04:04 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-02-2015

A conversión do ensino nunha feira, convertendo nun mercadillo de ofertas diversas sen calidade, son as novas formas de axir dos gobernos

Matute no ensino

Valorar (7)

XACOBE GARCÍA SOUTO



Nos dous últimos anos temos escoitado falar moito da situación do ensino tanto a nivel universitario como a nivel de ensinanzas medias. Os sucesivos gobernos do estado español e mais da Xunta de Galiza teñen aplicado, vía decretos, modificacións estruturais do ensino que camiñan cara unha profunda mercantilización. A conversión do ensino nunha feira, convertendo nun mercadillo de ofertas diversas sen calidade, son as novas formas de axir dos gobernos.

Cansas estamos de escoitar falar da estratexia 2015, da elitización do ensino ou dos retallamentos varios que se veñen dando neste eido, mais, a que se deben estas políticas?

Nos discursos políticos que escoitamos, nos artigos da prensa ou nas reacción de moitas entidades dá a sensación que son medidas políticas propias do goberno de dereitas do PP. Mais non podemos ter unha análise estatalizada dun problema que non só atinxe ao estado español e ao seu goberno neoliberal. A realidade é que esta estratexia, que parece nacer nos comezos da crise ou na aplicación do plan Bolonga, transcende a realidade actual. Non é froito dunha contestualización modélica do estado español inserido na crise financeira do 2008 se non que é froito dunha estratexia sitémica para o ensino publico

É así que, nos anos noventa o Banco mundial xa tiña prevista e pensada a reforma educativa nos tres estamentos do ensino. Xa en aquela altura presumíase a necesidade por parte da troika de adecuar o ensino publico as demandas e necesidades do mercado. A esta adecuación, xa houbo quen deu en chamar a Mc´Donalización do ensino. A virtude deste termo é que recolle moi ben o que se pretende facer co ensino publico. A cadea MCDonals vende porque á xente gústalle a comida que oferta e ofrece un menú limitado de pratos dispoñibles en locais idénticos.

Debullemos logo esta estratexia. A teoría parte de dúas premisas concreta, a primeira é que o neoliberalismo non comparte a idea central de autonomía universitaria, pois considéraa oposta as necesidades de eficiencia, eficacia e rendibilidade. Con este sentido busca que as universidades sexan meras captoras de recursos para garantir resultados cuantificábeis. Con isto xa entramos no xogo da rendibilidade económica de fomentar unha ensinanza publica. A segunda premisa é que a troika non entende o ensino como unha parte fundamental da política gobernamental. O ensino non é política social senón que comeza a formar parte dunha táboa de gastos e ingresos, pasa a ser un asunto meramente técnico e oportunista.

É tan así que, dende a troika foméntanse políticas onde as estudantes sexamos participes nos gastos dos nosos estudos. Tendo como exemplo as últimas campañas a reitora ou decanas nalgunhas universidades do noso País, nas que se alude como unha importante forma de financiamento o aumento dos egresados nas facultades, mentres pola contra, escoitamos como se fala da redución de prazas ou das dificultades para ingresar. Mais, é isto último unha contradición? Acaso o sistema ten oxímoros na súa teoría? Pois non, a verdade é que a redución de prazas forma parte da mesma estratexia. A imposibilidade de acceder ao ensino publico, vexase pola redución das bolsas, vexase pola redución de prazas, vexase realmente pola falta de financiamento deste que poda dar resposta a demanda dun pais como Galiza; fai que ollemos cara a oferta privada. O que nos ofrece a privatización da ensinanza secundaria e terciaria ( pos-grados) é unha maior oferta a baixo custe, pois a maior parte dela non require de ensinanza presencial, e incluso con mellores ofertas de financiamento. A realidade é que as tres universidades do SUG fixeron para cada carreira un plan de adecuación a Boloña. Nestes plans especificábase o número de alumnos aos que poderían facer fronte en virtude as súas capacidades docentes do momento. Logo, porque é agora que falamos de reducir esa capacidade, que se perdeu polo camiño? Se ben é certo que dende a aplicación de Boloña no 2007 os gobernos foron reducino as aportacións económicas ás universidades mais isto non é óbice para que estas se resignen e tenten adecuar os seus servizos aos orzamentos dados. As reitoras deben facer fronte a estas medidas e elevar a súa voz. As estudantes estaremos aos seu lado no momento que decidan acatar.

Boloña comezase a aplicar no 2007 e o estado Español, como o resto do mundo occidental entra en crise sistémica no 2008. como xa dixemos antes o Banco Mundial xa tiña a intención de modificar estruturalmente o ensino mais coa entrada da crise viu a oportunidade perfecta para levar a cabo o seu programa sen levantar sospeitas. Coa escusa de optimizar recursos, os gobernos neoliberais comezaron a traballar para o capital dun xeito descarado. Isto dáse porque unha vez que os estados entran en crise e teñen contraida débeda externa precisan amortizala, co cal, a troika cede cartos sempre e cando os estados lle permitan a ela dirixir a súa política interna. Mentres na América latina e nos países emerxentes nos finais do século pasado e nos comezos deste viron preciso ter unha estratexia fomentadora do ensino publico e de abrilo as masas, pois isto ia significar o crecemento interno e o desenvolvemento do pais, nos estados occidentais foron gañando terreo as políticas neoliberais.

Finalmente, situémonos no marco do estado español para clarificar con exemplos o anteriormente dito. Neste último ano vivimos a presentación e aprobación da LOMCE, a redución das partidas económicas ás universidades e finalmente, neste último mes, o decreto do 3+2. coincide co explicado ou só son conxecturas do que escrebe?

Claramente, estamos a vivir unha transformación do ensino nun Matute. Quéreno converter nun produto de pouca calidade, comercializado por calquera e sen ningún tipo de control.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña