15:18 Martes, 29 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-03-2015

Ese noso altísimo poeta que non nos deixa de sorprender e que canto máis o coñecemos como creador máis gozo e admiración nos produce

Álvaro Cunqueiro: poesía de desamor e soidade

Valorar (29)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Talvez foi Carlos Casares o primeiro en salientar que toda a obra de Álvaro Cunqueiro ten un sentido profundamente tráxico, comprometida cos grandes enigmas do corazón humano. Nun dos seus últimos libros, Un país de palabras (1998), hai un magnífico ensaio (“Se Cunqueiro fose Eurípedes”) no que o escritor ourensán profundiza con grande lucidez no significado esencial dos textos de Cunqueiro, afirmando que toda a literatura cunqueiriana “é unha poética elaborada contra a traxedia da existencia humana”  e que cando Álvaro Cunqueiro fala de mitos e de personaxes clásicos, de quen realmente está a falar é case sempre de si mesmo. Nese momento a nós abriusenos un camiño até entón descoñecido para lermos con outros ollos a obra toda de Cunqueiro, especialmente a súa poesía, un territorio ao que non deixamos de regresar unha e outra vez desde que o descubrimos en 1980, no primeiro volume da súa Obra en galego completa.

Efectivamente, debaixo de todo ese culturalismo que florece na superficie de cada texto de Cunqueiro hai un home de carne e óso, unha voz que bebe da problemática humana, un poeta que fala do amor, da soidade ou da morte, que sufre e soña, e que, en non poucas ocasións, expresa os seus sentimentos, as súas vivencias máis íntimas e os seus dramas persoais a través de personaxes, mitos, pseudónimos e heterónimos. Ese é Álvaro Cunqueiro, ese noso altísimo poeta que non nos deixa de sorprender e que canto máis o coñecemos como creador máis gozo e admiración nos produce. Fixeron falta, certamente, moitos traballos de investigación e moitos estudos críticos para que hoxe as lectoras e os lectores de Cunqueiro poidamos ter unha interpretación da súa obra -sobre todo da súa poesía- máis cabal e máis completa, radicalmente distinta á que tiñamos durante a vida do autor. Hai un antes e un despois na visión e na valoración da obra de Álvaro Cunqueiro. E, desde logo, non foi inútil o esforzo que moitas e moitos fixeron nos últimos anos para redescubrir o extraordinario escritor que habita en cada texto de Cunqueiro.

Primeiro foi a descuberta da súa obra poética de madurez, os poemas que seleccionou e organizou o tamén poeta Miguel González Garcés para o libro Herba aquí e acolá (1980). Despois veu a segunda edición deste poemario (Herba aquí ou acolá, 1991), considerabelmente aumentada, un labor que levou a cabo o profesor Henrique Costas. Xa en 2011, Henrique Costas e Iago Castro entrégannos os poemas de Cunqueiro escritos entre 1933 e 1981, onde podemos atopar as súas “traducións” ao galego de poetas estranxeiros, publicadas no seu día baixo pseudónimos ou nomes de autores descoñecidos que ao final resultaron falsos, produto só da mente de Álvaro Cunqueiro, como os propios poemas. Estas composicións foron localizadas polos investigadores da súa obra entre case 600 traducións de máis de 200 poetas que Cunqueiro publicou nas páxinas do “Faro de Vigo”.  Non é de estrañar que X. L. Méndez Ferrín confesara hai xa moito tempo, nunha súa conferencia na Coruña, o seguinte: “O que máis me interesa de Álvaro Cunqueiro, se queren que lles diga a verdade, neste momento da miña vida, é o asunto das súas traducións (…) Eu coido que nas traducións está a apoteose do xenio poético de Álvaro Cunqueiro”.  É hora, pois, de que coñezamos a Cunqueiro en toda a súa dimensión creativa e humana.

Un dos traballos que máis nos pode iluminar sobre a poesía de Álvaro Cunqueiro cremos que pode ser a escolma que hai un ano publicou a profesora Camiño Noia na colección Arte de Trobar: Álvaro Cunqueiro. Trinta poemas (Centro PEN-Galicia, 2014). Na introdución e nos comentarios que realiza Camiño Noia profundízase nunha liña de coñecemento de Cunqueiro como quizabes nunca antes se fixera, en diálogo sempre con todas as análises anteriores (González Garcés, Méndez Ferrín, Henrique Costas, Manuel Forcadela, Pilar Pallarés, Luz Pozo, Álvarez Cáccamo, Dorinda Rivera, etc.), mais revelándonos un outro Álvaro Cunqueiro, unha nova interpretación da súa poesía, enraizada na biografía e na intimidade do propio poeta, onde, por certo, ocupa un lugar central a que foi a súa muller: Elvira González-Seco Seoane. Detrás dos nomes dos personaxes literarios está un home que escribe desde a emoción que lle produce a dor polo abandono da esposa.

Segundo a autora do libro, “O poeta precisa das palabras para ir tecendo en forma poética a verdade da súa soidade de amor, da dor pola culpa, da melancolía polo paso do tempo e manifestar a necesidade de seguir soñando para fuxir da realidade cotiá”. E engade Camiño Noia: “Os poemas seleccionados expresan sentimentos e vivencias traumáticas que, posiblemente, o poeta quería comunicar(se) mediante a enunciación poética. Hainos de fondo hermetismo e hainos máis transparentes, pero en todos se aprecia a voz melancólica de alguén que fala de problemas humanos”. A tese da profesora, moi ben fundamentada, é que Cunqueiro ocúltase nos seus poemas baixo os nomes de Ulises, Mijail, Carletti, Erikson, Edipo, Danae ou Paltiel. Detrás dos nomes dos personaxes literarios está un home que escribe desde a emoción que lle produce a dor polo abandono da amada, como sucede nos poemas de Ulises ou en “Eu son Paltiel”. “Na súa madurez, Cunqueiro -afirma Camiño Noia- convertera os mitos en obxecto de reflexión das súas circunstancias persoais, e non hai dúbida de que a voz enunciadora do poema é a súa”. Igualmente, tamén segundo a mesma opinión, cando o poeta fala de Penélope ou Francesca, de quen está a falar é de Elvira González-Seco, a esposa amada. Estamos, pois, ante unha verdadeira estratexia de enmascaramento. Nunca antes a poesía de madurez de Cunqueiro fora interpretada con esta claridade.

Eu son Paltiel, un pobre home, / triste, soio coma un can á porta da casa
, di o poeta. Noutros versos, noutro poema, o poeta, que segue namorado e que quere seguir soñando cos ollos da amada despois de morto, confésalle á esposa ausente: Si eu me fago arbre vello na outra banda do río / e me toca ser a arbre que recorda e soña / ben segura podes estar de que soñarei contigo, / cos teus ollos grises como a alba / e coa túa sorrisa / coa que se vestiron os beizos das roseiras / nos días máis felices. Agora sabémolo: a poesía de Álvaro Cunqueiro tamén é verdade, como toda a grande poesía.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[14-04-2015 19:23] Henrique Costas comentou:

Parabéns polo comentario, foi un pracer lelo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña