15:12 Martes, 29 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-05-2015

Non nos quedemos só en perfís persoais, en códigos éticos ou en modelos de cidade. O país debe estar igualmente moi presente na papeleta que collamos nestas eleccións

O 24 tamén decidimos se queremos que Galiza se exprese como unha nación

Valorar (22)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Nestes tempos tan confusos que estamos a vivir, nos que os platós da televisión substituíron aos parlamentos, seguramente hai persoas identificadas desde sempre co nacionalismo galego que talvez non ven ningunha contradición entre defender a idea de Galiza como nación e apoiar co seu voto nas vindeiras Eleccións Municipais candidaturas como a Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ferrol en Común. Pola contra nós si que cremos que existe unha enorme contradición, sobre a que nos gustaría reflexionar neste artigo, iso si, desde o máis absoluto respecto á decisión que cada un e cada unha tome o 24 de maio. Alá cada quen coa súa responsabilidade política individual e co seu interese por reconstruír ou non a unidade perdida do nacionalismo galego e, o que é máis importante, por facer posíbel a presenza de Galiza como nación nos tempos que han de vir e que tanto han de influír no noso futuro como país. A nosa única pretensión con este artigo é convidar á reflexión a todas aquelas persoas que queren unha Galiza distinta e que aínda a día de hoxe se moven entre unha opción electoral e outra. E queremos facelo desde a preocupación polo futuro de Galiza -que, sen dúbida algunha, compartimos todas e todos-, desde unha visión galega do momento político actual e, por suposto, desde a cordialidade da palabra.

A contradición entre a defensa de Galiza como nación e o apoio a candidaturas que se autodefinen como mareas ou de unidade popular non hai que buscala na capacidade política dos candidatos e das candidatas nin tampouco nos códigos éticos ou nos programas electorais das diversas opcións. Non é aí onde está o problema. Sería absurdo negarlle ao cabeza de lista de Compostela Aberta ou da Marea Atlántica perfil para estar nun concello, tan absurdo como cuestionar o contido ético e programático dos documentos que lle ofrecen á cidadanía. A cuestión é outra e gustaríanos formulala con varias interrogantes: obedecen esas alternativas electorais a un proxecto político de país, vertebrado no conxunto do territorio e coa coherencia ideolóxica necesaria para non naufragar na travesía do mandato municipal? Responden esas candidaturas a unha dinámica política interna do noso país ou están alimentadas desde Madrid e orientadas a nutrir de apoio social opcións políticas españolas? Os resultados electorais que obteña a Marea Atlántica, a Marea de Vigo, Compostela Aberta ou Ferrol en Común servirán para tecer nos próximos meses unha candidatura plural de país de cara ás Eleccións Xerais ou polo contrario contribuirán a españolizar aínda máis a política galega, fortalecendo a presenza e a implantación na nosa sociedade de forzas de ámbito estatal como Podemos ou Izquierda Unida?  Os apoios electorais a esas opcións municipais axudarán a reconstruír a unidade de acción do nacionalismo galego ou dificultarán aínda máis o reencontro de todas as persoas que queremos que Galiza teña peso político propio no escenario político que se abrirá tras as vindeiras Eleccións Xerais? Reflexionemos serenamente sobre estas preguntas.

Nós témolo claro: o 24 de maio non só decidimos sobre o goberno municipal que queremos para o noso concello, decidimos tamén a conformación do futuro mapa político do país, a nosa expresión política como nación, a fortaleza ou a debilidade do nacionalismo galego, a presenza ou a ausencia de Galiza nas Cortes españolas que se constitúan no próximo outono e incluso a posibilidade de ir construíndo paso a paso unha alternativa nacionalista que lidere o cambio político en Galiza. Nada menos e nada máis que todo iso. Non nos quedemos, pois, en perfís persoais, en códigos éticos ou en modelos de cidade. O país, Galiza, e o seu futuro como nación, debe estar igualmente moi presente na papeleta que collamos o 24 de maio. Sería moi difícil de entender desde unha perspectiva galega -non digamos xa desde o pensamento nacionalista- que como galegos e galegas nos preocupase máis consolidar un partido político español emerxente como Podemos que que Galiza emerxa de novo como nación neste proceso electoral e se sitúe nunha posición de forza no escenario que se abra despois das Eleccións Xerais. Estamos na encrucillada de sempre. O mesmiño que moitas e moitos de nós tivemos que decidir no 77, no 79, no 82... Non alcanzo a comprender como hai quen chama nova cultura política a unha estratexia que conduce á irrelevancia política de Galiza. Polo que se ve, aínda hai quen non aprendeu a lección de ORGA. Por certo, naquela circunstancia histórica, naquela encrucillada, Castelao e Bóveda -e don Ramón tamén, naturalmente- non tiveron que discrepar entre eles sobre o camiño que había que coller: se o republicanismo de Casares Quiroga ou o nacionalismo galego emerxente. Optaron polo último. E foi así como ao pouco tempo naceu o Partido Galeguista. En Pontevedra, os días 5 e 6 de decembro de 1931. Para que Galiza sexa unha nación no mundo. Aí seguimos.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña