiño. Queda moito que andar.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña