23:12 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-07-2015

Os gregos fártanse do seu PSOE e do seu PP particulares e elixen un partido que promete enfrontarse “ás forzas da vella Europa”

As agresións externas acrisolan as verdadeiras nacións

Valorar (18)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Para evitar imprevistos e poder cumprir coa data marcada, 8 de cada mes, do envío do meu artigo a este xornal -e xa van alá 65 meses-, póñome a el varios días antes do prazo. Tampouco moitos por mor da inmediatez dos temas. O pasado domingo tiña, practicamente, listo o que hoxe debería ocupar este lugar; mais a ledicia, emoción e profunda envexa que me produciu o resultado do referendo grego empurroume a deixalo a remollo e poñerme a escribir este outro.

Son, a mantenta, lego absoluto en cuestións económicas, pero despois de tantos anos escoitando economistas reciclados en tertulianos, cando falan sen escurecer as explicacións e argumentos detrás da xerga profesional ou do seu peculiar barallete, é moi doado concluír que todo este batifondo no que levamos anos inmersos non é realmente unha crise, senón unha monumental estafa programada polo poder do capital para, dándolle outra volta á prensa, extraer máis saín das sardiñas que estamos dentro do casco e rematar coa clase media. Talvez cumpra lembrarlles aos artífices que, como dixo Robert S. López, da universidade de Yale, en “El nacimiento de Europa”, “O imperio (romano) periclitou cando a clase media foi devorada pola crise, quedando só grandes terratenentes e labradores famélicos”. En maio de 2010, escribín sobre estas cousas no Xornal de Galicia e, en agosto do ano seguinte, xa en Terra e Tempo, retomei o tema e empreguei unha frase do artigo anterior como título, frase que figura no longo parágrafo que coido de interese recuperar hoxe daquela primeira colaboración:

“Despois da revolución de xullo (de 1830), cando o banqueiro liberal acompañou en triunfo ao Concello ao seu compadre o duque de Orleáns, deixou caer estas verbas: ‘Desde agora dominarán os banqueiros’. Laffitte traizoara o segredo da revolución”. Con estas palabras proféticas do banqueiro Laffitte, principia Don Carlos Marx o seu libro As loitas de clases en Francia (1848-1850), engadindo inmediatamente: “Quen dominou baixo Luís Filipe non foi a burguesía francesa, senón unha fracción dela: os banqueiros, os reis da bolsa, os reis dos ferrocarrís, os propietarios das minas de carbón e de ferro e de explotacións forestais e unha parte da propiedade territorial aliada a eles: a chamada aristocracia financeira”. Unhas páxinas despois, lemos: “Entrementres, o goberno provisional (da II República, nacida da revolución de 1848) dobraba baixo o pesadelo dun déficit cada vez maior. En van mendigaba sacrificios patrióticos. Só os obreiros lle botaron unha esmola. Era preciso recorrer a un remedio heroico: establecer un novo imposto. ¿Mais a quen gravar con el? ¿Aos lobos da bolsa, aos reis da banca, aos acredores do estado, aos rendeiros, aos industriais? Non era por este camiño polo que a república ía captar a vontade da burguesía. Iso tería sido por en perigo cunha man o crédito do Estado e o crédito comercial, mentres coa outra se tentaba rescatalo a forza de grandes sacrificios e humillacións. Pero alguén tiña que ser o pagán. ¿E quen foi sacrificado ao crédito burgués? Jacques le bonhomme, o campesiño”, epíclese que poderiamos traducir por Xan do Outeiro ou, para os de Castela, Juan Pueblo.

Sempre que releo a don Carlos Marx sigo a admirar a súa bagaxe intelectual, a súa clarividencia e a frescura que seguen a ter os seus traballos, pois non me negarán que este, publicado hai 165 anos, mudando o nome de Lafite por un dos que veñen logo, podería ter sido escrito hoxe mesmo. Outros, ignorantes ou pseudointelectuais, con independencia de que mesmo sexan catedráticos de universidade, falan del cun menosprezo que indica que nunca o leron ou que unha deficiente ferramenta intelectual non lles permitiu entendelo. Un político é quen de dicir estupideces, se así consegue votos, un home de ciencia debe seguir por riba de todo, ideoloxía incluída, a vella máxima de Amicus Plato, sed magis amica veritas.

É sabido que “O Manifesto do Partido Comunista” (1848) principia dicindo: “Unha pantasma percorre Europa: a pantasma do comunismo. Todas as forzas da vella Europa uníronse en santa cruzada para acosar a esa pantasma: o papa e o tsar, Metternich y Guizot, os radicais franceses e os policías alemáns”. Actualicemos. Tsipras quérelle dar voz ao pobo e outra volta as forzas da vella Europa, a troika, os pesados mastíns saen en tromba: Merkel, Hollande, Schulz, Schäuber, Juncker, Tusk, Dijsselbloem..., acompañados de cadeliños como Rajoy. Contaba o Padre Sarmiento que ían dous bois ao arado e que unha mosca, pousada nun corno dun deles, repetía: “Todos labramos”. Ti sigue así, Mariano, que na igrexa hai bispos e hai acólitos e todos son precisos... ou, posiblemente, innecesarios.

Cando esas grandes forzas reaccionarias deciden que é a ocasión de ascender un banzo na escala do neoliberalismo e dividir Europa en metrópoles e colonias, seguindo aquela Conferencia de Berlín ou o criterio xeográfico vitoriano, xa hai tempo posto en práctica polos antropólogos ingleses, máis os seus colegas colonizados, decidiuse, unha vez máis, que as colonias serían os países do sur. Non vou entrar –isto, como diría Unamuno non é máis ca un artigo aperitivo, non alimenticio- nos restantes países, deténdome unicamente nas posturas de España e de Grecia. Falo de países e non de gobernos porque estes son elixidos polo pobo, sendo, xa que logo, este responsable do que vota. En España, o PSOE de Zapatero aceptou de inmediato as imposicións dos novos amos, fixo quitas no soldo dos funcionarios e conxelou as pensións. Perdeu as eleccións e o pobo errou na nova elección. Eu, como non son político institucional, podo dicir o que penso: o pobo, conxunto de persoas falibles, erra moitas veces. Saltamos da tixola ao lume e ámbolos dous, en comandita, mudaron a constitución para someter máis aínda os intereses do pobo aos novos amos.

Os gregos fártanse do seu PSOE e do seu PP particulares e elixen un partido que promete enfrontarse “ás forzas da vella Europa”. Principia contra eles a “heilige Hetzjagd”, a santa cruzada da que falaba Marx, e o presidente Tsipras convoca un referendo que, como dicían as señoras de antes, puxo dos nervios a todos os poderosos. Ata o sabio Rajoy de Moncloa, como lle chaman nun programa filosófico-festivo, vaticinou que o voto “oxi” implicaba necesariamente a saída do euro, proba evidente de que temos un estadista, como diría el, “colosal”. Maniféstase David e os resultados tomban o xigante, e os gregos celébrano, bailan sirtaki e reafirman a súa conciencia nacional, esa conciencia acrisolada desde a desigual loita de liberación do imperio turco, xesta que admirou a Europa occidental romántica, atraendo ao territorio a Lord Byron, incitando a Delacroix a plasmar a Matanza de Quíos e un longo etc. Non ignoramos que o sentimento de nación nace ou se robustece loitando contra un inimigo exterior. Os fortes nacionalismos balcánicos, onde Grecia se asenta, son unha proba irrefutable. Tamén sabemos que a alegría na casa do pobre dura pouco, pero que nos quiten o que estamos a bailar estes días, e o desgusto que levou a Merkel tamén vale cartos.

E entrementres que pasa en España? O PP feliz, cadrándose en primeiro tempo de saúdo e tocando a campaíña dos bispos europeos, pensando que así son xente, como cando fomos cos franceses á Cochinchina para que eles quedaran co Sueste Asiático, ou a loitar no Misisipi para que os EE. UU se liberaran e logo nos arrebataran as terras americanas. Sempre igual e non escarmentamos. E o PSOE actual pensando que o amor á nación está no tamaño dunha bandeira. Cacho infantilismo! Teño moita sorte de ser galego de nación e, se me obrigan a elixir entre Rajoy ou Sánchez, quedo con Tsipras.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña