23:51 Domingo, 24 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-04-2015

Permítaseme, xa que logo, que o recorde aquí e faga votos pola pronta recuperación dun home comprometido coa xente, o país e a lingua que nos fai ser

Un crego que cre

Valorar (33)

MARICA CAMPO


Alfonso Blanco Torrado


Non faltarán persoas ás que o título deste artigo lles pareza un pleonasmo ou redundancia. Dáse por feito, polo menos entre certas xentes benpensantes, que a condición sacerdotal vai unida á fe. A min, que non o son tanto,  ofrécenme moita máis confianza personaxes como aquel  San Manuel bueno y mártir da novela de Unamuno, que perdera a fe mais comportábase como se a tivese por non lles tirar aos seus fieis a paz e o consolo da esperanza noutra vida, que outros aos que chamarei “místicos pícaros”, sempre dispostos a condenar e tirar proveito da súa condición de repartidores de eternidade.

Da fe de Alfonso Blanco Torrado, coñecido como o crego de Xermolos ou do festival de Pardiñas, cura tamén de moitas parroquias de Guitiriz, eu non teño a máis mínima dúbida. Sei que oficialistas e integristas de diversa pelaxe o teñen no punto de mira e mesmo dubidan da súa ortodoxia que, xa se sabe, para eles ten máis a ver co Evanxeo segundo Rouco Varela que segundo Xesús de Nazaret, o que move e conmove a Alfonso. Alfonso probabelmente cre en Deus, pero é ben seguro que acredita no ser humano.

Estes días pasados foi noticia polo que a prensa titulou envelenamento ou intento de homicidio. Ninguén mellor que a vítima sabe que eses titulares son enganosos. A persoa que o levou á beira da morte non pretendía envelenalo e moito menos matalo. Simplemente (e presuntamente tamén, que aínda non houbo xuízo) tentaba adormentalo para lle tirar cartos e lle coller prestado o auto e ir procurar droga. Alfonso asegura que xa o ten perdoado, que o visitará na cadea e que seguirá a se ocupar de persoas así porque, do mesmo xeito que Cristo axudaba aos leprosos, el quere estar cos que chama leprosos do noso tempo.

Permítaseme, xa que logo, que o recorde aquí e faga votos pola pronta recuperación dun home comprometido coa xente, o país e a lingua que nos fai ser. Con moitas persoas coma el Galiza, a Igrexa e o mundo serían outra cousa.

 

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[03-04-2015 13:35] Adela Figueroa comentou:

Lindo artigo. Sentido e real. Nem é. Pleonasmo. É mesmo assim: Alfonso é um cura que cre. Que pratica o que todos deveriam :A caridade como amor ao proximo. Beijinhos para ele desde os amigos da Eira da Xoana que muito lhe querwm. E parabéns para Marica polo axeitado artigo. Curra.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña