02:39 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-03-2015

Medio século da publicación de El pensamiento político de Castelao

Darlle voz a Castelao

Valorar (16)

PADROADO DA FUNDACIÓN BAUTISTA ÁLVAREZ



Queremos darlle voz a Castelao, isto é, móvenos a mesma motivación dos promotores do volume que hoxe vos ofrecemos. Cando fai cincuenta anos se publicou este libro, Castelao enfrontábase ao silencio imposto polo réxime franquista, a un intento de asimilación impulsado polos sectores máis aperturistas do mesmo, encabezados na altura por Manuel Fraga, e a unha proposta de manipulación que nos presentaba ao de Rianxo de xeito incompleto, a saber como artista ou escritor, pero escindido de calquera formulación política. Mudaron os tempos pero estra triada segue conxurada contra o noso grande patriota até o punto de que segue sen existir para as máis das galegas e para outras non é máis que unha caricatura deformada para ser asimilábel. Enmudecer a Castelao ou entregárnolo filtrado imponse como unha necesidade para aqueles que pretenden perpetuar a dependencia de Galiza posto que o de Rianxo non admite máis que unha lectura e esta senta na soberanía os alicerces da nación do futuro.

O pensamento político de Castelao” é un libro mancomunado editado por medio dunha editorial instrumental. Mancomunado porque o impulso a esta publicación xurde por unha banda dos primeiros núcleos da UPG e por outra do binomio Seoane/Díaz Pardo, na altura simpatizantes e colaboradores desta forza política. Uns e outros coincidían na necesidade de que o pensamento político do de Rianxo chegara de primeira man e tamén de xeito “masivo” ao povo galego, nun momento no  que o “Sempre en Galiza” era un libro de circulación restrinxida, sometido a censura franquista pero tamén ao do círculo de “Galaxia”. A editorial “Ruedo Ibérico”, xoga aquí un papel instrumental, posto que se ben foi editado por esta marca, foi Luís Seoane quen se encargou da edición, a súa impresión realizouse en Arxentina e a distribución realizouse polas canles que seguían os libros do exilio e polas que lle eran propias á UPG. Neste caso, como acontecería posteriormente con outro libro de “Ruedo Ibérico” “Galicia Hoy”, a editorial parisina opera como pantalla, pola amizade do seu director José Martínez con Seoane e Díaz Pardo, pero sen ningún tipo de participación no mesmo.


O último acto deste libro escribirase co seu secuestro por orde do Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, e o procesamento no Tribunal de Orde Pública do seu autor Alberte Míguez Alvarellos. Alberte Míguez (A Coruña, 1941-Madrid, 2009), dedicouse profesionalmente ao xornalismo,  colaborando en xornais como “Madrid”, “La Vanguardia” ou “El Pais”, destacando as súas crónicas de política internacional, actuando como correspondente  no Chile de Allende e de Pinochet e no Portugal dos Cravos. Míguez, que viviría un particular proceso de involución ideolóxica desde os primeiros oitenta cara a posicións reaccionarias que o levaría a colaborar en “Libertad Digital” de Jiménez Losantos, na altura de 1965 era redactor do diario económico 3ED e simpatizaba coa UPG en Madrid. A súa orixe familiar, era fillo dun alcalde franquista, e a su profesión explica que se pensara nel para elaborar o traballo porén isto non impediu a súa condena polo TOP, nun xuízo no que foi defendido por Paz Andrade, e que rematará cun proceso do franquismo a Castelao.

Deixámosvos xa co pensamento político de Castelao, unha antoloxía do “Sempre en Galiza” acompañada dunha achega a xeito de introdución aos corpos nucleares do pensamento do de Rianxo. O texto asinado por Alberte Míguez que abre o volume, non só aclara os eixos da doutrina do nacionalismo que Castelao sistematizou e actualizou para as xeracións vindeiras, senón que da conta das tensións as que a obra de este se vía sometido así como da actualidade das súas formulacións. Non podemos deixar de lembrar aquí a preocupación que se expresa no traballo de Míguez, cuestión que viña incidir no que era a tensión principal no campo galego respecto a Castelao, e a súa consideración como un militante nacionalista, o que informa do resto das súas contribucións, e tamén da consideración da súa obra non só como un edificio doutrinal senón como unha manifestación da vontade de Galiza a ser e a existir como realidade diferenciada.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña