00:18 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-01-2015

O recoñecemento desta verdade histórica facilita moito as cousas para o desenvolvemento do estudo da nosa historia

De invasións musulmáns e do Reino de Galiza

Valorar (32)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



De invasións musulmáns e do Reino de Galiza Recentemente un compañeiro na loita pola verdade pasábame un exemplar do periódico La Nueva España, (26/12/2014. Nº 25908), sabía ben o que iso me ía provocar. O artigo versaba sobre a orixe do camiño de Santiago por Asturias, en concreto cinxíndose sobre todo ao Camiño Primitivo.

O articulista, aparte de falar desta vía xacobea, afirmaba no seu artigo que trala completa destrución da monarquía visigoda, e por ende do territorio peninsular , comezara unha etapa de escuridade ata a chegada dun novo líder chamado Pelayo. Este home, descendente da nobreza visigoda e polo tanto capacitado para poder reclamar o trono e o reino perdido, sería o encargado de frear o avance musulmán e impulsar a reorganización dun novo reino cristián.

Que isto o afirmasen os cronistas do século XVIII ata me parece aceptable, o pai Flórez na súa España Sagrada ao falar do fin da Sé episcopal de Bretoña chegaba a afirmar “ a invasión dos sarracenos pasou tan adiante por Galicia, que chegou ata Bretoña, e destruíuna, facéndoa inhabitable, segundo se refire dunha escritura do ano 830 e publicada por Sandoval”.

Que os do XIX mantivesen esta teoría tamén ten a súa razón de ser en base a un sentimento nacional baseado na centralidade da administración. Sentimento que mantiveron vivo os de principios do século XX e que se revitalizou dende o ano 1939. Pero que hoxe en día se siga mantendo esta falacia, tanto por historiadores foráneos como por algúns da terra, tan só pode atopar a súa explicación no desexo de querer ocultar unha verdade histórica como foi o Reino de Galiza.

O recoñecemento desta verdade histórica facilita moito as cousas para o desenvolvemento do estudo da nosa historia. Ben é certo que moitos historiadores do noso país néganse en redondo a recoñecer tal realidade, pero todo se andará.

Lembremos que nun principio os historiadores da corrente oficial, que baseaban as súas afirmacións nos estudos dos grandes pesos pesados da historiografía medieval, afirmaban que a invasión musulmá da Península acabara con todo o que había anteriormente: reino visigodo, estrutura social, cidades e centros eclesiásticos. Eran rotundos na idea de que esta destrución fora xeneralizada quedando Galiza totalmente asolada. O apelido Bolaño ten a súa orixe, máis fantástica que real,  no cerco musulmán á invicta cidade de Lugo. Tamén o apelido Luaces ten que ver co pago de virxinais doncelas galegas aos árabes conquistadores.

O problema desta teoría radicaba en Galiza. No noso país non había constancia de asentamento musulmán algún. Mais a historiografía oficial resolveu isto afirmando que o continxente bélico asentado en Galiza estaba composto por tropas verberes e cando os seus irmáns se rebelaron, no ano 740, contra os árabes de Córdoba as tropas asentadas en Galiza abandonaron o noso país para defender os seus intereses no sur. Como trala derrota dos verberes non se asentaron máis musulmáns en Galiza a mesma corrente oficial afirmou que era debido a unha falla de interese dos musulmáns pola nosa terra.

Así nolo foron contando  ata que no ano 2005 a editorial A Nosa Terra saca á luz un libro titulado O Reino Medieval de Galicia, obra do profesor Anselmo López Carreira. Un libro que revolucionou, tal vez non suficientemente, o pensamento historiográfico no noso país.

O profesor López Carreira tiña unha visión moi distinta a todo o que se nos estaba a contar. Aquelas teorías que nun principio se tomaron como produto dunha tolería amosaron ter moita máis vida da que lle auguraban e tamén demostraron ser moito máis lóxicas que as teorías defendidas, acerrimamente, polos académicos e pola universidade.

López Carreira afirmaba que Galiza era gobernada polo rei visigodo Vitiza ata que acada o trono de Toledo no ano 701, resulta lóxico pensar que cando marchou deixou no goberno de Galiza a familiares e a xente próxima a el, este dato é tremendamente interesante para entender o que pasou posteriormente. Trala morte de Vitiza, no 710, Rodrigo quere facerse co poder do reino visigodo, mais non acada un control efectivo de todas as provincias do reino. O fillo de Vitiza reclama o trono e comeza unha loita civil na que os seus partidarios solicitan axuda aos musulmáns.

Polo tanto Galiza quedou fóra da invasión musulmá non polo ardor guerreiro dos galegos e galegas nin por unha falla de interese por parte dos invasores senón “porque a implantación en Galicia do partido vitiziano, solicitante da intervención musulmá, facía innecesaria calquera acción militar neste territorio (igual que en Cataluña-Narbonense), que ademais os musulmáns recoñecían como diferente a España” ( López Carreira, 2005, p.147).

A corrente historiográfica oficial tomaba ao pé da letra os relatos árabes que afirmaban que toda España fora conquistada, isto en si non é un erro pois esa afirmación aparece varias veces, o problema radica en que o termo España non comprendía o territorio galego nin parte de Cataluña. Para afirmar isto o profesor López Carreira baséase en novas lecturas das fontes documentais e en obras innovadoras, alleándose completamente do que facían o resto dos académicos.

O reino de Galiza non quedou asolado polos musulmáns, nin carecía de importancia para eles. Galiza operou cos novos invasores como un reino independente que negocia con outro reino de igual a igual.

A lectura deste libro non acabou co muro levantado polos historiadores da corrente oficial, mais si foi quen de abrir fendas nel, obrigándolles a recoñecer que a invasión árabe da península  ibérica tivo un carácter singular en Galiza.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

[17-02-2015 00:12] miguel sampaio comentou:

Também acho que a História "oficial" da península é uma narrativa muito mal engendrada.

[14-01-2015 13:08] salga2 comentou:

Miguel Anxo Murado deu o prelo un interesante libro sobre a "Invención del Pasado" onde desbarata a "novela" da historia de España, convén léelo e reléelo, abre os ollos incluso os que non queren ver.

[14-01-2015 12:37] Ondanois comentou:

A verdade ten un Camiño.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña