14:33 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-06-2015

“Orixe é a meta”. Karl Kraus, Palabras en verso I. * Citado por Walter Benjamin nas “Teses de Filosofía da historia”

Camiño de Wallander [e VIII]: Volver á Nación

Valorar (9)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



O regreso nunca é a volta a un mesmo, porque un mesmo non deixou nunca de estar alí onde fose. Quizais por iso os ollos cos que mirábamos a Rotterdam na busca das pegadas da emigración que nos é familiar eran quen de relegar a relevancia da presenza de Erasmo coa dalgún parente menos coñecido. Mesmo apreciábamos unha degradación progresiva no status da bicicleta que atribuíamos ao maior achegamento desta cidade a respecto de Amsterdam coa nosa terra. Mais o camiño das estrelas que nos trae a Compostela non é percorrido como un retorno que concilie hegelianamente o en si, que eramos, co para si, que descubrimos ao vernos desde fóra.

No seu momento, foi un atrevemento aquelo que dixo Castelao logo de visitar estas terras dos chamados países baixos alá no 1921: “Mais eu teño que confesar que salirei de eiquí tal como vin e sen deprender nada”. Nas últimas páxinas do diario da súa viaxe pola Europa de entreguerras insistía nesta idea de que logo de visitar museos e estudar centos de obras chegou a conclusión de que non se perdía nada fóra da nosa Terra. Por outra banda lembramos outra impresión súa da súa estadía nos EEUU a respecto de que alí a xente non sabe nada.

Seguramente xa daquela non había no mundo unha opinión pública que recibirá máis bombardeo informativo que a americana, e aínda así, Castelao contrastaba a súa análise da soberbia ignorancia ianqui coa sabedoría que apreciara nos pobos soviéticos que viña de visitar, a pesares das características sociais e políticas do sistema no que vivían uns e outros en canto á chamada liberdade de prensa e pluralismo político.

Que sabemos sobre a nosa sabedoría se ignoramos o que non sabemos?. Os europeos sempre nos créemos moi sabidos, moi ilustrados. Por iso nos considerábamos lexitimados para darlle leccións aos demais. Despois de todo os outros non vían mais alá dos seus fociños e nós viaxabamos dun lado a outro e, xa que logo, podíamos atoparnos en disposición de elevar xuízos transculturais e universais. Os nativos, os indíxenas, os pobos orixinarios non tiñan nin idea do que lles conviña e por iso fomos nós a dicirllo. E como a letra con sangue entra, ese esforzo pedagóxico deu os seus froitos. E quizais sexa nos EEUU onde xermolara con máis esplendor o pensamento ilustrado que alí plantamos os que de aquí fomos. Un pensamento canto máis universal, mais baleiro. Canto máis xusto, máis cego. Canto máis lúcido, máis ignorante.

Xa atravesando Francia, facemos escala nun dos característicos castelos do Loira, o Château d'Amboise, onde está enterrado un dos mais grandes sabios europeos: Leonardo da Vinci. Visitamos a súa tumba quen a pesares de non vivir en tan luxoso espazo, logo de morto, si que o poder considerou que era oportuno que adornase os seus xardíns coa súa presenza. Un poder esplendoroso que nos fixo lembrar a fase de Simone de Beauvoir cando nos advertía que canto máis limpos semellaran os suntuosos pazos do poder máis sucios son os sumidoiros nos que ocultan a súa inmundicia. Mais sorpréndenos nunha sala unhas fotos e un cadro dun personaxe de aspecto magrebí. Quixemos saber máis sobre este elemento fóra de lugar que desacougaba o entorno propio da nobreza gala que acondicionara este espazo para axeitalo á súa imaxe e semellanza. Que fai un árabe, marroquí ou o que sexa alí?.

Retrato de Abd El-Kader

Pescudo para coñecer de quen se trata e resulta ser Abd El-Kader. Líder da resistencia contra a colonización francesa en Alxer e que fora preso nese castelo xunto cun séquito dunhas 800 persoas. Abd El-Kader peregrinou á Meca, non a Compostela. Mais seguramente a súa espiritualidade deu semellante riqueza cultural e intelectual á nosa. Ao fin rematou os seus días en Damasco derrotado logo de tentar impedir a colonización da súa Terra, chegando a ser considerado un grande sabio. Podíamos dicir máis del, centrouse no ensino da teoloxía e a práctica do sufismo. Dentro do sufismo sirio ocupa un lugar moi importante, pois, ademais de ser ser o reintroductor do estudo da obra de Ibn Arabi en Siria, introduciu a rama darqawi da shadhiliyya na terra do Sham. Mais isto último podíao aforrar porque a ninguén lle diría nada. Porque realmente que sabemos dos musulmáns?. O caso é que recibiu a grande cruz da lexión de honra francesa por opoñerse a que os Drusos exterminaran aos cristiáns. A máis relevante das distincións da Francia desde que fora instituída por Napoleón é concedida a un dos inimigos que o combatera, galardoado por manterse dentro do que eles consideraban un confronto civilizado. Que máis se lle podía pedir a estes franceses despois de tratar ao seu prisioneiro coma un rei (literalmente).

Que elegante resulta o imperialismo con ese xeito tan seu de gardar as formas. Podíamos dicir que Simone de Beauvoir se equivoca. Aquí non se acocha nada. Abd El-Kader é exhibido como exemplo de que non hai nada que ocultar. Un caudillo rebelde recibindo un trato exquisito. De que se queixan estes musulmáns?.

E así, oculto a plena vista, volvo sen saber grande cousa de como se forxou a “grandeur” deste Estado que ten como sinal de identidade ter parido a carta de dereitos do home coa súa revolución. Xa sabíamos que algúns dos que redactaron dita carta tiñan escravos, que xa na denominación se excluía ás mulleres, en definitiva, que non era ouro todo o que reloce. Mais foi un desacougante filme que me achegou a un feito recente que descoñecía totalmente. Refírome a “Caché” (agachado) de Michael Haneke. Nel amósanos un triunfante xornalista, crítico literario, ao que comeza a incomodarlle uns estraños vídeos sobre a súa luxosa casa que lle chegan de xeito anónimo. Pouco a pouco este desacougo lévao a remexer nos fantasmas do seu pasado e atopa un feito persoal, infantil e aparentemente inofensivo que puido arruinar a vida doutra persoa e dos seus descendentes. Un fillo duns inmigrantes alxerinos que foran a unha manifestación contra a represión no seu país de orixe. Esta manifestación foi brutalmente dispersa pola policía co parabén do presidente De Gaulle co resultado -segundo algún historiador- de 393 mortos. Durante esta acción da policía moitas persoas eran detidas, agredidas e asasinadas simplemente polo seu aspecto mediterráneo de xeito que algúns transeúntes nin sequera eran magrebís. Mais estas mortes disimuláronse baixo a alfombra burocrática, e a vida parisina seguiu o seu curso sen reparar na masacre que viña de acontecer.

Esta película é sobre a culpa e como se xestiona para que non nos desacougue. Mesmo como se torce e desvía. Falamos que na primeira etapa desta viaxe recalamos en Boulazac onde atopamos un grande monumento coa palabra “MEMOIRE”. Pois ben, durante 20 anos censurouse calquera libro (“Ratonnades à Paris”) ou filme (“Octobre à Paris”) que puidese recordar estes feitos. Sería a raíz do xuízo contra o xefe de policía que dirixiu esta represión, Maurice Papon, pola súa actuación como policía durante o goberno colaboracionista na Segunda Guerra Mundial que se destaparon tamén estes feitos (aínda que foi condenados polos anteriores). Sería no 2001 (40 anos despois) que o alcalde de París mandou colocar unha placa lembrando esta masacre. E certamente, eu non sabía nada diso. Mais seguramente os parisinos tampouco até agora sabían nada. E a pregunta que nos facemos sobre o que estes franceses tardaron catro décadas en coñecer é: E agora de que lles serve?.

O tempo e o espazo son infinitos. Mais a vida é finita. E esa verdade que Castelao considera a máis certa e menos aceptada é a que condiciona o que aquí e agora nos fai sabios ou ignorantes. A autoconciencia como único xeito de apropiarse da responsabilidade da nosa existencia é o que fará que esta sexa vivida como auténtica, e xa que logo, sen perdón, con culpa, mais coa sensación de que a viaxe por este mundo non foi un soño, que nós somos os autores dos nosos actos, que sabemos o que facemos e o lugar onde nos botaron sen consultarnos non é un burato negro senón unha Terra que – coma todas- aínda está por descubrir e que a travesía que a nosa limitada biografía pode percorrer será máis intensa e valiosa si se centra en rabuñar sobre o que temos diante en vez de saltar superficialmente polo mundo virtual que nos deslocaliza.

Mais fronte a deslocalización non está o localismo. Ese é o xeito no que o poder dominante lles gostaría arrombarnos para non desafiar o seu universalismo rampante. Un mundo onde hai dous niveis, dous pisos, ou mellor dito, un sótano e un vistoso primeiro andar. O localismo é o grande aliado do imperialismo porque non presenta un modelo de unidade colectiva do mesmo rango. O nacionalismo que sostén a diversidade humana formalizada en comunidades de igual status non é tolerado polos que aspiran a ostentar eles o dominio global. Por moito que percorramos en círculo todos os camiños reais que atravesan o noso Concello nun alcanzaremos a comprender que é o camiño de Santiago senón temos conciencia de nación. E a diferenza do imperialista que considera que non ten nada que aprender dos outros pobos, o nacionalista é quen de valorar o que saben de si os outros como xeito de atopar o que temos en común como para saber o que nos é propio.

Pode que a nación nacese en Europa e como tal produto fose exportado a todo o planeta. Até ese momento o imperio era o único xeito de entender a articulación dunha humanidade plural. Quizais como Europeos teñamos moitas cousas das que estar avergonzados e debéramos estar cada quen na medida en que nos toque. Mais se podemos estar orgullosos de algo é o ter parido ese concepto fundamental para pensar un mundo mellor: a nación.

Europa constoulle moito sangue saberse plurinacional a nivel interno. Non quero dicir que está totalmente conseguido na medida en que queda moita nación por recoñecer. Mais a nivel externo a cousa aínda é peor. A Europa houbo/hai que con Fanon apuñalarlle as poutas para que as retire dos pobos que somete/bombardea, sen saber nada deles. E dentro dese andar colectivo cada quen de nós ten o seu camiño individual. Mais que ninguén pense que é posíbel ter dereito a individualizarse se non se logra o recoñecemento de nación. Só nas nacións temos dereito a ser individuos. Equivócase quen pensa que para ser individuo debe ir ao seu, de desentenderse da sorte da colectividade que lle veu dada. Supoño que nesa ficción vivirían moitos xudeus, moitos deles ateos, que mesmo se consideraban polacos ou alemáns, e que nas filas da cámara de gas se decataron de que ninguén se pode dar de baixa dunha colectividade que non existe formalmente co status de recoñecerlle aos seus membros dereitos individuais.

Só os dereitos humanos serán exercitados plenamente o día en que o nacionalismo trunfe no mundo. Mentres atoparemos con esta cínica sociedade na que ninguén nega eses dereitos, mais moitos retiran o recoñecemento de humanos aos que pertencen a colectividades que non teñen o mesmo rango que eles, que son dunha entidade inferior, que en definitiva, non son nación.

De Galiza a Escandinavia viaxamos por unha Europa de nacións que comparte moitas cousas en común que seguramente se forxaron grazas en grande parte aos que a recorreron pacificamente por un camiño a atravesaba para chegar ao fin do mundo, buscando algunha meta para a súa existencia. Aqueles peregrinos preguntábanse: Ten algún sentido a nosa vida?. E pensaron que ben podían atopar a resposta na dirección que marcaban as estrelas. Hoxe as estrelas da bandeira da Unión Europea cegan co brillo dos seus euros a quen queira ver a multiplicidade nacional que na orixe do sentimento europeo escintilaba xunto con ideais democráticos e solidarios. A medida que Europa como ao seu fillo matando ao concepto de nación coas conseguintes consecuencias a hora de pensar a realidade, degrádase o recoñecemento das soberanías, da igualdade, da liberdade e da individualidade. Mais as nacións están aí palpitando aínda que se asasine o nome e a categoría que lle dá visibilidade. A medida que percorremos o continente topamos con que as nacións seguen máis vivas que nunca. E as nacións cando se comportan como nación son inclusivas, son abertas, son xustas ao constituírse como tales e relacionarse no mesmo plano coas demais. Seguramente se as nacións Europeas non quixeran ser imperio non terían provocado tantos desastres humanitarios nos continentes do redor. Os imperios non teñen problemas de conciencia e son quen de pechar as fronteiras a quen foxe da miseria e destrución provocada pola cobiza das corporacións que os gobernos euroamericanos representan. A idea de nación axuda a ter empatía cos seres humanos que sofren porque son tan nación como un. A idea da Europa que nos están a meter na caluga é racista e insolidaria cos que non son membros deste club exclusivo. Polo feito de non podemos formalizar as outras colectividades como Europas, fai que consideremos que a sorte (a mala sorte) dos membros destas non son da nosa incumbencia. Non é que non haxa máis Europa que unha pois EEUU, Canadá e Australia computan coma Europa no imaxinario occidental. Rusia é considerada como Asia. Sonche cousas do eurocentrismo.

Mais como superar o eurocentrismo?. Henning Mankell, tras de quen percorremos esta viaxe atopou cunha solución: ir vivir a Mozambique. Quizais non faga falla ir tan lonxe. Se cadra abonda con reconciliarse coa propia nación para situar o centro na periferia. Unha vez feito isto decatámonos que non hai arriba nin abaixo, non hai occidente nin oriente, non hai Europa fóra de Europa, non se pode saír de Europa dentro dela, Europa non é a humanidade... e toda unha serie de consecuencias que se derivan do feito insoportábel de asumir que o universo é infinito. Un universo que tamén se nos amosa como escuro e sombrío, mais lembremos con Pessoa que só é así de noite. E polo de agora, o sol sae para todos, sexamos máis ou menos europeos.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña