08:42 Xoves, 04 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-02-2015

As indeterminacións do mundo magrebí comezan dende a mesma ambigüidade polisémica do termo que o denomina

A inestabilidade xeopolítica do Magreb no contexto da loita contra o terrorismo

Valorar (8)

SANTIAGO JIMÉNEZ


 
Analizar, de xeito atento e demorado, a problemática histórica que afecta ao noso tempo implica, a día de hoxe, observala a partir dunha perspectiva plural e "deslocalizada", dende diferentes ángulos e perspectivas, no maior número posible das súas diferentes facetas e posibilidades e dunha forma aberta, continuada e nada conclusiva. E traballar dende os distintos indicadores que nos achega o presente cara a unha prospección dos hipotéticos futuros, probables ou desexables, buscando neles máis a valoración de riscos e dificultades potenciais a abordar que a programación e planificación de estratexias excesivamente definidas e ríxidas.

Esas visións, menos precisas pero máis abertas á interpretación e ao debate, deberían de posibilitar a concreción e consideración de formulacións máis limitadas e conxunturais pero tamén máis útiles, dende o noso aquí e o noso agora máis concreto e urxente.

O que, nesta ocasión, tentarei de plasmar e compartir convosco pretende ser unha visión xeral acerca das contradicións e inestabilidades perceptibles na ribeira sur do Mediterráneo occidental, nese Magreb diverso e complexo; literalmente, en árabe, o Poñente, o lugar onde se pon o sol. Antesala e periferia de Europa á que, non obstante, trataremos de considerar a partir de si mesma, nas súas concordancias e nas súas diferentes dinámicas socio-políticas, nun esforzo por intuír algunhas das claves que poidan propiciar a súa meirande estabilidade e, por conseguinte, busquen potenciar a súa evolución positiva nun futuro inmediato. Na seguridade de que a súa reafirmación podería repercutir de forma beneficiosa no conxunto do continente africano e no mundo árabe, e resultaría igualmente favorable nas posibles vías de renovación que consoliden a unha Europa aínda cun evidente protagonismo político que desenvolver pero un tanto sen rumbo e convulsa.

E todo iso, nun contexto que tratei de delimitar a partir da existencia dun escenario xeopolítico  marcado polo que definiría como unha confrontación global e persistente contra o terror. Un termo ou concepto que, sen dúbida, se fai preciso definir e aclarar dende o inicio para non aboar interpretacións truculentas, ou estéticas aterrecedoras nin sensacionalismos, favorables a opcións políticas de autodefensa rexa e medorenta ou proclives á exaltación dun militarismo cívico, violento e exacerbado. Dúas alternativas aparentemente tranquilizadoras, aínda que prolegómenos dun desastre colectivo máis que inminente.

Os que tivesen a paciencia de lerme noutras ocasións poden ter chegado a apreciar que, na visión histórica que trato de proxectar sobre o noso mundo, o terrorismo (nas súas diferentes formas e modelos posibles) non é senón unha manifestación ben evidente do terror que busca atenazarnos. Dos diversos medos, físicos ou imaxinarios, que nos acosan e cos que se trata de provocar a nosa inseguridade colectiva, o noso desconcerto e aínda o noso pánico a partir de percepcións deformes e insólitas. Unha forma de forzarnos a proxectar a nosa vida cotiá de forma resignada, á defensiva, e, por iso, renunciar a toda participación radicalmente cívica na dinámica política, coa conseguinte mingua de liberdades tanto común como individuais.

Ese inimigo anónimo, impersoal e sen rostro nin trazos recoñecibles, aínda que produto de responsabilidades ben definidas e concretas, que non deixa de recomendar de maneira xestual pero ben inequívoca que deixemos de bosquexar os nosos sonos e anhelos, de querer construírmonos non só a partir do que somos senón tamén daquilo que desexamos, do que potencialmente poderiamos chegar a ser e refreamos prudentes e cobardes. Clausurando socialmente toda forma de emoción ou pensamento que queira facerse íntimo e transcendente, calquera posibilidade de ir máis alá de toda formulación do mesmo que non se poida conxugar como mera aventura, diversión ou xogo, dunha forma trivial e inconstante. O que nos promete emocións paralizantes e estímulos psicológicamente destrutivos como formas normalizadas de participación social. Quen nos divide, desagrega e aliena... Patente cada vez máis, aquí e alá, de forma global, nas diferentes culturas e sociedades.

AS VARIABLES DA DESESTABILIZACIÓN MAGREBÍ

As indeterminacións do mundo magrebí comezan dende a mesma ambigüidade polisémica do termo que o denomina.

Poucos autores teñen reflexionado acerca delo, a partir da constatación de que o vocábulo Magreb, do árabe al-Maghrib, fai referencia a dous significados de natureza ben diferente. O primeiro, acreditado tradicionalmente ao longo da historia, Al-Maghrib Al-Aqsa, o máis afastado Magreb, alude ou nomea ao territorio do que coñecemos, na súa formulación política, como reino de Marrocos e que recibía, históricamente, ese nome arábico. Unha segunda acepción do termo, de sentido máis xeográfico que político en orixen, distingue, no mundo árabe,  ás terras situadas na parte máis occidental ou do poñente por oposición ao Mashreq,Al-Mashriq, ou zona do levante; un ámbito xeográfico do que formaban parte as terras do mesmo Marrocos, Alxeria ou Túnez e que, con posterioridade, chegou a se extender para incluír ademais ás do Sahara Occidental, Mauritania ou a Libia. Unha delimitación territorial á que a poboación bérber, orixinaria do devandito territorio, denominaba Tamazgha e que os europeos da época moderna denominaron, de forma xenérica, Berbería. Unha zona xeográfica de límites imprecisos e difusos que, polo oriente, chegaba ata a rexión de Alexandría cando non tiña como límite o golfo de Sirte, nos confíns da Tripolitania líbica, e que, polo sur, se extendía polos bretemosos contornos establecidos pola penetración árabe na Mauritania e que, hoxe, se fai coincidir coas fronteiras deses dous estados. Como consecuencia dese dobre sentido semántico se tratou, a nivel lingüístico, de clarificar o seu posible uso utilizando expresións como Gran Magreb, Al-Maghrib Al-Kebír,  Maghrib Al-Maghrib ou Magreb Árabe para distinguir o uso xeopolítico referido á área territorial en sentido amplo do que facía referencia, de forma estrita, ao Reino de Marrocos.

Esa indefinición de termos propiciou que o incipiente nacionalismo marroquí, aglutinado en torno ao movemento Istiqlal, inspirado ideoloxicamente por Allal Al-Fasi que, en 1943, se consolidou como un partido político de corte nacionalista e anticolonialista, asumise ambos os dous sentidos nun único signo de referencia. O seu principal fundador sería o creador da doutrina política que reivindicaba a identificación territorial do reino de Marrocos cunha copia de Gran Magreb verificada historicamente; o que supoñía confundir esa entidade política coas fronteiras históricas do Imperio máis extenso creado nunca nesa zona, o Imperio Almorábide, nacido no século XI e de moi curta duración.

Os delirios historicistas de Allal Al-Fasi non tiñan ningún rigor histórico nin tampouco sentido político e si moito de grandilocuente oportunismo para consumo interno. Nin os Al-murabit eran orixinarios de Marrocos; senón que o conquistaron militarmente chegando dende os seus asentamentos orixinarios, situados na baía de Argub, no que hoxe é sur do Sahara e Mauritania; nin a súa cultura nómade e rigorista era a propia do sultanato de Fez, precedente directo do reino de Marrocos, pero serviron para crear unha reivindicación política integracionista  e rexeneradora, aínda que sen base nin efectividade factible, que supuxo un factor de desequilibrio moi importante para a zona no contexto da descolonización e ata a actualidade.

Xa que, en virtude deste imaxinativo proxecto, Marrocos foi o único estado que se negou a recoñecer a estabilidade das fronteiras procedentes do período colonial. Así non só considerábanse como partes do descolonizado Marrocos os territorios sometidos ao control dos notables marroquís, as terras chamadas Bled el-Majzén, máis as terras periféricas non sometidas administrativamente, o Bled es-Siba, insumisas, que ese é o significado do  termo siba; senón que as súas reivindicacións territoriais chegáronse a estender polo Sur ata o río Níxer e a cidade de Tombuctú, por terras do Sahara Occidental, Mauritania e Mali. E que reclamaba, nos seus límites orientais a ocupación de Tinduf e a zona de Béchar dentro das fronteiras establecidas para o territorio alxeriano polos franceses, o que supoñía introducirse uns 200 quilómetros no interior de Alxeria de hoxe. Mentres que, polo Norte, ás reclamacións acerca de Sidi Ifni, Ceuta, Melilla e as penas e illotes costeiros, se engadía a da parte da Península correspondente ás antigas taifas de Al-Andalus... ¡¡ata un límite setentrional situado no río Ebro e o reino de Zaragoza!!

O seu resultado foi un megalomaníaco e trasnoitado sono imperial no que se recreou a propia institución monárquica, empeñada en converter os proxectos políticos do nacionalismo no ambicioso programa do reino, tratando de asfixiar o seu protagonismo e converténdoo nun mero instrumento dunha coroa necesitada de adhesión e recoñecemento popular. Un xesto e unha actitude política que marcou claramente as  relacións internacionais no contexto da descolonización e supuxo o inicio dun profundo desencontro entre Marrocos e Alxeria que aínda continúa.

Xa que, non só os marroquís impulsaron a guerra de Ifni/Sahara de 1957 contra España (que lles facilitou a entrega de Sidi Ifni e da zona norte do territorio do Sahara Occidental ata o río Draa) senón que acordaron, con ela e con Mauritania, a cesión da administración colonial sobre a Saguía el Hamra e procederon, máis tarde, á ocupación do Río de Ouro en 1975 e 1979; e, aínda máis, no ano 1963, provocaron a chamada Guerra das Areas na que, unha vez proclamada a esforzada independencia de Alxeria, a atacaron por sorpresa e romperon a liña fronteiriza marcada, obrigando a unha nova mobilización do Exército da Fronte de Liberación Nacional que conseguiu, no seu contraataque, a derrota e expulsión do exército marroquí dunhas fronteiras que anos máis tarde serían ratificadas mediante un tratado que pretendía favorecer, xa no 1989, e aceptando uns acordos asinados en 1972, a mitificada Unión do Magreb Árabe.

O prolongado contencioso do Sahara Occidental constituíu outro factor de desequilibrio e tensión na zona non só pola existencia dun estado de guerra prolongado ata 1989 nesa zona senón polas fondas diferenzas políticas xeradas entre o decidido anexionismo marroquí e o apoio ao independentismo saharauí por parte dos distintos gobernos alxerianos. Un condicionante que ainda está a pesar sobre a rexión a día de hoxe.

Unha tensión que ten impedido a consolidación dos diferentes estados involucrados neste desacordo, obrigándoos a investir máis recursos e esforzos no control da dinámica establecida que na creación das condicións políticas que posibiliten a articulación interna dos respectivos estados; un obxectivo tan só posible sobre a base dun consenso civil que substitúa o control dos mecanismos da administración, como froito dunha férrea política baseada na permanencia dunha casta administrativa e apoiada por un aparato policial e de seguridade enormemente desenvuelto por unhs institucións máis participativas.

Á marxe deste núcleo básico do Magreb, Túnez é o país que evidencia unha evolución social máis dinámica e avanzada, na que o principal problema interno a abordar parece ser a busca dun acordo efectivo de coexistencia entre un sector de poboación urbana, laico e de ideas progresistas, con outro máis tradicionalista e partidario dunha islamización moderada. Do nivel de consenso e do respecto mutuo que se profesen estes sectores en ben da estabilidade e a consolidación da República tunecina e da articulación efectiva dunha sociedade plural dependerá a posibilidade de que cualle dunha política social máis efectiva e asentada, lonxe da ameaza dos forzados golpes de leme e os gobernos ditatoriais.

Na periferia, Mauritania e Libia constitúen, sen dúbida, as zonas de maior turbulencia política tanto pola débil consolidación dos seus aparatos estatais como pola natureza complexa, tribal e fracturada das súas respectivas sociedades para as que a mesma existencia do estado é máis unha fórmula de homologación a nivel internacional que unha esixencia estruturadora da vida social. Sempre expostas a pronunciamentos golpistas, á acción incontrolada de faccións militarizadas fora de calquer control público ou á violencia marxinal dos contrabandistas e traficantes fronteirizos. E en cuxo futuro, no caso de Libia, está a pender unha posible intervención militar dos Estados Unidos contra o integrismo islámico. Unha situación que se complica ainda máis polo feito de que os dous países atesouran unha considerable riqueza petrolífera.

Os factores conxunturais

Un marco complexo e variado como o descrito vese condicionado e acentuado, de forma negativa, por toda unha serie de factores que contribúen a aumentar as incertezas da problemática actual e a incrementar as posibilidades de desequilibrio para toda a rexión.

Algunhas delas provocadas polo incremento da conflitividade armada e a consolidación dunha rede de extorsión que practica unha guerra de guerrillas directamente apegada ao terreo e próxima a grupos de poboación local, crecentemente radicalizada e identificada co fundamentalismo islámico; pero outras desenvolvida baixo o influxo dunha inconsistente acción política internacional na que a Unión Europea ten unha grande responsabilidade e que parte da equivocada perspectiva de pretender a busca de solucións políticas propiciando accións militares de elevados custos e escasos resultados, no marco dunha ambición económica inconfesada, depredadora e chea de resabios neocolonialistas. Os exemplos máis recentes podemos encontralos nas guerras de Libia e Mali e os seus efectos. Nin aquela propiciou unha maior estabilidade no territorio senón todo o contrario, nin creou unha única condición favorable á resolución dun só problema. Pola contra, liberou unha enorme cantidade de armamento que contribuíu á xeneralización potencial do conflito. E posibilitou a aparición dunha nova guerra en Mali que, rematada en falso, deixou a secuela dunha violencia difusa e incontrolada, predisposta a aparecer en calquera momento. Dificilmente se pode executar unha actuación menos eficaz e máis torpe, pretendendo erradicar a violencia armada incontrolada coa práctica cotiá doutras mil incontables violencias lexitimadas e planificadas con cálculo. Nin sequera os esforzos desenvolvidos polos países occidentais, sobre a base das directrices da Política Europea de Seguridade e Defensa e as estratexias propiciadas pola Intelixencia americana, para a coordinación efectiva dos niveis de información dos servizos secretos dos distintos países asegura a distensión e o necesario clima de confianza entre todos eles.

Sen dúbida, a militarización crecente do territorio e a súa conversión en posible obxectivo dunha loita antiterrorista propicia un clima de inseguridade cívica e reforza o papel dos xa de por si desenvolvidos organismos de seguridade en detrimento dunha vida civil normalizada e dun necesario clima de liberdades e respecto que propiciaría a futura articulación social. Lonxe de reducirse ás súas dimensións reais, cada acción terrorista xera unha reacción de inseguridade en ocasións nada proporcionada e xermolo de novos rexeitamentos. De aí que o control exercido non implique maior seguridade en xeral senón menor risco para obxectivos preferentes.

Unha dificultade que non debería de facernos esquecer que a rexión está sometida, tamén, a importantes perigos ambientais que dificultan aínda máis a vida dunha poboación de recursos limitados e condicións de subsistencia empeoradas polo incremento da conflitividade e as migracións forzadas que produce e que supoñen implementar axudas para a atención a eses refuxiados. Dende hai anos, en todo o deserto, se está a producir unha pertinaz seca que mingua a cabana gandeira e ensume as posibilidades económicas derivadas do pastoreo. Seca que aparece combinada con violentas tormentas, cuxas avenidas destrúen máis que achegan recursos hídricos. Se a este panorama lle engadimos as pragas de lagosta e unha saúde precaria e desatendida poderemos entender a frustración e a impotencia en que viven quen se senten desprotexidos e impulsados a escapar cara á terra prometida, cara ao norte salvífico, que se lles anuncia en vistosas cores a través das pantallas dos seus televisores ou cara á consecución dunha vida breve pero intensa coroada pola gloria do martirio e na que se aseguran un lugar preferente entre os elixidos do paraíso celeste. Dúas posibilidades ben factibles de hipotética promoción pero de escaso futuro.

E é que outro dato a ter en conta, é a elevada taxa de poboación xuvenil existente en todos estes países. Unha poboación puxante e desexosa de cambiar as condicións e posibilidades das súas formas de vida, sen proxecto nin perspectivas, disposta a non dilatar os seus desexos. Sei que iso nos soa estraño cando nós os estamos a facer prescribir a marchas forzadas no noso mundo, pero ese segmento de poboación, e aínda os seus maiores, neses países, aínda soña, por moito que as súas condicións de partida sexan considerablemente máis limitadas que as que se ofrecen á xuventude europea. En torno a un 30% da poboación dos diferentes estados da zona ten entre os 15 e os 30 anos e precisa de formación, de posibilidades de traballo, dun salario máis digno que o que a voracidade do capital lles ofrece ou a escasa capacidade produtiva das súas respectivas economías lles proporciona, de expectativas de futuro... Algo no que a Unión Europea non se sente obrigada a colaborar e cuxa posible consecución traizoa, mostrando nas súas debilidades a inconsistencia dos sonos que, de xeito non voluntario pero inequívoco, xera.

Somos, aos seus ollos, un engano porque a nosa felicidade é falsa. Entendo que esa frustración é a maior débeda que os europeos e occidentais producen nos mozos magrebís... tan grandes parecían... tan pouco ofrecen... A actitude deste importante sector de poboación oscila entre a admiración e o rexeitamento por todo o que significa Occidente e pode constituír un efecto dinamizador ou destrutivo, en todo caso inestable, nun futuro inmediato. A falta dunha acción política decidida orientada a favorecer a este segmento da poboación constitúe unha debilidade a engadir ás que potencian a desestabilización dunha vasta rexión xa debilitada de por si.

Outro indicador ben expresivo dunha posible estabilización é o nivel de prosperidade alcanzado polas diferentes economías, de características e niveis de riqueza enormemente diferente. E, neste caso, a crise sufrida por Europa afectou, se ben de forma desigual, ao conxunto de todas elas que poden ser consideradas, en maior ou menor medida, como dependentes da actividade económica xerada ao norte do Mediterráneo. Alxeria é quizais o estado menos dependente das relacións económicas coa Unión Europea, pero a peso alcanzado polo comercio dos hidrocarburos na súa balanza de pagamentos, actualmente situado nunha persistente baixada de prezos, veu propiciando desaxustes máis patentes polo incremento do consumo interno da sociedade alxeriana. Unha situación que se equilibra parcialmente coa entrada de capital chinés nun mercado fortemente controlado polo estado. Mención especial merece o comercio do gas, importante para Europa pero aínda non suficientemente diversificado nas súas conexións europeas, e que establece unhas condicións de dependencia que a inseguridade militar converte en preocupantes. Basicamente os gasodutos parten de Alxeria ou Libia para, por diferentes rutas, acceder a Europa a través de España e Italia. Ao Transmediterráneo e ao Magreb-Europa, en funcionamento dende os anos 90, uníronselle o Greenstream e o Medgaz, xa no século XXI; pendentes aínda novos proxectos para mellorar a conexión con Europa e outros orientados a un incipiente mercado interior africano, cunha condución ata Nixeria, fortemente condicionada por unhas esixencias de seguridade que non parecen poder asegurarse a curto prazo.

Marrocos, a gran protexida da Unión (como froito dunha acción política desigual e, polo mesmo, nada equilibrada con respecto á rexión), sufriu fortemente as consecuencias da crise europea no seu sector turístico e nos seus investimentos, aínda que mantén uns acordos preferentes de carácter agrícola e pesqueiro que bordean os lindes da ilegalidade pois inclúen a negociación sobre bens do Sahara Occidental que Marrocos controla sobre a base da súa ocupación do territorio pero que non teñen a cobertura e o amparo do dereito internacional. A súa maior debilidade reside na desequilibrada repartición dos beneficios comerciais que favorece moi directamente a unha minoría próxima ao Poder e á propia familia real. Unha mostra máis da actitude pouco coherente dos responsables da política europea á hora de elixir os seus socios preferentes. En todo caso, a concesión masiva de axudas a Marrocos en relación con outros países da zona non fai senón incrementar as tensións internas e deteriorar a imaxe da Unión, partidaria da defensa con decisión dos seus intereses e non dun posible beneficio común.

A economía de Túnez viuse claramente prexudicada pola importante caída dun fluxo turístico que é necesario repoñer ou compensar se se quere colaborar á súa estabilidade e favorecer unha das opcións políticas máis prometedoras para esta zona. Mentres que Mauritania, que carece dunha economía estructurada, optou por buscar fórmulas que lle permitan escapar da dependencia prescindindo duns acordos pesqueiros que subscribiu con outras frotas; constituindo, tamén, una importante base para o contrabando. Hoxe por hoxe, Libia é o elo máis débil deste panorama económico xa que á falta de articulación social da súa sociedade, vertebrada nunha zona de influencia de Trípoli, outra de Bengasi e un mosaico tribal no seu deserto interior se lle engade un emerxente poder islamita. Nese contexto, a apropiación dos recursos potenciais é fundamental para a consolidación dos distintos poderes, incapaces de establecer ou buscar fórmulas de acordo. É evidente que a actual conxuntura económica non é, en absoluto, un factor que favoreza a estabilidade; nin a actividade investidora e crediticia da Unión Europea parece orientada a lograla por moito que parecese beneficiarlle nos seus intereses a medio prazo.

A súa situación xeográfica privilexiada parece favorable para o desenvolvemento doutras actividades económicas somerxidas pero de grandes posibilidades lucrativas. Unha delas, está constituída polo tráfico de persoas, nesa porta de Europa e ponte cara á prosperidade. Un fluxo mantido de potenciais inmigrantes ilegais que atrae xentes procedentes de case toda a África subsahariana e que as diferentes guerras, incluídas as do medio oriente, non fixeron senón potenciar. Como produto dunha economía mergullada, se fai difícil calcular os seus beneficios pero constitúe un negocio o suficientemente rendible como para que se manteña e, en ocasións, se regule sobre a base dos intereses políticos dos países de paso. Unha verdadeira chantaxe á que os países ribeiráns do norte se prestan na defensa dos seus propios intereses e que supón dous procedementos complementarios de xeración de ingresos que multiplican os posibles beneficios. Por unha parte, os sectores implicados lúcranse co cobramento das axudas da Unión Europea para o control dos inmigrantes e, pola outra, negóciase con estes o pagamento dos seus billetes cara á morte ou o paraíso. Seguros e constantes beneficios por custos mínimos.

O Magreb, como a Península Ibérica, ocupa un dos lugares claves nas novas rutas do comercio dos estupefacientes. Non só polo cánnabis, do que Marrocos, é un dos primeiros países produtores do mundo e que constitúe un intercambio tradicional dentro dos mercados locais proxectado a maior escala con destino á clientela europea, senón pola cocaína ou a heroína, procedentes tanto de Asia coma do continente americano. Un fluxo de importancia crecente, nestes últimos anos, a partir do tráfico da cocaína. Segundo os cálculos máis optimistas ata un 60% da coca americana que chega a Europa pasa por algunha das diferentes rutas africanas. Normalmente sae por vía marítima dende os países produtores e chega a diversos portos da África atlántica dende Lagos e Praia (en Nixeria e Cabo Verde, respectivamente) ata Nuakchot, en Mauritania. E dende alí, proseguen o seu camiño polas diferentes rutas terrestres a través de Mali, Níxer e Alxeria para chegar ás costas de Italia ou España. Uns circuítos bastante seguros, favorecidos pola debilidade dos estados, a precariedade do modo de vida das súas poboacións e a colaboración prestada pola delincuencia e as organizacións terroristas que usan os seus beneficios para o financiamento da súa loita. Recentemente, no ano 2009 apareceu un Boeing 727 queimado nunha praia de Mauritania e confirmouse que levara unhas dez toneladas de droga ata ese país por conta dunha organización na que estaba integrado un antigo policía de orixe galega. Un conxunto de camiños igualmente propicio para o tráfico de armas, aínda que as partidas principais se importen legalmente dende Europa. A través dunhas vías polas que se introducen tamén outros delincuencia e as organizacións terroristas que usan os seus beneficios para o financiamento da súa loita. Recentemente, no ano 2009 apareceu un Boeing 727 queimado nunha praia de Mauritania e confirmouse que levara unhas dez toneladas de droga ata ese país por conta dunha organización na que estaba integrado un antigo policía de orixe galega. Un conxunto de camiños igualmente propicio para o tráfico de armas, aínda que as partidas principais se importen legalmente dende Europa. A través dunhas vías polas que se introducen tamén outros tráficos ilegais de menor contía e importancia (de gasolina, de coches de luxo, de alimentos...) pero moi favorables para sectores importantes das poboacións locais, xa que os seus beneficios chegan non só aos provedores senón a unha enorme lexión de transportistas. Eses usos convertidos en modo de vida de sectores de poboación nada marxinais colócaos nunha posición inerme e debilitada fronte á posible difusión local da droga por moito que os protexa diso a súa escasa capacidade de recursos. Un problema que necesitaría dunha maior coordinación policial, parella á que se intenta desenvolver en relación coa loita antiterrorista e que pasaría, asunto nada doado, por distinguir entre a delincuencia internacional e local, o negocio e a rendibilidade socializada e a busca de formas alternativas de traballo suficientemente remunerado. 

Mención á parte merecen os intentos dunha cohesión efectiva destes países sobre a base da constitución dunha efectiva comunidade mercantil. Un proceso que tivo o seu antecedente máis remoto na reunión celebrada en Tánxer en 1958 entre os partidos nacionalistas alxeriano, marroquí e tunecino para coordinar as súas accións e o seu primeiro resultado incipiente na constitución, no ano 1964, do Comité Consultivo Permanente Magrebí, formado por Alxeria, Libia, Marrocos e Túnez. Deses precedentes xurdiu, nun contexto de aparente distensión, un novo proxecto auspiciado pola reunión dos Xefes de Estado dos seus cinco países integrantes (os catro anteriores e Mauritania) celebrada en Zeralda (Alxeria) en 1988 ratificado ao ano seguinte polo tratado de Marrakech que supuxo a constitución da quimérica Unión do Magreb Árabe. Un proxecto aínda vivo pero que non supuxo un avance significativo no desenvolvemento de ningunha acción efectiva e integradora. Tanto pola escasa importancia do mercado interior, coma pola diversidade dos intereses do comercio exterior de cada un deles, pola falta de afinidade e sintonía política ou polas diferenzas doutrinais e políticas. En todo caso, a falta de entendemento derivou no mantemento dunha mutua e xeneralizada desconfianza que fixo dela un organismo moi pouco eficaz e nada representativo dun posible camiño a seguir.

E é que o prolongado contencioso do Sahara seguiu sangrando e supurando sobre a zona sen que a falta de solucións efectivas de acordo para este pareza afectar o máis mínimo á política rexional. Pero iso é só en aparencia. Moito terá que cambiar a situación para establecer as condicións dun verdadeiro diálogo, máis alá das intencións dos organismos internacionais. Entendo que non haberá estabilidade para a rexión que non pase pola resolución do conflito saharauí. Da que tamén depende a distensión entre Alxeria e Marrocos.

As dilacións e atrasos prexudican sobre todo aos estados e ás poboacións da zona e propoñen novas dificultades para o futuro político desta. Pero, sobre todo, prexudican a toda unha dinámica política de construción dunha sociedade civil sobre a base do respecto aos dereitos humanos. Un clamor que non se quere entender e que lastra a posibilidade de calquera acción crible en beneficio dos pobos da zona. Os protagonistas e sufridores desta longa historia.

A torpeza demostrada polo Estado español ao negarlle o dereito de asilo a Hassanna Aalia, xulgado en ausencia e condenado a cadea perpetua por un tribunal militar no xuízo contra os independentistas saharauís detidos a raíz da violenta destrución do campamento de protesta de Gdeim Izik, resulta ben expresivo e abunda en canto sinalamos. Négaselle unha garantía xurídica internacionalmente recoñecida por ser condenado nun xuízo denunciado como ilegal e alúdese á lexitimidade dunha sentenza que o condena sen ser escoitado e no que os demais procesados denunciaron reiteradas torturas. O noso estado, integrante do grupo de amigos do Sahara Occidental da ONU e antiga potencia colonial do territorio, sabe gardar os seus intereses espurios a custa da súa coherencia política e da defensa da legalidade que se invoca, deses dereitos humanos que enchen as declaracións pero faltan nas intencións e nos feitos. A recente morte do mozo Mohamed Lamin Haidala, golpeado por cinco cidadáns marroquís e detido posteriormente nunha comisaría na que faleceu días despois, non parece ser a evidencia do respecto e as garantías legais que o noso goberno invoca para denegar o amparo. E chove sobre o xa diluviado.

Coñecín persoalmente a Hassanna e convivín con el e con algúns outros dos condenados nese xuízo farsa, sen probas nin evidencia ningunha, nos últimos días de setembro de 2010, compartindo con eles charla e inquietudes, esperanzas e preocupacións, afecto e reservas, poucos días antes do inicio da súa entón innovadora e sempre pacífica protesta. Non os esquecerei nin os esquezo e sigo proclamando a súa intención pacificadora e carente de violencia, da que fun testemuña e compañeiro nun treito da viaxe. Pero iso, como se escribe nas novelas, é parte doutra historia... Este texto é, sen dúbida, para todos eles



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña