14:23 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-07-2015

A Consellaría do Medio Rural e do Mar, está procedendo a revisión do Plano Forestal de Galiza, que está vixente dende o ano 1992

Revisión do Plano Forestal de Galiza: os tiros na mesma dirección

Valorar (6)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



  O Plano Forestal de Galiza, ven sendo algo así, como unha percha, onde se colgan as directrices da futura política de montes. Política de montes que logo terá que ser desenvolvida normativamente polos sucesivos gobernos da Xunta de Galiza. Estamos xa que logo, diante de un documento estratéxico para a nosa nación. Precisamente, por ser estratéxico, chama a atención que, cando nestes intres, estase a proceder a súa revisión, non teña ningún eco nos medios de comunicación. Se cadra o de chamar a atención é un chisco esaxerado, xa que pasa exactamente o mesmo que pasa noutras cuestións básicas para o noso Pais. Véxase senón o caso da sentenza favorábel, ditada recentemente do concurso eólico da consellaría de Industria, do goberno bipartito, dirixida politicamente polo BNG.

  A Consellaría do Medio Rural e do Mar, está procedendo a revisión do Plano Forestal de Galiza, que está vixente dende o ano 1992. Para tal fin, creouse no Consello Forestal de Galiza (dominado excesivamente polo forestalismo), un grupo de traballo. Grupo de traballo dirixido por dous coordinadores, un da Universidade de Santiago e outro da Administración Forestal.

  O método de traballo para a revisión do Plano Forestal de Galiza, consiste en responder a unha enquisa elaborada por un equipo da Universidade de Vigo (no que teoricamente admiten achegas). Cas respostas dos membros do grupo de traballo, elaborase un borrador do documento. Este borrador será debatido no grupo de traballo e de aí sairá o Plano Forestal de Galiza, que logo terá que ser aprobado polo Parlamento Galego. As entidades relacionadas co monte e co medio rural, mais que non forman parte do Consello Forestal de Galiza, serán convidadas a responder á enquisa, mais non poderán participar nos debates. Democracia controlada xa que non poden permitirse rachar o predominio forestalista do grupo de traballo.

  Vivindo nas coordenadas políticas que vivimos e sabendo como as gasta de demócratas o Partido Popular, podemos considerar que o método de traballo para a revisión do Plano Forestal de Galiza, non é malo. Mais é o único non malo que ten. As preguntas da enquisa non son abertas co fin de coñecer a opinión de todos os sectores que conforman o sector montes. Son teledirixidas a acadar un obxectivo. Falando no argot das enquisas, podemos dicir que están "cociñadas". Mellor dito, están "pre-cociñadas". Non se cociñan os resultados. Preparanse para que dean os resultados que se marcaron.

  A enquisa, que é a base do que vai saír as directrices do futuro Plano Forestal de Galiza, ten dous obxectivos claros. O primeiro e que, aínda admitindo que o monte ten que ser multifuncional (non lles queda outro remedio), potenciarase o uso forestal dos montes, mesmo na mesma dirección actual ( especies de crecemento rápido). O segundo é proceder a privatización dos montes veciñais ou cando menos, arrincarlle a súa xestión a veciñanza comuneira.

  Só así pode entenderse que se fagan preguntas como: deben dotarse de personalidade as mancomunidades de montes e non preguntar se deben manter a figura xurídica que teñen? poden perder os montes veciñais en man común a súa natureza xermánica, cando todo o mundo sabe que só a poden perder mediante sentenza xudicial? deben pasar a xestión privada os montes veciñais en estado de abandono, desbotando as formas de xestión pública ou comunitaria? precisa que a veciñanza comuneira, como son xente sen cultura, teñan un "Gran Irmán"(composto polas elites da sociedade, por suposto), que lle indique o camiño polo que teñen que levar os seus montes veciñais, e se non son obedientes, castigala?.

  As gañas de privatizar os montes veciñais e o desprezo que amosan cara a veciñanza comuneira, tanto os coordinadores do grupo de traballo, como a equipa da Universidade, roza na paranoia. Só dende esta perspectiva pódese entender que rexeitaran a achega que, dentro das areas temáticas, existise un apartado para a organización das comunidades de montes. Remitírona cara o apartado do asociacionismo do montes de particulares. Sabedores de que así, mesturados, as repostas que se dean (e que logo pasarán ao documento), ou serán de imposíbel  aplicación para as comunidades de montes, cando non contraditorias cos intereses organizativos das comunidades de montes. Mais diso e do que se trata.

  Entre Plano Forestal actual e a revisión do Plano Forestal, hai moitos paralelismos. O partido gobernante na Xunta de Galiza e o mesmo. O sobrepeso do sector "forestalista”, se cabe é maior. Polo tanto, os tiros dun e doutro Plano, van na mesma dirección. Mais hai unha diferenza importante, hoxe as comunidades de montes están organizadas. E isto vaise notar. Mellor dito, notarase. Xa que logo, os tiros pódenlle saír pola culata.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña