06:58 Xoves, 09 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-05-2010

Se amamos de verdade a nosa lingua e a nosa cultura vainos a vida en desfacer a imaxe do 17 de maio como unha data ritual, consabida, narcotizante

Que se conmemora exactamente o Día das Letras?

Valorar (10)

FRANCISCO XOSÉ REI GARCÍA



Teño para min, aínda a risco de non concordar con outras moitas posíbeis lecturas -a comezar polas que ofrecen os libros de texto escolares ao uso- que ven neste feito un adianto cualitativo ou un máis ou menos tépedo "paso adiante", que non se trabucou o franquismo ao "consentir" certa celebración de carácter "cultural" -na versión máis estereotipada e cousificada do termo- cada 17 de maio, instituído desde 1963 como Día das Letras Galegas, para conmemorar a publicación dos Cantares Gallegos rosalianos. Foi esta, ao contrario, unha concesión meditada e planificada, dirixida certamente a centrar toda empresa galeguizadora na cómoda dimensión homenaxística, testemuñalista, e desactivar así calquera pretensión máis reivindicativa, popular, crítica co statu quo da nosa lingua e cultura nacionais e, por tanto, transformadora. Decisión equiparábel, en suma, á de non disolver a Real Academia Galega, nin Cántigas da Terra, nin Toxos e Froles nin outras expresións organizadas con anterioridade ao golpe de estado de xullo de 1936. Abondaba simplemente con "adaptalas" á lóxica "regional": desvirtuado folclore, desdebuxado enxebrismo, falso tradicionalismo bucólico e, por que non, desvincular por enteiro calquera asociación ou binomio galego=modernidade.

Andando os anos, semella moitas veces como a conmemoración oficial (e, en moitos casos, oficiosa) do chamado "Día das Letras Galegas" non deu saído aínda do labirinto que a maquinaria franquista lle deseñou a medida. Seguimos a reproducir o mesmo esquema -ou non moi outro -daquela concesión graciosa que o réxime tivo a ben facernos a nós, pobriñas e pobriños galegos, para que unha vez no ano festexasemos o vernáculo, sempre a condición de deixármolo estar os outros 364 días do calendario, que para iso xa está o español.

Cada vez que se aproxima o 17 de maio e xorde, cada ano, como se o tempo non pasase, todo ese ronsel de concursos literarios (promovidos, por exemplo, por centros comerciais que o resto do ano exclúen, desprezan, ignoran ou prohiben o galego ou teñen reducida á mínima expresión a nosa literatura nos andeis das súas seccións de libraría), de actos, de actiños, de homenaxes, de discursos, sinto a necesidade de reflexionar e preguntarme, por exemplo, se ten sentido limitarmos en exclusiva ás letras, á produción literaria, a difusión e a homenaxe que este día lle facemos supostamente á nosa cultura. Son as letras a nosa única industria cultural? E aínda algunha outra reflexión: estamos certas e certos de que é positivo asociarmos tan excesivamente lingua e literatura, como se a literatura fose o compartimento estanco no que a lingua se move como peixe na auga, como se non houbese outros moitos ámbitos sociais a traballaren en lingua e coa lingua?

Lembro á perfección dous detalles que durante moito tempo tiven asociados á celebración/conmemoración das exequias fúnebres... digo, dispensando, do Día das Letras Galegas: a primeira, é a dunha miña familiar, á que fora visitar á súa casa sendo eu aínda moi novo, precisamente, un 17 de maio á tarde. Malia a miña pouca idade, recordo a miña estupefacción perante a súa autosatisfacción: "hoxe lin un libro en galego". Igual de autosatisfeitos andarán en certas redaccións xornalísticas que en día 17 deste mes tamén se permiten publicar en galego as súas portadas, por máis que o idioma siga a ser logo, na práctica, tan invisíbel como sempre, malia as cuantiosas subvencións outorgadas.

A segunda anécdota, a da típica reportaxe con entrevistas na rúa, a viandantes variados, emitida por unha televisión local xa hai algúns anos: que fai vostede para conmemorar o Día das Letras Galegas? Eran, por certo, varias as preguntas que lles facían e sirva como estado sintomático da cuestión que ningún deles -a comezar polos máis novos -sabían nomear unha soa obra de Castelao. Todo o máis, sabían dicir que "contaba chistes", como explicou con moi boa intención unha señora.

Afortunadamente, o nacionalismo político, cultural e social organizado foi o único que analizou e denunciou con contundencia o efecto anestesante, narcótico, do 17 de maio e a letal carga para a saúde e o futuro dun idioma condenado a ser visto, ouvido, homenaxeado, santificado...dentro dunha urna de cristal, non vaia ser que lle dea por medrar ao seu xeito.

Conclúo coa convicción de que, aínda que sexa aos poucos, estamos a rectificar a nosa historia. A aposta decidida dos últimos danos por intensificar a carga reivindicativa en favor dos nosos dereitos lingüísticos xa fai inescusábel que sexan coñecidos socialmente "outros xeitos" de vivir o 17 de maio. O labor desenvolvido pola Mesa pola Normalización Lingüística, co apoio doutras organizacións, ou o nacemento da Plataforma cidadá Queremos Galego, están a conseguir estender a certeza de que todos os días poden ser de reivindicación mentres a nosa siga a ser unha lingua mortificada, de que todos os días poden ser 17 de maio.

Aínda que xa houbo manifestacións importantes, culititativa e cuantitativamente, en 2008 e 2009, este 17 de maio próximo chega nun contexto ben adverso para a nosa lingua e para a nosa cultura. Á homenaxe choromiqueira da etapa fraguiana sucédelle agora o desprezo, o desleixo, o desmantelamento máis evidentes. Sobran as razóns para a acción, para a reivindicación. No 17. Sempre, e mais despois.


[09-05-2010 10:09] punxinesa comentou:

pero que ben falas, compañeiro, que ben falas!

[08-05-2010 11:45] xacobe comentou:

xenial parabens compañeiro por ista ilustración da realidade.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña