06:24 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-05-2015

O crime de Ayotzinapa non é algo estraño ou puntual debido a un político, uns policías ou uns militares corruptos que deron a orde ou que colaboraron no crime

América Latina (II), Ayotzinapa é só un síntoma

Valorar (20)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Un, dous, tres, catro, cinco, seis, sete, oito, nove, dez, once, doce, trece, catorce, quince, dezaseis, dezasete, dezaoito, dezanove, vinte, vinte e un, vinte e dous, vinte e tres, vinte e catro, vinte e cinco, vinte e seis, vinte e sete, vinte e oito, vinte e nove, trinta, trinta e un, trinta e dous, trinta e tres, trinta e catro, trinta e cinco, trinta e seis, trinta e sete, trinta e oito, trinta e nove, corenta, corenta e un corenta e dous, corenta e tres......VIVOS LEVÁRONOS E VIVOS QUERÉMOLOS!!!!
,

Este é o berro de dor E REIVNDICACIÓNcreado por familiares dos 43 estudantes da Escola Normal Rural Raúl Isidro Burgos en Ayotzinapa no estado de Guerrero que desapareceron na noite do 26 ao 27 de setembro do ano pasado. Escoitei este berro por primeira vez no pasado mes de marzo en cidade de México  ao rematar unha intervención de Felipe Cruz, pai dun dos estudantes desaparecidos e voceiro do colectivo de familiares dos 43 normalistas de Ayotzinapa; un berro longo no que se vai dicindo o número de cada desaparecido desde o primeiro até o corenta e tres, un berro convertido xa en berro dos desposuídos, dos pobos orixinarios e do conxunto das clases populares mexicanas, un berro que é símbolo de protesta e de denuncia da barbarie que se vive en México.

O crime de Ayotzinapa non é algo estraño ou puntual debido a un político, uns policías ou uns militares corruptos que deron a orde ou que colaboraron no crime. O crime de Ayotzinapa é un máis dos múltiples crimes que segundo cálculos bastante conservadores teñen producido xa máis de 130.000 mortes e máis de 50.000 desaparicións nos últimos vinte anos nese estado.

Falando cun vello militante da esquerda mexicana que pasou pola guerrilla  dicíame que desgraciadamente tivo que chegar unha masacre como a de Ayotzinapa para que se falara con algo de seriedade sobre a situación de violencia estrutural que sofre o país, unha violencia que é moito maior que a que se dá noutras zonas do planeta sobre todo tendo en conta que en México non hai unha guerra declarada e que a imaxe que se transmite a maioría das veces cara fóra é a dun estado democrático e moderno cando a realidade é moi outra.

Aínda que poida semellar anecdótico esta mesma persoa mostrábame o seu cabreo diante da  actitude hipócrita dos sectores ben pensantes dos países desenrolados que botan as mans á cabeza diante dos vídeos de  decapitacións cometidas polo ISIS en Siria e Iraq e chaman a adoptar medidas para rematar con ese grupo cando en México eses feitos acontecen cada día desde hai anos e tamén son subidos polas bandas de narcos e paramilitares ás redes sociais, con imaxes moito máis duras que son agachadas nos caixóns polos medios de comunicación dominantes na maioría a maioría das veces.

México nos últimos vinte anos tivo un retroceso brutal froito das políticas neoliberais implantadas polos diversos gobernos totalmente submisos ás directrices dos Estados Unidos.

A implantación do Tratado de Libre Comercio (TLC) supuxo un golpe mortal para a produción alimentaria pasando de ser practicamente autosuficiente nese ámbito en 1994 a ter que importar moitos dos alimentos básicos da súa dieta como o millo do que importan o 30% ou o trigo do que importan o 42%.

Na actualidade o 60% da poboación é pobre e na poboación ocupada preto do 60% está no sector informal con salarios de miseria e unhas xornadas e condicións de traballo de total explotación, destacando importancia que teñen as maquilas instaladas nas zonas francas na explotación da muller. Desde a entrada en vigor do Tratado de Libre Comercio a clase traballadora mexicana perdeu máis dun 70% do seu poder adquisitivo.

A todo isto debemos engadir os procesos de privatización do petróleo, e da auga e a venda de grande parte do seu territorio mediante concesións para explotacións mineiras a empresas estranxeiras, fundamentalmente do Canadá.

Sendo todo isto moi grave aínda hai máis, pois hoxe podemos dicir que México é un verdadeiro narco-estado no que a presenza da chamada industria da droga chega a todos os currunchos, e a cada pouco atopamos relacións entre políticos, xuíces, militares, etc,,, coas bandas de narcotraficantes, unhas bandas de narcotraficantes que se calcula contan con 100.000 homes armados, moitos deles ex-militares, e segundo informes das Nacións Unidas o narcotráfico está presente en máis da metade dos concellos mexicanos.

Hai a idea de que o territorio mexicano é só estación final da droga antes da súa entrada no mercado dos EEUU, pero xa non cumpre só ese papel senón que á súa tradicional produción de marihuana hai que engadir que nos últimos anos pasou a ocupar o lugar de Colombia como primeiro cultivador de América Latina  de opio e mapoula que son empregadas para a produción de heroína.

Moitos consideran hoxe a México como un narco-estado, outros din que é un estado fallido e sen meternos en discusións terminolóxicas podemos coincidir en que hoxe a realidade mexicana está marcada polos negativos efectos do TLC e da chamada economía da droga e que ambos teñen sido empregados polos Estados Unidos coa escusa de erradicar a droga, garantir o libre comercio, a libre competencia e a seguridade para socavar a súa soberanía, procedendo a unha intervención directa e indirecta intensificada nos últimos anos ao precisar os EEUU de manter o control sobre quen con Colombia é o seu aliado máis importante nunha América Latina que ten virado á esquerda e maioritariamente fai fronte común contra a inxerencia imperialista.

No caso de México a realidade social antes descrita e a corrupción das estruturas, políticas, administrativas nos distintos niveis, xudiciais, etc... non permiten albiscar a curto prazo a posibilidade de mudanzas importantes, pero iso non quere dicir que non haxa resistencia. Son moitos os focos de resistencia desde o zapatismo até movementos nacionalistas como o Movemento de Rexeneración Nacional de López Obrador, pasando pola heroica loita do Sindicato Mexicano de Electricistas, o movemento contra a privatización da riqueza petrolífera, o movemento de denuncia da lacra do feminicidio a Asemblea Popular dos Pobos de Oaxaca, a actuación de diversas organizacións políticas de esquerda e movementos de reivindicación do dereitos dos pobos orixinarios....

Os 43 de Ayotzinapa entendo que poden ter unha dobre lectura, por unha banda non deixan de ser un síntoma dunha grave situación social e de vulneración dos dereitos humanos e por outra o movemento de solidariedade levantado ao seu redor é tamén síntoma de que en México o pobo non dá por perdida a guerra e afronta cada batalla co obxectivo de construír un futuro de soberanía e xustiza social.  

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal