05:59 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-06-2015

Acaídas páxinas que endexamais prescriben, alegación sobre principios éticos, sobre o dereito das nacións en oposición ó despotismo dos tiranos e ós seus medios represivos

Onte e agora, teoría e praxe: “As ruínas de Palmira”

Valorar (17)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



“As ruínas de Palmira” é o título dun libro e algo máis que unha frase feita, a realidade dunha cidade florecente, espoliada ó longo da Historia do Medio Oriente. O ilustrado viaxeiro, deputado por Bretaña, senador con Napoleón, Francisco de Chasseboeuf,  Conde de Volney (1757-1820), ideólogo precursor xunto Voltaire, Rousseau e Montesquieu dunha Revolución que logo sería adulterada polos egos, buscador das fontes da civilización que abren camiños ás expedición de Bonaparte é autor de “Viaxe a Exipto e Siria”   e tamén de “As ruínas de Palmira”, meditación sobre as revolucións, os imperios e as súas consecuencias. Acaídas páxinas que endexamais prescriben, alegación sobre principios éticos, sobre o dereito das nacións en oposición ó despotismo dos tiranos e ós seus medios represivos. Dende o racionalismo, o señor Conde analiza as relixións, desmitifícaas e obxectiviza os interesados enredos sociais creados por elas.Conclúe en que ó ser humano non lle compren verdades reveladas, nin credo sobrenatural para organizar a súa existencia, abonda coa razón como guía , en busca dunha paz que é suma de felicidades individuais. Libro antolóxico daqueles momentos da Ilustración cos que se enceta a modernidade, fronte ó que representaba Chateaubriand. O viaxeiro, curioso impertinente Volney pasa por Homs, cidade regada polo río Orontes e tamén polo sangue escoado de loitas de egos e das súas ditaduras,  no deserto atopa o oasis de Palmira: palmeiras, augas sulfurosas, cavernas, ruínas, o canto dos paxaros , do vento e dun muecín, o sol e a lúa na súa apoteose...  anacos dunha cidade co seu cardus e documanus asoportalado, centrado por un maxestosotetrapilum, todo de esveltas columnas que na orixe complementaríanse con estatuas e toldos. Chan sementado de capiteis, columnas, cornixas de mármore branco labrado. Aquí, nesta encrucillada floreceu noutro tempo unha opulenta capital, a cadeira dun imperio, na que resoaron as artes, os comerciantes, as festas e as liturxias... “¿que quedou desta poderosa cidade?, un fúnebre esqueleto”.

Historia que por non coñecela seguimos condenados a  repetila. Di Volney “¡ Ouh ruínas, achegareime a escoitar as vosas leccións, tornarei a acougar na paz de vosas soidades. E alí, lonxe da dolorosa escena das paixóns amarei ós seres humanos...” Imperios que fixeron e desfixeron Palmira. Refinada, de coidado urbanismo, con grandiosos templos, teatro, acuedutos, nas súas aforas coa necrópole de hipoxeos e torres-tumba con eses gabanciosos retratos dos defuntos... termas e covas con baños, recentemente secas polos hoteis.

Volney cisma na orixe das sociedades e dos seus males. Para concluír que “a cobiza e  a ignorancia son causa dos males que asolan a terra.” Armándose o home contra o home, familia contra familia, tribo contra tribo, converténdose o mundo en sanguinolenta escena de roubos e discordia, dividindo a sociedade entre opresores e oprimidos, amos e escravos, imaxinando finxidos poderes caídos do Ceo, o despotismo relixioso, emporcallándose as nacións nun labirinto de calamidades. Volney, filosofa, busca a medicina na natureza, na Historia, nas virtudes individuais, no humanismo que conclúe na Xustiza. Volney debuja o espírito da ilustración, da Revolución francesa.

Ese noso oriente, no  que “orientarse” imantou ós primeiros expedicionarios. Temos noticias súas do 1751, dos viaxeiros Dawkins et Wood. Si ben polo 2200 ac. xa aparece o seu nome Tadmor, como “Secreto de Ishtar” en antigas tabliñas de barro da Capadocia e na Biblia. Dende 1809 a 1817  o suizo John Lewis Burckhardt, entre caravaneiros e bandidos fura por Medina e a Meca, Abu Simbel, Petra e Palmira... esa exótica cidade entón gobernada por un xeque. As súas noticias convidan a outros a lanzarse á aventura. Tamén está nas crónicas das viaxes do diplomático e orientalista Adolfo Ribadeneyra, fillo do célebre editor madrileño. Ruínas que recorre e describe na súa “Viaxe de Ceilán a Damasco”, 1870, na que conta que xa ten noticia dela por escritos de mercaderes ingleses de 1691, métese a escavar nas tumbas e atopa unha figuriña de bronce...

Palmira, nome romano, aséntase nunha encrucillada entre o Oriente e Occidente, entre o Éufrates e o Mediterráneo, Anatolia, Exipto, nas rutas da seda e do incienso, onde se atoparon en harmonía a cultura grega e romana, a persa e a árabe. Pra máis inri deserto hoxe rico en gas. Onde se falaba calquera idioma e coincidían razas, relixións. En orixe foi territorio dos cananaeos, co culto a Baal, divindade de Babilonia. Lugar de paso caravaneiro, pretendido en todo tempo, polos semitas amoritas, tal como consta nunha táboa de barro do 1800 a. C da cidade siria de Marí. Cidade-estado ó estilo grego, romanizada no cambio de era, como base no camiño de Xerusalén. Na época dos Antoninos, (92-192) acada o seu esplendor, seguido cos Severos, emperadores de orixe africano e sirio. Hadriano e Caracalla fan de Palmira un paraíso libre de impostos. Logo destruída polos sasanidas, a súa vez derrotados polo indíxena Odenato, ó que, asasinado, sucederano os seus fillos menores, baixo a rexencia de Zenobia, que acomete contra Roma . Polo 270, en época de Aureliano, Zenobia, cóntase que se envelena, como Cleopatra, outros que é capturada e levada a Roma como un exótico trofeo para servir nunha vila imperial. Logo Palmira sofre o paso dos bizantinos, rahidums,  omeyas, dos abassidas, mamelucos, otomanos, no 1918 polos franceses..e turistas e turistas...e agora  o exército do réxime de Bashar Asad, a oposición do CNFROS ou coalición nacional Siria... e a río revolto a incursión islámica dos takrifistas , integristas  que atopan no Corán a verdade absoluta, que eliminan ó outro, que nacidos nas cadeas exipcias como resposta ás torturas, á persecución, consentidos por Asad, para que golpeen a súa oposición... E xa 200.000 mortos, e o espolio do patrimonio cultural polos propios milicianos, auxiliados por negociantes turcos e libaneses.

Levados polas lecturas, máis que polos programas turísticos, fomos  varias veces a Siría e sempre a Palmira,  na ida e na volta  por aquel deserto paramos e tomamos o cha con borrelas no “Café Bagdag”, medio haima, medio ladrillada, atendido por unha familia de beduínos. Coñecimos a  “guías”  formados en Cuba ou en Caracas, ós chóferes e ós seus reverenciosos axudantes, ós vendedores de dátiles, ós anticuarios cos que regateamos, ós empregados dos hoteis e mesmo os beduínos que ofrecían un espectáculo preto da antiga necrópole...  Ollamos e meditamos á posta do sol dende o castelo árabe do século XVIII... e xa nas últimas notamos a desorganización do que se preparaba.

Mesmo temos servido de guía en Palmira, contando a historia de Lady Hester Stanhoppe, sobriña do primeiro ministro  inglés, o xovencísimo Willian Pitt, desconsolada prometida de Sir John Moore, que unha vez morto na batalla coruñesa de Elviña,  ela embarca rumbo a Oriente, acompañada por outros aventureiros soldados como Michael Bruce, pasa por Constantinopla, Exipto,Terra Santa e finalmente queda en Siria, disfrázase de home, fai curacións en Damasco e Akaba e vive no templo de Baal en Palmira; os beduínos descobren nela a reencarnación da mesma Zenobia.  Lady Hester, compañeira de  Byron, de Lamartine, morreu de vella en Libia, nun castelo druso e rodeada de gatos.

Rosa Regás , buscadora do exótico, fai unha contemporánea “Viaje a la luz del Chan” (1995) que axuda a contrastar  a Historia co acontecer nese país que ten como capital Damasco, das mil e unha relixións, tribos e noites, asentada baixo o Monte Casium, sobre o que asoma o bunker-pazo de Al  Asad e  onde Caín matou a Abel. “Assalaamu Alaicum wa rahmatu Allah” isto é a “Paz e Misericordia de Alá” ou de calquera Deus xeneroso. Todo isto, entre armas sofisticadas, bombardeos, familias e casas destruídas, soa a oracións ou sermóns decimonónicos: a distancia que hai da teoría á praxe.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña