23:37 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-03-2015

Os barcos naceron con vocación de estar enriba do mar

Barcos en rotondas e edís paifocos

Valorar (28)

FRANCISCO CALO LOURIDO



O universal Borges procurou as súas orixes, principiando unha espléndida obra literaria no seu Palermo de Buenos Aires, aquel barrio “de calles aventuradas y de ocasos visibles” que el, neno de xardín enreixado de lanzas e biblioteca inglesa, candorosamente ignoraba. Naquel seu Evaristo Carriego, de 1930, quéixase de que ao regato que medraba pola zona “lo están encarcelando ahora” e “será reemplazado por una calle tilinga, de tejas anglizantes”. Cantos ríos e regatos das nosas vilas foron, vítimas da especulación e do pailanismo dos rexedores, encarcerados e transformados en rúas: Pontevedra, Combarro, Marín, Bueu... Porto! Denuncia tamén o porteño a febre de erguer monumentos escultóricos: “El chorreado caballo verdinoso y su Garibaladi no deprimían los Portones antiguos. (La dolencia es general: no queda plaza que no esté padeciendo su guarango de bronce)”. Outra volta teño que concordar plenamente co escrito por Borges hai 85 anos. Tápanse ou asfíxianse os ríos e estórbanse as prazas con estatuas, as máis delas, sen precisar saír da Pontevedra que habito, dun -hoxe síntome xeneroso de criterio- dubidoso gusto estético.

Os ríos xa foron encarcerados nun corsé de cemento e cada vez van quedando menos prazas sen espantallo con pretensións artísticas; pero así como cada tempo ten o seu afán, tamén mudan os campos escultóricos. A febre dos últimos anos consiste en dificultar o tráfico viario con rotondas que, aparentemente, carecen doutra utilidade. Con independencia de que a maioría dos condutores, garda municipal e civil de tráfico incluída, ignora como se deben usar os intermitentes dentro das mesmas, a súa proliferación, así como o esquifo dos seus diámetros, e a dobre albarda que significan os semáforos diante ou detrás delas -o que as converte en trampas para beneficio de talleres- fan dubidar sobre as verdadeiras intencións das autoridades que mandan facelas. Será porque agora, con todas as prazas saturadas de pedras e bronces, veñen moi ben para chantar nelas as novas marabillas escultóricas dos protexidos? O Doutor Barbosa de Melo, catedrático de dereito en Coimbra e expresidente da Assembleia da República, contoume hai anos que, visitando Entre-os Rios (Penafiel), preguntou a uns veciños se no canto de se facer alí a enorme e agresiva ponte que brinca sobre o Douro non tería sido mellor escavar un túnel. Un respondeu: “Oh Senhor Doutor, e quem ia vir cá pra olhar um túnel?”. Se algún edil le isto e sorrí, pense no que se poderá dicir das obras do seu municipio.

Ramón Franco, militar e natural de Ferrol como seu irmán, realizou, en 1926, a proeza de saltar co seu hidroavión desde Palos, en lembranza de Colón, ata Buenos Aires. O éxito foi clamoroso e o fachendoso comandante pretendeu regresar co seu “Plus Ultra”, facendo escalas gloriosas por América. Afonso XIII e Primo de Rivera impedíronllo, regalando o aparato á Arxentina. Cando Franco embarcou rumbo a España, mirou con pena para o hidroavión, fondeado no Río da Prata, e dixo que “estaba condenado a deshacerse en la oscuridad de un hangar o en la fúnebre sala de un museo”. Cando, no ano 1993, participei en Baiona nunha comisión a nivel español, na que se presentaba a maqueta do futuro Museo do Mar de Galicia e se discutía a súa musealización, argumentei contra a idea dos arquitectos de aparcar barcos no interior do edificio, pois a súa vocación é a de estaren sempre nadantes e nunca fosilizados nas salas dun museo. Os resultados, con independencia da opinión que me mereza o tal centro, e mesmo declaracións posteriores dun dos arquitectos demostraron que, por unha vez, as miñas verbas non foran inútiles. Conservo na miña correspondencia unha tarxeta enviada, en 1994, por unha profesora portuguesa desde o Musée National des Arts et Traditions Populaires de Paris, onde se ve unha embarcación de pesca enriba dunha morea de area. Di a colega: “Ao encontrar este barco encalhado numa montra, que nem peixe de aquário, lembrei-me da tua fobia por tais musealizações”. É vella e coñecida a miña posición ao respecto.


Desde que en Vigo se principiou a falar do absurdo, amais de desbaldidor de diñeiro do pobo, traslado dun buque a unha rotonda, sentín a necesidade de expresar o que parcialmente veño manifestando de viva voz e por escrito desde aquela primeira, desagradable e xa afastada visión dun barco humillado no medio dunha estrada. Pareceume tan vulgar, tan “hortera” como unha bailarina sevillana enriba dun pano bordado sobre un televisor. En 1997, organicei, en Pontevedra, un simposio de antropoloxía mariñeira e puxen na portada das actas unha foto dun barco así ofendido na saída de Ribeira para o Porto do Son (agora tamén temos alí outro) e Padrón. No texto interior escribín: “Trabucou a derrota”. Vin outros moitos barcos igualmente maltratados en Galicia, Portugal..., o que indica que a carencia de gusto estético está magnificamente espallada e que os actuais rexedores das nosas vilas e cidades serían considerados bárbaros polo grande Pericles. É posible que o mal gusto que demostran algúns alcaldes derive de crer verdadeiro aquilo de que polo mar corren as lebres e polo monte as sardiñas. No Porto do Son houbo un catalán que cando quería arranxar as súas lanchas xeiteiras, dicía aos patróns: “Échamela al monte que la quiero carenar”, frase que aínda hoxe usamos por alí, se ben dándolle un contido sexual. Os barcos sempre se botaron “arriba” ou “ao monte” para ser carenados e pintados. Hoxe carénanse e píntanse para ser levados ao monte. Absurdo.

Outra amiga portuguesa, a quen desexo que a terra lle sexa leve, preguntou aos seus cativos alumnos que era verso, e un deles respondeu: “Verso é quando se escreve sem atingir as bordas do papel”. A miña teima contra este ruído visual de exhibir barcos en rotondas levoume, hai moitos anos, a me queixar en formato soneto, con independencia  de que os versos que o conforman tal vez non teñan máis valor que os da resposta do menino portugués. Isto foi o que escribín ou perpetrei:

Indignidade

Que pintas pintadiño na rotonda,
para sempre esvaído o teu ronsel,
vendo coches xirando en carrusel
e a proa inútil agardando a onda?
Quen decretou humillación tan fonda?
Quen ordenou subirte nun andel
e vararte no centro dun verxel
de amenas flores e de herbiña donda?
Cantas millas mareando para nada!
Para acabar así mellor sería
que te tragase un tombo na estropada,
marcando a sonda peixes en barría,
no correr dun axexo ou alborada
de honrosa e derradeira marusía.

En 2005, no primeiro número Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza rematei con estas verbas un artigo sobre o mar e a arte: “Por exemplo, a moda que desde hai uns anos se impuxo de colocar barcos vellos en rotondas de estradas non se pode considerar arte, senón máis ben ‘horterada’. Os barcos naceron con vocación de estar enriba do mar e, cando xa non son de utilidade  práctica para a pesca, transporte, etc., se queremos conservalos, debemos mantelos a flote. Un barco, permanentemente en seco, é un cadáver e os defuntiños non se exhiben en rotondas”.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

1 2 seguinte

[21-03-2015 18:14] lenda comentou:

Si, os barcos naceron con vocación de estar enriba do mar. Mágoa que o pobo o galego mariñeiro estea perdendo o seu ser... arrepíos habían de darnos eses encallamentos...

[11-03-2015 08:03] ROXELIO comentou:

Bernardo Alfajeme: Martín. Aforcado na praza pública un día de Febreiro do ano 2015. Seu cadáver non merece sepultura e debe ficar exposto. No seu xuizo non se consideraron as causas esgremidas polos seus abogados. O gobernante de turno de turno quere condenar a una industria que sobra no seu modelo de cidade. Humnizada, di. Que maís humano que o traballo para ganar o pan con dignidade? Que maís humano que crear artefactos que faciliten a vida ós hummáns. Filosofias moi distintas de entender una cidade. Esta e a de quen presume de economista. Esto ven a ser licenciado en poner valor as cousas. Neste caso o seu ego.

[10-03-2015 10:05] bouzasecíes comentou:

Concordo con Xosé Carlos Solla. O profesor Calo, como catedrático de arte que é, pon unha vez máis o seu magnífico saber a disposición da xente que loita por causas xustas. Déixase de esteticismos e demostra a dimensión social do coñecemento... Grazas. Que continúa a loita.

[09-03-2015 21:19] Xan Ermida comentou:

A inexistencia en Vigo dun Museu de Técnicas Industriais e do Mar fixo imposíbel museizar o barco Bernardo Alfageme, xa fose total ou parcialmente, como un xeito de achegármonos ao coñecemento técnico, que é unha outra faceta da sabiduría do humano.
A decisión de levalo á rotonda de Coia, en contra da opinión maioritaria do Pleno do Concello de Vigo, mostrou o talante autoritario, fachendoso e de linguareteiro falaz do Sr Alcalde de Vigo: é risibél a súa comparanza do barco na rotonda coa Fontana di Trevi.
Unha parte nutrida da veciñanza de Coia organizada en Asamblea Aberta manifestou o seu desacordo: -"non pode ser os cartos na rotonda e as familias sen comer".
Foi unha loita desigual e foi unha loita digna.Foi, e asi permanece na memoria dos que dela fixeron parte, unha loita xusta.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña