06:38 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-05-2010

Cando aos políticos non lles interesa tocar certos temas, lémbrannos que a nós, ao pobo, o único que nos importa é encher o bandullo, tal como se fósemos bestas

Disque non toca falar de Estatutos

Valorar (21)

FRANCISCO CALO LOURIDO


Ilustración do xornal españolista "El Nuevo Alcazar" comparando os Balcáns co Estado español


Salustio, aquel filósofo de linguaxe arcaica, partidario de César e dos plebeos e inimigo persoal de Cicerón, seguidor de Pompeio e dos patricios, principiou a súa "Conxuración de Catilina" dicindo que Cómpre que tódolos homes que se afanan por avantaxar aos demais animais se esforcen intensamente para non pasar a vida en silencio como o gando, modelado por unha natureza inclinada á terra e pola submisión ao bandullo (natura prona atque ventri oboedentia). Deste xeito, como animais que unicamente miran para a terra na procura de alimento, é como nos ven, habitualmente, os privilexiados que compoñen a caste superior dedicada á política profesional.

Cada vez que alguén fala, entre outras cuestións de alta política, da necesidade de revisar a Constitución ou o Concordato coa Santa Sede ou de elaborar un novo Estatuto que soborde o xa obsoleto para os retos deste século, aparece o político que repite solemnemente o xa tantas veces escoitado e sempre ofensivo de "esta non é unha preocupación do home da rúa". Xa Fraga Iribarne nos seus tempos de político decadente en España, previos á súa inexplicable resurrección triunfal en Galicia, fixo célebres as citas sobre o prezo dos garavanzos, papilonácea que, segundo el, ser privilexiado, era o único que preocupaba ao pobo, masa inculta e vilmente sometida ao bandullo. Pensaba el nesa mesma masa, nese mesmo electorado que, agradecéndolle a consideración, o mantivo 15 anos no máis elevado do goberno da nosa terra.

É certo que xa Platón defendía que o goberno debería de estar nas mans dos filósofos, daqueles que non só contaban cunha formación nos asuntos públicos -no que os romanos chamarían república-, senón que tiñan ben asegurados os garavanzos. Ninguén pode negar a validez do Primum vivere, deinde philosophare, xa que un estómago que protesta non colabora precisamente na tranquilidade mental que esixen os pensamentos da alta política. Cando, en 1789, o pobo de París, os sans-culottes, aqueles desgraciados que nin calzóns tiñan, corrían para asaltar a prisión da Bastilla, se algo pedían, sería xustiza social e pan. É obvio que non irían esixindo a berros a elaboración do Código Civil Napoleónico; pero non é menos certo que este nunca tería sido feito, se eles, previamente, non tomasen aquela fortaleza, aquel símbolo dos Borbóns opresores e mantedores do arcaico dereito feudal. O pobo, consciente ou inconscientemente, directa ou indirectamente, é sempre, non só en Grândola, "quem mais ordena"..., sempre e cando non lle pareza mal ao Tribunal Constitucional.

Cando os representantes políticos argumentan que certos asuntos non son unha preocupación do pobo, están a desprezalo e, facendo ostentación dunha ridícula soberbia, a ofendelo no seu conxunto. No fondo están a considerar que os cidadáns somos un fato de analfabetos e de menores de idade que, para a nosa fortuna, contamos con eles, quen, dende a súa magnificencia paternalista, se dignan tutelarnos e lembrarnos que é o que nos debe de interesar e de que cuestións non debemos nin preocuparnos. Eles son quen saben; pero esquecen que nin todos os "filósofos" forman parte da clase política, nin tódolos políticos son precisamente "filósofos".

En moitas ocasións, a raíz de intervencións deste xénero, coido que, como no século XVIII, nos atopamos baixo un Despotismo, pero, para a nosa desgraza, non Ilustrado, senón Iletrado. É por iso, polo que nos repiten unha e outra vez: "señores cidadáns, non pensen vostedes en cousas das que non entenden. Déixense de Estatutos e de lerias. Iso non toca, iso non está na folla de ruta... O único que lles ten que preocupar é o xeito de ter cheo e tranquilo o bandullo e diso xa nos encargamos nós". Mágoa que, como a cotío estamos a ver e padecer nestes tempos de crise e dura depresión económica, nin iso son quen de facer. Por outra banda, a dotación dun marco estatutario axeitado é, precisamente, o que nos permitiría gozar dese benestar primario que nos daría tempo, azos e folgos para nos dedicar a pensamentos máis elevados cos do gando de que falaba Salustio. Pero estes fantásticos políticos que temos que sufrir están a nos lembrar unha e outra vez que eles xa pensan por nós, polo que o único que ten que acaparar o noso pensamento é o garavanzo.

E falando de todo un pouco, hai que derrogar o Decreto do Galego. Ata o vindeiro 17 deste mes de maio en Santiago.


[11-05-2010 12:00] Abelardo del Caño comentou:

O Estado borbónico (despotismo ilustrado?) segue a vivir no Estado, quén senon millor co Sr. Juan Carlos Primero, encarna ese espíritu? E non é que pareza que nos traten coma a meniños, non, e que realmente o trato é ise!! Nos o povo somos o parvo da sua película, e non temos dereito algún. O noso ouxetivo, segundo eles, na vida e nascer, medrar, enriquecelos (polo meio nos reproducir) e morrer ven cheios de débedas para que os seguintes paguen a factura... Ni a reflexión, nin o criterio, nin a sensibilidade, nin nada que non sexa meramente un prato de garbanzos nos está permitido... E si o é, non o é pola sua vontade, lembremos! senon polos que, antes ca nos, pensaron, coma nos, que ese non era o estado natural do home, senon que fora do prato ábrese un mundo mais amplo, en con moito mais fondo....

[10-05-2010 19:58] Marcos comentou:

Tal vez neste momento o dicir que o importante sexan os garbanzos non este tan mal xa que debido á crise, que por culpa das unha das persoas que autodenomínanse representantes do pobo, estamos a pasar, agora primeiro e o pan e logo o pensar.
Tamén é certo que cando Fraga dixo esas palabras, o nivel de desenvolvemento na nosa terra ía moi atrasado, non habia acceso á informaciòn como agora e realmente o que mais preocupaba daquela á maioría do pobo, era o pan, por que ó final, a maioría era do que se preocupara na súa vida: cómo sobrevivir nunha ditadura.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña