15:10 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-08-2015

Chámase inseguridade xurídica, proscrita na propia Constitución, norma que os seus responsábeis afirman rotundamente venerar e respectar

Outra trangallada tributaria

Valorar (15)

EDUARDO ÁLVAREZ




Os temas tributarios, de certo, son arduos e non se prestan para seren tratados en artigos de opinión como os que adoitan publicarse neste medio. Sinto mortificar os resignados lectores que teñan a paciencia de chegar á última liña desta exposición, mais penso que paga a pena facelo para comprobar unha vez máis o funcionamento arbitrario da Axencia Tributaria.

No mes de abril do ano pasado, a colaboración que publiquei neste medio dixital facía tamén referencia a este tema baixo o título Anomalías na tributación das participacións preferentes. Referíame daquela á situación dos posuidores de participacións preferentes que no mes de xullo do ano 2013 trocaron por accións, que logo venderon ao FROB por unha cantidade inferior á inversión inicial e que, posteriormente, reclamaron a diferenza con respecto da cantidade investida e o banco lles aboou unha suma adicional compensatoria. Dicía eu literalmente que os titulares das participacións preferentes experimentaran un rendemento mobiliario negativo equivalente á diferenza entre o valor de transmisión e o de adquisición deses valores, que podían compensar ou non nese exercicio tributario e nos catro seguintes en función da existencia doutros rendementos positivos de capital mobiliario. E se, nunha segunda fase, xa for por negociación privada, por arbitraxe ou por transacción homologada por resolución xudicial, os titulares posteriormente chegasen a un acordo coa entidade financeira emisora deses valores e percibisen unha compensación pola perda que se produciu na transmisión das participacións preferentes por debaixo do custo de adquisición, esta cantidade adicional tiña a consideración de rendemento de capital mobiliario e, como tal, debera estar sometida á retención do 21 por cento porque non forma parte do valor de conversión e, consonte o previsto no apartado 2.b) da disposición adicional segunda da Lei 13/1985, que regulaba as participacións preferentes, cualificábase de rendemento do capital mobiliario, debendo imputarse ao período impositivo en que se produciu a súa esixibilidade, que no caso de NCG Banco era o ano en que se chegou ao acordo, isto é, o 2013. E aquí é onde nos encontrabamos coa anomalía tributaria. Resulta que NCG Banco e o FROB, como órgano reitor da entidade financeira, non practicaron ningunha retención sobre estas cantidades adicionais como era o seu deber legal. Así o tiña declarado a Dirección Xeral de Tributos en múltiples respostas a consultas vinculantes relacionadas con este suposto. Por todas elas recollía a V2534-12, de 26/12/2012, da que reproducía a súa conclusión: se o importe total satisfeito pola entidade de crédito non se realizase no mesmo momento, senón que primeiro se efectuase a venda e se aboase o importe e, posteriormente, a consecuencia de non terse recuperado o importe total do investimento, o cliente reclamase a diferenza non obtida e o banco lle aboase unha cantidade adicional á que deriva da operación de venda, esta cantidade non formaría parte do valor de transmisión e, consonte o previsto no apartado 2.b) da disposición adicional segunda da Lei 13/1985 consideraríase rendemento do capital mobiliario, estando sometido a retención a conta.

Nesta situación encontrábase unha persoa da miña contorna á que lle veño realizando a declaración da renda desde hai anos e teméndome que a aplicación da normas tributarias en vigor ían repercutir moi negativamente na Facenda pública ao ter que responder esta dunhas retencións que a entidade financeira non realizara, meses antes de que comezase a campaña da declaración do IRPF do exercicio do 2013, en novembro dese ano, dirixín por escrito no seu nome unha consulta tributaria, que todos os contribuíntes teñen dereito a formular e que a Dirección Xeral de Tributos ten o deber de responder no prazo máximo de seis meses segundo estabelecen os artigos 88 e 89 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria. Pasou o 30 de xuño de 2014, día en que rematou a campaña da declaración da renda do exercicio anterior, e a resposta á consulta non chegou. Mentres tanto, a Axencia Tributaria notificoulle a esta persoa unha declaración paralela por desconformidade coa que eu lle realizara seguindo as normas en vigor naquel momento. Mentres tanto, a Lei 13/1985, que regulaba a tributación das preferentes, foi derrogada o 28 de xuño de 2014 pola Lei 10/2014, de ordenación, supervisión e solvencia de entidades de crédito (B.O.E. 27 xuño), dous días antes de que rematase o prazo para declaración da renda correspondente ao ano 2013.

Cando xa non contaba coa resposta á consulta tributaria , a comezos deste pasado mes de xullo de 2015, isto é, vinte meses despois de ter sido formulada a pregunta en cuestión, a Dirección Xeral de Tributos realiza a notificación por correo ordinario –que se pode consultar na ligazón V2018-15- e, como argumentos xurídicos sinala a Disposición Adicional 44ª introducida na Lei do IRPF polo Real Decreto-lei 6/2015, de 14 de maio, polo que se modifica a Lei 55/2007, de 28 de decembro, del Cine, se conceden varios créditos extraordinarios e suplementos de créditos no orzamento do Estado e se adoptan outras medidas de carácter tributario. Isto é, con data de 15 de maio de 2015 entra en vigor, por decreto, unha norma con rango de lei que, camuflada baixo a modificación da Lei do cine, con efectos retroactivos desde 1 xaneiro de 2013, engade unha nova disposición adicional, a cuadraxésima cuarta, á lei do IRPF e que serve para responder a unha consulta tributaria formulada no mes de novembro de 2013.

Isto chámase incumprimento manifesto do deber legal da Administración de dar resposta por escrito no prazo de seis meses ás consultas tributarias que se lle formulen; chámase inseguridade xurídica, proscrita na propia Constitución, norma que os seus responsábeis afirman rotundamente venerar  e respectar; e, finalmente chámase tamén aplicación retroactiva dunha lei de xuño de 2015 a unha cuestión tributaria que fora presentada en novembro de 2013.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña