10:17 Xoves, 04 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-04-2015

O estado tunecino é, hoxe por hoxe, a opción máis favorable para a constitución dunha sociedade de corte democrático no mundo musulmán

Tunez no ollo do furacán

Valorar (7)

SANTIAGO JIMÉNEZ



Na nosa última reflexión, dedicada a analizar o contexto político magrebí na súa actual conxuntura, indicabamos o papel central, dende unha perspectiva simbólica, que, nese ámbito xeo-estratéxico, xogaba Túnez. Un dos territorios de menor extensión xeográfica dentro da rexión pero que, na súa dinámica histórica estaba e está chamado a xogar un papel moi importante no futuro do Magreb e dos países islámicos en xeral.

O estado tunecino é, hoxe por hoxe, a opción máis favorable para a constitución dunha sociedade de corte democrático no mundo musulmán. Unha posibilidade consecuencia da súa evolución histórica e da elevada conciencia política da súa sociedade, amplamente consciente da responsabilidade contraída na construción do seu futuro político. E unha esperanza para a renovación política e a dinamización da vida social de todo o Islam, cuxa evolución máis alá do modelo político occidental preocupa aos gobernos europeos e norteamericano e cuxo éxito inquieta aos sectores musulmáns máis tradicionalistas, ao cuestionar os sistemas de goberno de corte despótico ou autoritario que lexitiman ás liñaxes oligárquicas que constitúen a gran maioría dos gobernos árabes.

Esta situación esperanzadora, aínda que non exentar de problemas, parecese inquietar pola súa posible caracterización como modelo tanto como polo feito de constituír unha experiencia de negociación dialogante nun panorama no que a violencia xeneralizada parecese constituírse na solución política máis pragmática e habitual. E é que resulta útil que teñamos en conta que a conflitividade que caracteriza estes momentos non se establece a partir dun presunto enfrontamento entre o mundo occidental e o islámico ou os réximes políticos democráticos e o terrorismo, dúas formulacións demasiado esquemáticas. A dinámica política, caracterizada xeneralizadamente polo emprego sistemático da violencia como arma política, non só posibilita o confrontar dous presuntos modelos contrapostos senón crear unha tensión xeneralizada e dispersa para o beneficio dos nosos xendarmes globais que reforzan o seu "imprescindible" protagonismo e o seu peso. Xéranse tensións e enfrontamentos armados contra o fundamentalismo islámico pero tamén entre musulmáns e cristiáns (dentro do Islam), entre os movementos salafistas e o laicismo, entre sunníes e chiitas ou entre sultanatos e repúblicas. Unha efervescencia inestable que provoca inseguridade e medo colectivos e leva a unha crecente desestabilización das dinámicas políticas nos nosos días. Se fai verosímil a hipótese de que a mingua das condicións de benestar nas sociedades occidentais estivese acompañada e complementada por un panorama a nivel político que a xustificase e impedise toda análise repousada ou bloquease calquera tipo de rexeitamento ante a degradación da nosa condición social.

Actualmente Túnez vive a súa primeira etapa democrática post-constituínte. Trala aprobación parlamentaria da súa nova constitución en xaneiro de 2014, as primeiras eleccións presidenciais deron a vitoria a un político experimentado de corte conservador e laicista, Beyi Caid Essebsi, que se proclamaba discípulo do fundador do Estado tunecino Habib Burguiba. A súa política de concertación e o seu escrupuloso respecto cara á oposición, encabezada polo partido islamita Ennahda, prometen unha estabilidade política que a elevada idade do líder (89 anos) cuestiona. E é que a tranquilidade e a calma parece ser unha esixencia maioritaria da sociedade tunecina despois da revolta que acabou coa ditadura de Zine el Abidine Ben Alí e dos anos de reconfiguración e reconstrución na orde institucional e administrativa. En busca dunha lexitimidade na que se integren os tres elementos que a configuran: o reclamo á historia, a vontade transformadora e a construción dunha sociedade democrática. E para conseguilo necesítase do acordo entre as diferentes concepcións presentes no panorama político actual: o islamismo, o liberalismo moderado, o centrismo, o nacionalismo, o socialismo e o ecoloxismo. Un consenso básico que garanta a cohesión do proxecto e permita superar a excesiva fragmentación política resultante do proceso da rebelión, no cal foron legalizados ata ¡¡¡cento corenta e catro partidos!!! reducidos, a día de hoxe, ata os corenta e nove actuáis.

Faise imprescindible a coalición de forzas necesaria, a nivel interno, para deter a crecente precariedade da vida política e social caracterizada pola situación crítica da economía, o forte incremento do desemprego xuvenil e a escasa eficiencia dos debates e a toma de decisións. E o apoio exterior preciso para tratar de compensar e estabilizar as posibles deficiencias dese esforzo articulador. Algo difícil de alcanzar pola fortaleza dos que poidan estar interesados no fracaso deste proxecto e a indiferenza de cantos se consideran á marxe da cuestión e non se senten directamente implicados no porvir da sociedade tunecina. Aínda que o seu fracaso poida resultar moi negativo para a configuración do panorama político por vir.

A economía tunecina foi, tradicionalmente, moi dependente da europea tanto pola súa condición de país mediterráneo coma pola súa apertura tradicional ás relacións cos estados do seu ámbito, froito dunha política máis proclive á negociación que á confrontación e a falta de ambicións expansionistas ou hexemónicas. Ese carácter subsidiario supúxolle participar das consecuencias da crise europea e da sua conseguinte deterioración.

A súa balanza de pagamentos é deficitaria pola diminución das exportacións e o mantemento das importacións. Un desequilibrio que se fai particularmente agudo polo retraemento das outras dúas vías que garantían a solidez do seu sistema. Por unha parte, e de forma moi especial, o turismo, que constituía unha das fontes fundamentais de ingreso. Tanto a caída do volume de usuarios coma a inestabilidade que nestes últimos anos caracterizou á zona (a proximidade a países en guerra como Libia ou Mali ou a súa relación xeográfica co deserto sahariano refuxio de diferentes grupos terroristas non contribuíron precisamente como estímulos). Pola outra, as divisas procedentes dunha emigración que constitúe ata un 10% da poboación total; a súa chegada tería decrecido a partir da crise pois a maior parte dos emigrantes traballaban en países europeos.


Francia era o lugar de residencia do 60% dos emigrantes, seguida de Italia (un 15%) e Alemaña e Libia (cun 8,5%, en cada caso). O que supón unha enorme influencia da conxuntura económica europea na posible evolución desta partida e o perigo de que a inseguridade libia provocase un retorno de inmigrantes que acrecentaría o paro ou de que o radicalismo e a conflitividade que mantén a ese territorio nun xeneralizado enfrontamento civil entre fraccións se propagasen a través da extensa fronteira común. Unha situación que provocou o crecemento da inflación e unha caída do P.I.B ata a metade do seu valor ao inicio do proceso.

A debilidade da economía dificulta o conquerir a mellora nos salarios que satisfaría as demandas da poboación; un obxectivo primordial pero que non constitúe, non obstante, a súa prioridade nunha posible enumeración das necesidades fundamentais. Sen dúbida, a redución substancial do paro mediante unha política que favoreza as novas contratacións e o emprego é a maior preocupación para unha sociedade na que a falta de traballo afecta, esencialmente, aos traballadores novos cualificados e con titulacións, ás mulleres e á poboación asentada nas zonas menos urbanizadas e desenvolvidas do país; isto é, aos sectores politicamente máis implicados nunha acción política de cambio; con todalas consecuencias e potenciais problemas que de aí poidesen derivarse. Fronte a un índice de paro que se sitúa en torno ao 17% da poboación activa, o de parados cualificados sitúase practicamente no dobre mentres que o número de mulleres desempregadas é algo máis que o dobre dos homes chegando ata un 47,5% no caso da poboación feminina diplomada, froito dunha discriminación de xénero que afecta en maior medida ás mulleres que se esforzaron por conseguir un maior grao de preparación.

Outra liña de actuación valorada moi positivamente e, en certa medida, complementaria coa anterior é a que levaría a planificar un desenvolvemento equilibrado para o país; o que supoñería un maior equilibrio nun nivel de vida que favorece á orla costeira e ás zonas urbanas en detrimento do interior e as zonas menos poboadas e urbanizadas. Só así podería reducirse o desequilibrio existente entre unhas e outras rexións xeográficas e favorecer unha maior igualdade social e de oportunidades e unha mellor estruturación e capacidade de acción a nivel gobernamental e administrativo.

Xunto a ambos os dous factores a loita contra a corrupción convértese nunha terceira preocupación para o conxunto da cidadanía xa que, nunha sociedade na que os recursos e a capacidade de xeralos diminúen, se fai especialmente grave o desvío de fondos cara aos intereses particulares en maior prexuízo dos colectivos. E iso, por moito que se invoque a longa tradición asentada socialmente deste tipo de comportamentos. Un control que preocupa a toda a sociedade e en cuxo exercicio colaboran moi activamente os movementos sociais.

A nova situación política, o único resultado aparentemente estable e sen dúbida ningunha, positivo da mal chamada primavera dos países árabes, carecería de sustento se non fose pola aparición de novos actores con protagonismo social que complementan e fortalecen o tecido público ao lado dos partidos, as organizacións sindicais (singularmente a U.X.T.T.) e as asociacións de mulleres (que, en Túnez, teñen tradición, que non arraigamento profundo, dende os anos trinta do pasado século). Trataríase dos diplomados no paro, os grupos feministas, os sindicalistas de base, os avogados ou os ciberactivistas; nos que, homes e mulleres, novos, na súa maior parte, colaboran e achegan en condicións de igualdade a súa contribución ao esforzo rexenerador e en busca de reverter unha situación que, nos últimos tempos, supuxo unha evidente regresión no papel e a condición das mulleres.

O desenvolvemento das liberdades cidadás ten suposto, entre as súas consecuencias, unha maior presenza na sociedade dos grupos de crentes tradicionalistas (dende o ministerio de asuntos relixiosos, creado polo gobernó de Ennahda, as mesquitas, os medios de comunicación afíns ao islamismo e as sociedades cidadás de carácter caritativo) e un forte incremento da predicación e propaganda dos principios do salafismo, partidario dunha relegación da muller ao ámbito puramente doméstico, alegando que os seus dereitos van en contra da lexislación relixiosa e da tradición musulmá. Unha prédica que, directa ou indirectamente, está na base da violencia que se atribuí o Estado Islámico.

Establecendo un clima que non favoreceu en absoluto, senón todo o contrario, a diminución do paro feminino, propiciando a súa ocupación en traballos de carácter informal e non regulado. E que supuxo o incremento da pobreza entre as mulleres e o risco dunha maior exclusión e marxinación social co conseguinte reforzamento da súa vulnerabilidade como grupo e a súa indefensión no momento de reclamar os seus dereitos. Unha situación que se agrava polo aumento alarmante da violencia e as agresións físicas realizadas de forma pública co obxecto de obrigalas a cubrirse co veo ou para impedirlles a súa participación en reunións ou manifestacións.

Esta situación afróntase en Túnez a partir dun elemento dinamizador característico e moi presente na súa dimensión pública dentro do panorama político: trátase dos movementos sociais e cidadáns, cunha ampla, dinámica e estendida presenza no conxunto do espectro social e, singularmente, entre a xuventude. Dende os seus inicios, o asociacionismo cidadán experimentou un notable proceso de crecemento que, nos primeiros anos da ditadura, supuxo a ocupación do espazo cívico polos mecanismos do propio poder ata chegar ás 9.969 agrupacións no ano 2010. Para lograr o control das súas actividades, o goberno de Ben Alí aprobou unha normativa pola que ningunha asociación podía rexeitar a admisión de ningún dos seus posibles adheridos polo que se aseguraba a infiltración e o seguimento policial da totalidade das organizacións. Trala caída do ditador, o movemento cidadán cobrou un renovado impulso crecendo ata chegar a un total de 15.167 en marzo de 2013 e ampliándose ata as 18.025 dous anos despois (datos do IFEDA, centro de información, de formación, de estudos e de documentación sobre as asociacións), cunha maior cifra de crecemento situada entre os anos 2011 e 2012 período no que xurdiron case 5.000 novos colectivos.

Algunhas delas, nacidas no período anterior, tiveron e teñen un papel moi destacado no proceso de renovación política e na defensa dos dereitos e liberdades civís. Grupos como a Liga Tunecina dos Dereitos do Home, a Asociación Tunecina de Mulleres Demócratas, a Asociación de Loita contra a Tortura en Túnez, a sección tunecina de Amnistía Internacional, o Consello Nacional para as Liberdades en Túnez, a Asociación de Mulleres Tunecinas pola Investigación acerca do Desenvolvemento ou as asociacións de xornalistas, maxistrados ou avogados mozos mantiveron, en condicións non sempre favorables, unha loita constante en favor da sociedade tunecina e dos seus grupos sociais máis vulnerables.

Entre as diferentes categorías en que se inscriben destacariamos as deportivas, educativas, culturais, caritativas ou de amizade e xuvenís pero tamén teñen grande arraigamento as cidadás, as de defensa dos dereitos, as ambientais, as de mulleres ou as científicas; con todo, a maior porcentaxe das de creación recente dedícase aos fins caritativos e de beneficencia social (nun número que supera amplamente o millar), seguida polas que atenden ás necesidades culturais ou artísticas, as relacionadas co desenvolvemento (ambas as dúas por enriba dese milleiro, aínda que en número máis reducido que as primeiras) e as científicas (ao redor de cincocentas).


Neste esforzo no que o incremento do asociacionismo se conecta cunha maior mobilización cidadá os partidos políticos ocupan un papel complementario e non representan á plural complexidade do movemento cívico que os desborda e activa coas súas demandas. Nunha dinámica na que as asociacións promotoras da sensibilización e os observatorios políticos e de denuncia dos abusos de poder constitúen novos instrumentos de dinamización xunto aos que asumen o papel de observadores durante os procesos electorais e as agrupacións nacidas na emigración que asumen a súa participación no proceso dende a súa organización nos países de residencia. A ese respecto, destaca a Asociación dos Tunecinos en Francia (ATF) que traballa, coordinada con outras moitas asociacións de emigrantes, nun proxecto a favor da consecución da plena cidadanía binacional.

Pola súa banda, as asociacións de carácter islamita desenvolven fundamentalmente programas de axuda social e beneficencia, constituíndo ata un 7% do total. A influencia nelas dos partidos conservadores, de corte relixioso, é destacada particularmente e os seus obxectivos son as poboacións máis desfavorecidas ou marxinadas ás que atenden coa entrega de alimentos ou roupa, con axudas para matrimonios ou con atencións especiais con ocasión das celebracións coránicas. Algunhas denuncias teñen sinalado a escasa transparencia das súas contas e a achega a estas de fondos procedentes, singularmente, de Qatar, de Arabia Saudí e de organizacións islamitas afincadas no Reino Unido. Algo que non ten por que resultar sospeitoso en si mesmo polo carácter transnacional do financiamento das actividades islámicas, se ben a discreción, convertida en opacidade, non constitúa unha garantía pública axeitada nin contribúa a aumentar a confianza mutua.

O maior perigo a abordar pola sociedade tunecina é o da súa bipolarización, polo enfrontamento político entre dous proxectos e ideoloxías diferentes: o islamita e o modernista, vixente xa dende os inicios do século XX. Esa fractura pode quebrar o proceso e máis se é fomentada por intereses alleos aos da cidadanía que busquen o seu beneficio no lama que se difunde nas augas revoltas. A cuestión fundamental a abordar é a de se é posible a integración de ambos os dous proxectos nun esforzo común de renovación política e afirmación social e, por riba de todo, a conquista dun respecto plural cidadán que instaure a solidariedade básica baseada no respecto e o diálogo dende a diferenza. Algo posible pola tolerancia e a capacidade para a convivencia que caracterizou historicamente á sociedade tunecina e que se lle debe como recoñecemento á madureza alcanzada e ao seu proxecto de futuro esperanzador e cheo de compromisos. Uns e outros teñen a posibilidade e a responsabilidade de conseguilo en beneficio dos seus fillos e do mundo que non acertara a concibir ese oasis de prudencia.

Un compromiso que non constitúe un esforzo lírico ou heroico, de natureza poética, senón unha posibilidade factible que foi iniciada en 2013 por iniciativa da UXTT coa creación dunha mesa de diálogo nacional que se pronunciou de xeito rotundo contra a violencia e acordou a creación dunha comisión na que teña continuidade a reflexión e o debate entón iniciado e cuxa existencia posibilitou a condena social do último atentado do pasado mes de marzo. Faise necesario, aínda, avanzar naqueles puntos nos que se marcan as maiores diferenzas e distancias na busca dun achegamento que estableza novas e mellores posibilidades de entendemento e estableza as razóns que xustifican os desacordos: a partir do afondamento nun proxecto renovador especificamente tunecino, que faga reverter a deterioración económica e asente unha dinámica social máis florecente e activa, que impulse a integración efectiva entre os diferentes proxectos políticos e a distensión entre os proxectos alternativos e, o máis difícil, que faga patrimonio común o respecto dos dereitos e a defensa das liberdades e da participación cidadá. Se, quenes poden facelo, non se comprometen co necesario apoio a este proceso, dende os gobernos como na cidadanía, terán que asumir a sua cuota de responsabilidade polas súas debilidades e falla de coraxe político nun mundo no que nada nos e totalmente alleo.

Ese horizonte viuse comprometido nos anos 2012 e 2013 cos asasinatos de dous líderes políticos de diferentes fraccións laicas. No primeiro caso, o de Lofti Naguedh, aténtase contra o Secretario Xeral dun partido nacente, Nida Tunès, hoxe no goberno, e integrante da Unión dos Agricultores de Tatauine. No segundo, a vítima foi Chokri Belaid, o máximo responsable do partido de esquerdas Patriotas Demócratas. Un punto de inflexión superado, no seu día, pola convocatoria a un amplo diálogo nacional.

E, máis recentemente, polo atentado do pasado mes de marzo no que un pouco planificado asalto ao Parlamento acabou provocando unha traxedia no próximo Museo do Bardo. No que faleceron dous dos asaltantes, un policía e unha empregada do museo e outros dezasete estranxeiros, visitantes en viaxe turística, entre os cales había dous españois. Parecería que, con iso, se atentaba contra a debilitada economía do país (o que se conseguiu como efecto secundario, non planificado) xa que, se facemos caso das informacións recollidas polos medios de información, o verdadeiro obxectivo era a sede do poder político nunha reedición ampliada dos atentados precedentes. En todo caso, a aparente debilidade loxística do comando e a súa formación militar non acreditada, xunto coa aparente escasa capacidade do seu grupo de apoio, parecen indicar que, sen restarlle importancia ao feito en si, a incidencia das organizacións terroristas de carácter fundamentalista na sociedade tunecina aínda non parece terse consolidado de forma preocupante. E que o potencial perigo aínda pode ser conxurado de forma eficaz coa confianza na vontade do corpo social.

Outra cuestión é o sensacionalismo e a falta de esixencia cos que estes temas son tratados para o seu consumo, espectacular e sensacionalista, por parte dos máis ben desinformados cidadáns occidentais nos cales se trata de buscar a toma de partido decidida antes que a reflexión asisada ou a cautela. A partir dunha presentación da mesma pouco rigorosa e moi cinematográfica.

Curiosamente, ningún medio resaltou a importancia de relacionar estes feitos coa celebración, unha semana despois, da reunión do ano 2015 do Foro Mundial, contra o que tamén se podería pensar, polo menos hipoteticamente, que tamén se atentaba. Pero... para que atentar contra el? Se xa os medios se encargaron abertamente de silencialo despois do tratamento dado á traxedia da semana anterior.

Despois da cita do ano 2013, novamente Túnez fora escollido como o lugar de convocatoria do Foro Social Mundial; sen dúbida porque os movementos alternativos consideraron necesario apoiar o fortalecemento democrático do país e apostar pola tolerancia e a coraxe demostradas pola súa poboación. Xa están outravolta os altermundistas coas súas propostas imprudentes e irreflexivas... E, para inauguralo, decidiron programar unha multitudinaria manifestación na que se mesturaron as reivindicacións anticapitalistas e partidarias de respostas alternativas coa repulsa e a denuncia sen paliativos fronte ao terrorismo.

"O Foro Social Mundial 2015 está a punto de comezar en Túnez. A mellor resposta para o masacre do Bardo, construír outro mundo! ". Era a resposta da Confederación de Sindicatos Progresistas de Turquía ante a indecisión previa ao comezo das xornadas de debate. Se alguén tivese pensado remotamente en que os organizadores da reunión tivesen decidido suspendela por precaución equivocárase. A reunión de máis de 70.000 asistentes apenas espertou o interese duns medios pouco enteiros.

Como o mesmo Túnez o Foro necesita apostar pola renovación e por un maior grao de implicación cos problemas e unha mellor coordinación entre as organizacións, superando calquera errado protagonismo. E por unha presenza incrementada nas novas rutas da información. E reforzar, se cabe, o seu compromiso solidario cun país e unha sociedade soberanos aos que non se pode abandonar nin deixar sós.

Na cabeza da manifestación duas pancartas. "Por unha política xusta de emprego" líase na primeira. "Sexan solidarios e veñan a Túnez" dicía a segunda. Unha reivindicación local e universal a un tempo e unha chamada á fraternidade e ao convivio que non pode nin debe deixar de ter resposta.


Nota do autor:  Remito o meu mail por si alguén precisase de máis información ou quixera aclarar algunha cuestión. shalibrahimi@gmail.com




-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña