20:39 Mércores, 08 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-02-2015

A maxia dos labirintos define, en certa medida, o propio autor esta obra de gran transcendencia e relevancia por partes iguais, xa que non podo nin debo disociar unha parte da outra

Criminal de Xurxo Borrazás: O laberinto do profundo

Valorar (4)

LINO GARCÍA SALGADO



Amigos e amigas ides permitirme que faga un alto na poesía xa que considero que non podía deixar pasar a oportunidade que me brinda Terra e Tempo dixital para falar dun dos mellores libros de prosa dos que teño lido, e creo que é xusto tamén para o seu autor, ao que tamén considero un dos mellores desta terra. Falo de Criminal e de Xurxo Borrazás.

É probable que o inicio xeneralizado da lectura de novelas, libros en prosa ( narrativa ao fin ), no noso idioma, dos últimos 20 anos, fose a través de xente como Manuel Rivas ( posiblemente o máis coñecido )  e outros autores non menos prolíficos pero quizais un tanto apartados dese coñecemento xeneralizado ( Suso de Toro, Tucho Calvo, Agustín Fernández Paz, etc ) que nos deixaban as páxinas dos xornais ou incluso as propias editoriais, e claro, estou falando das peculiaridades de xente que non vive no crepúsculo da cidade onde se aceleran os procesos todos. Dicía que Xurxo aínda que si forma parte desta xeración de finais do século XX foi un pouco o arrimo descoñecido que axexaba coas palabras prestas e dispostas a meternos a súa peculiar forma de escrita, o seu mundo parapetado no rural profundo, no moderno escenario urbano que non se acostuma a estar a medio camiño do modernismo e da súa orixe. Xurxo, que xunto con Xabier López López e Xavier Queipo ( aínda que este último alternando prosa e verso ) forman a cabeza visible do batallón de escritores novos que deron e dan moito que falar, pero iso é outro conto...

Criminal, que difícil é falar de algo que gusta tanto, non atopas recuncho no que acougar nin greta pola que entrar e fender ese maxistral armazón e poder repartilo en partes iguais como se merece, mais coido que existe unha palabra que define esta novela con bastante criterio e realismo: Labirinto.

A maxia dos labirintos define, en certa medida, o propio autor esta obra de gran transcendencia e relevancia por partes iguais, xa que non podo nin debo disociar unha parte da outra. Xurxo Borrazás debulla nun complicado escenario a partes iguais sabedoría e crueldade, lentitude e saltos inverosímiles. Esta obra mestra ten tantas partes diferenciadas como interpretacións se lle queiran dar á vida que é a trama na que acaba orbitando unha e outra vez, pero sobre todo ten un contexto gradualmente obsceno, maligno, que se intercala con suma mestría abrindo as ventás a unha poesía tremendamente profunda e realista e acaída no contexto e, sobre todo, fan que oscilemos na nosa viaxe polo libro, que agucemos a intensidade para meternos a fondo e formar parte do entorno. Conxugar no mesmo texto estas silandeiras contradicións fan desta obra un dos relatos máis conmovedores ( non pola temática, que para certa xente pode resultar agresiva, aviso ) que tiven ocasión de ler e, como xa comentei ao principio, case imposible aplicar un epítome axustado en xustiza.

As sacudidas de corpo provocadas por esa sucesión de sentimentos que provoca o choque térmico frío-calor é un dos factores claves do éxito rotundo de Criminal.

Xurxo fala a través da súa novela, en definitiva, das viaxes que todos e todas temos no interior, do profundo que pode chegar a ser a nosa mente e que por cuestións de pequenos detalles deriva nun camiño ou noutro, case como por maxia ( como a famosa teoría do caos cósmico ).  A retórica que planea sobre toda a novela é maxistral combinando eses fulgores de atrevemento con vocabulario case perdido pero todo, dende logo, entroncado ou amalgamado cunha exquisita virtude o que fai unha rápida e coidada lectura. Podería falar moito máis tempo, debullar aínda máis as entrañas das personaxes, vagar coa lentitude da que vos falei polas paisaxes da zona de carballo ou meterme nas mentes de todos os que aparecen ( e non por casualidade, cadaquén ten o seu motivo, a súa proposta na trama ) e esgazalos psicoloxicamente, tarefa que nunca daría ao seu fin, pero … non é posible xa que a esencia desta novela está nas propias interpretacións dos lectores, na distancia á que logra penetrar dentro da imaxinación enchida de realidade propia e prestada.  

En definitiva, unha das mellores novelas que eu teño lido. Oxalá sexa contaxioso.   

“Criminal” de Xurxo Borrazás foi publicada pola editorial Sotelo Blanco


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña