20:01 Sabado, 08 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-05-2010

O nomeamento da terra (toponimia) xorde dos diferentes niveis que se establecen nas relacións sociais dos membros da comunidade

Toponimia e modos de produción: a praia de Nerga

Valorar (21)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Praia de Nerga (Cangas)


Os nomes dos lugares xorden nun intre da historia do noso país e son un reflexo da necesidade por parte da xente para designar o espazo físico no que está instalada.

Ese nomeamento da terra xurde dos diferentes niveis que se establecen nas relacións sociais dos membros da comunidade, neste caso a sociedade galega.

O nacemento da lingua e da sociedade galega como nación acontece nos albores da Idade Media, polo tanto, se pescudamos no xeito particular da instalación do sistema de produción feudal na nosa Terra sairán á tona unha chea de antropónimos e topónimos que cobran así todo o seu significado.

Imos facer aquí un ensaio para desentrañar a orixe e o significado do nome da praia canguesa de NERGA.

A parroquia do HÍO é abondosa de boas praias, cadansúa co seu particular encanto, pero a maior e máis espectacular é sen ningunha dúbida a de NERGA.

Nunca soubemos  que houbese una explicación sobre a orixe do seu nome, e a que imos dar aquí vén de esguello dunha interpretación que fixemos  do nome dunha amiga luguesa que se apelida NEGRO.

Sostiñamos daquela que o xeito no que se designaron no noso pobo ás persoas e ás cousas escuras foi MOURO ou PRETO, e aínda aparecen estes termos nos xeitos de chamar da nosa xente, eso si, castelanizados en "MORO" ou "PRIETO".

O San Benitiño Preto na parroquia de Areas, no Ribeiro, fai alusión, sen dúbida, ás súas escuras roupaxes.

Nós procuramos a orixe dese apelido nos recuados tempos medievais, que é cando se comezaron a asentar os apelidos que aínda hoxe lucimos. Mergullémonos pois, na TERRA e no TEMPO!

Sábese, que na formación social do pobo medieval, ao par dos labregos desposeídos de terra e propiedades, íanse formando unhas clases sociais de xentes que recibían os nomes de :

Xugadeiros, pois dispuñan dunha xugada de bois (coma quen di hoxe, un tractor! ); Monteiros, co usufruto do "foro de montaria", que os habilitaba para dispor dos montes para a caza; Cabaleiros, coa súa montura e armas; Escudeiros e Porteiros, empregados do Rei; Besteiros, ou entendidos no tiro con bésta,... e máis por aí.

Non é casual que os apelidos de: Besteiro, Porteiro, Escudeiro, Cabaleiro ou Monteiro, que serviron para nomear ás familias máis fidalgas galegas, hoxe incen no noso país,  aínda que ás veces desfigurados pola "castrapización ritual".

Todos estes sectores sociais que xurdiron das clases de labregos desposeídos aspiraban a usar o tratamento de "Don" como forma de ascenso social. Eran os chamados DONEGOS, ou sexa, en latin os "Dominicus", coma quen di, os señores.

Desta palabra, e a través do latín DOMINÉRICO, xurde o adxectivo DONERGO, e aquí xa estamos en condicións de entender o que debeu acontecer para chegar ao apelido da miña amiga luguesa.

As cousas puideron acontecer así:

Un devanceiro da nosa amiga chamaríase, poñamos por caso, "Mingos Donergo"; co paso do tempo houbo unha confusión entre o "Do-" inicial e a contracción  "do", e así pasou a ser nomeado como "Mingos do Negro"; a contracción "do" suprimiuse por resultar galega de máis e ficou en "Mingos  Nergo".

Este "Nergo" foi entendido polo escribán  como unha falta de ortografía por "Negro" e a partires de aí xa se fixou definitivamente o nome de "Domingo Negro", que foi o que herdou a miña amiga da Terra Chá.

A esta altura do raciocinio, xa entenderedes de onde estamos supondo que procede o nome da praia do Morrazo.

Estariamos diante dunha aldea ou Praia que lévase o adxectivo de DOMINERICA, ou sexa, DONERGA, facendo alusión á que era propiedade dun señor ou DOMINUS, se cadra o mesmo que lle da o nome a DONÓN (DOMINUM), ou tamén, dando a entender que era "señorial", é dicir, moi grande.

Pensemos que a COVADONGA (DOMINICA) asturiana, debe facer alusión á súa grande dimensión.

Tamén sospeitamos que a andaluza Cueva de Nerja debe o seu nome ao enorme espacio que ocupa.

Os pasos para chegar ao NERGA de hoxe, foron semellantes aos explicados antes, imos ver:

Praia Dominérica> Praia Donerga> Praia do Nerga> Praia de Nerga, como actualmente a chamamos.

Algo semellante debeu ocurrir nunha famosa avenida coruñesa:

Ronda Donelle> Ronda do Nelle> Ronda de Nelle; e ninguén sabe que raios significa ese Nelle de hoxe, ao ser esgazado do Donelle (Dominiculi) primordial.

Velai pois, a conclusión á que chegamos:

O nome de NERGA sería o sufixo dunha palabra máis complexa

(DONERGA), que faría alusión á súa condición señorial.

O que non temos claro abondo é, se esa alusión se debe a ser posesión do señor feudal (O DONÓN), ou pola contra da a entender o seu grande tamaño entre as praias da contorna.


[08-09-2010 16:45] Carlos Durão comentou:

Parabéns, companheiro César! Brilhantes achegas, com base "materialista", como tu gostas. Para quando um livro com todas essas recolhas toponímicas?
Aperta!

[08-09-2010 15:42] Carlos Durão comentou:

Parabéns, companheiro César! Brilhantes achegas, com base "materialista", como tu gostas. Para quando um livro com todas essas recolhas toponímicas?
Aperta!

[07-06-2010 20:10] paporrubio comentou:

pode ter certo senso, pero vese demasiada ARQUEOLOXIA

[14-05-2010 19:57] Antonio "das mortes" Lima comentou:

Moito obrigado e un agarimoso saúdo desde Oío, para o bo e xeneroso que isto nos agasallou!
A alusión a Cova-donga, traime á memoria o triste episodio dunha pequena rúa viguesa a fins dos oitenta, pola zona "Casablanca" da rúa Urzaiz, cando o Concello lle puxo "Couto mon-dongo", denominación que foi rexeitada polos venciños porque... soáballe a africano!!! Logo chamóuselle "Esperanto", paresme...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña