15:54 Martes, 29 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-01-2015

Castelao non é un obxecto de valor para levar colgado do pescozo. A Castelao hai que levalo no corazón e na cabeza

Castelao non é unha medalla

Valorar (28)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Cada vez que vexo unhas autoridades tributando unha homenaxe a un escritor, normalmente coincidindo co 17 de maio, venme á memoria un brevísimo poema de Alfonso Pexegueiro: Para que queredes un poeta vivo / se non sabedes que facer con el; / matádeo e celebrádelle as pompas. Tamén hai un poema de Luís Cernuda que lembro sempre nesas circunstancias, un poema que comeza así: El gobierno francés, ¿o fue el gobierno inglés?, puso una lápida / En esa casa de 8 Great Collage Street, Camden Town, Londres, / Adonde en una habitación Rimbaud y Verlaine, rara pareja, / Vivieron, bebieron, trabajaron, fornicaron, / Durante algunas breves semanas tormentosas. / Al acto inaugural asistieron sin duda embajador y alcalde, / todos aquellos que fueron enemigos de Verlaine y Rimbaud cuando vivían. E o poema de Cernuda remata con estes outros versos: ¿Oyen los muertos lo que los vivos dicen luego de ellos? / Ojalá nada oigan: ha de ser un alivio ese silencio interminable / Para aquellos que vivieron por la palabra y murieron por ella, / Como Rimbaud y Verlaine…  Así mesmo, o noso Celso Emilio escribiu aqueles outros versos que todos nós coñecemos ben: Olla meu irmao honrado / o que acontece con Daniel: / os que o tiñan desterrado / agora falan ben del.

Placas, bustos, medallas, discursos… toda esa liturxia das homenaxes convértese nunha enorme farsa cando a protagonizan autoridades e persoas que están nas antípodas do pensamento das figuras homenaxeadas. E como exemplo diso, as medallas Castelao, unha condecoración que inicialmente cumpría un requisito tan fundamental como o de ser outorgada a persoas que tiñan demostrado o seu compromiso coa Galiza de Castelao (Ricardo Carvalho Calero, Ramón Martínez López, Valentín Paz-Andrade, Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego, Ben-Cho-Shey, Manuel Beiras García…) e que logo, co paso dos anos, acabou sendo un trofeo máis, que o mesmo se lle deu ao Padre Seixas que a Amancio Ortega, a Xohana Torres que a Luís Moure Mariño, a Pilar Vázquez Cuesta que a Míchel Salgado. Nos últimos anos incluso houbo unha medalla Castelao para premiar o traballo político de Manuela López Besteiro e de Carmen Fraga. Vaia, como se esa medalla fose o Grelo de Ouro ou o premio Galego do Ano. Iso é o que representa hoxe a medalla Castelao.

Eu aínda agardo que algunha persoa que nesta lexislatura sexa condecorada con esa medalla asista á cerimonia de entrega e teña o valor de devolverlla con toda solemnidade e educación ao actual presidente da Xunta, xunto cun exemplar do Sempre en Galiza. Sería un xesto mínimo de desagravio a Castelao, non por ser entregada a medalla por un representante institucional que non exerce de presidente dunha nación, senón por ser concedida por un Goberno galego absolutamente belixerante con todo o que representa a figura de Castelao, con todo o que el soñou e defendeu. Ese xesto debería vir tamén dalgunha persoa que nestes últimos anos recibiu esa condecoración das mans de Feijóo. Este señor non pode seguir utilizando o nome de Castelao sen que ninguén lle diga, con palabras ou cun simple xesto, que non é digno de pronunciar ese nome, e menos aínda de utilizalo para darlle un verniz galeguista a unha acción de goberno que é a antítese do galeguismo, non digamos xa do pensamento nacionalista que profesou Castelao.

Afortunadamente Castelao non é unha medalla. Castelao non é unha insignia para meter nunha caixiña ou nunha vitrina. Castelao non é un obxecto de valor para levar colgado do pescozo. A Castelao hai que levalo no corazón e na cabeza. Como o levaba don Ramón Otero Pedrayo. Talvez os máis novos non saben que o señor de Trasalba, desde que morreu Castelao, non deixou de pronunciar o seu nome en cantas conferencias deu e cantos discursos fixo, nin unha soa vez. Era a súa homenaxe ao irmán Daniel, a súa maneira de reivindicalo publicamente durante toda a ditadura. E aínda catro anos antes de morrer Franco, moi perto do pazo onde o xeneral fascista pasaba o verán, nunha ateigada sala de exposicións do Museo Carlos Maside, don Ramón falou da súa amizade con Castelao, ofrecendo aos asistentes unha das súas maxistrais leccións de oratoria, de amor ao país e de lealdade ao amigo, recollida anos despois por Edicións do Castro nun pequeno libro. Parece ser que o Goberno Civil da Coruña denegou o permiso para aquela conferencia, como era de esperar, e que Otero dixo que a pronunciaría igual, e que se o querían deter, que o detivesen.  Tiña daquela don Ramón 83 anos e a coraxe dun mozo da UPG. Non nos sorpende que Moncho Reboiras o fora visitar moitas veces á súa casa grande de Trasalba.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña