03:05 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-12-2014

A intención coa que orixinariamente foi publicado o discurso era sementar entre os novos a inquedanza necesaria para camiñar na dirección da autoconciencia

Castelao: Quen son os mortos?

Valorar (21)

PADROADO DA FUNDACIÓN BAUTISTA ÁLVAREZ



Blanco Amor recreaba a miúdo a idea de que un povo existía na medida en que non deixaba morrer aos seus mortos. O certo é que un povo é algo máis que a suma dos seus individuos. Os individuos son finitos, as biografías persoais son limitadas polo escaso período de tempo que nos concede a bioloxía. Mais os pobos -como entidade que non nace nin perece pola bioloxía- gardan, na súa experiencia colectiva de séculos fundíndose co territorio e relacionándose con outros povos, o segredo da eternidade. Unha eternidade que queren matar os que tratan de borrar a súa memoria coa escusa das modas, os que tentan disolver a súa cultura explotando o individualismo e os que destrúen os seus sinais de identidade acusándoos de esencialistas. En definitiva, dos que pretenden matar aos seus mortos.

Mais cales son os mortos dun povo? Pois aqueles que se identificaron con algo máis que o seu corpo físico particular para achegarse a entender coa terra que pisaron, a mesma que está baixo os nosos pés, e participaron dun proxecto de liberación que existía no tempo antes e con posterioridade a eles mesmos. Sabendo ser contemporáneos de si mesmos e subindo os chanzos que lle corresponderon no tempo que lles tocou vivir. Castelao chega a Arxentina logo da tentativa de destrución do noso povo máis agresiva e eficiente da historia. Na súa man e a dos superviventes está reconstruír a conciencia e as estruturas dunha colectividade masacrada. Ven de desatarse a Guerra Mundial e todas as novas eran malas para os defensores das causas dos oprimidos. Neste contexto, logo do discurso do Teatro Maravillas con motivo do Día de Galiza o 25 de xullo, intervén na recepción que lle fai o Centro Galego no Hotel “Prince George’s Hall” de Bos Aires, con este discurso que reproducimos na súa edición feita polas autodenominadas Mocidades Galegas de Rosario, Buenos Aires e Montevideo.

Seguramente a data escollida para este acto non é casual, o 18 de agosto de 1940, pois aínda que non estaba formalmente fixado o “Día da Galiza Mártir”, o contido do discurso deixa en evidencia a homenaxe que rende Castelao a quen para el encarnaba o proxecto de emancipación do país: Alexandre Bóveda.

Imos topar neste discurso, quizais en bruto, moitas das referencias que logo veremos no “Sempre en Galiza” e sobre todo no “Alba de Gloria”. A súa defensa da tradición fronte a historia, renegando dunha historia escrita polos vencedores e amosándose disposto a continuar unha tradición de dignidade e loita que rexurdiu unha e outra vez a contracorrente desa historia fanada e que nominalmente encarna nunha serie de personalidades que implicitamente resume do seguinte xeito: “E para que non haxa dúbidas de quenes son os nosos mortos, eu quixera contalos a todos; pero son incontables e innumerables, aínda que pode concretarse a súa memoria en figuras que todos nós levamos no corazón: Antolín Faraldo, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Alfredo Brañas, Alexandro Bóveda...”. Son 5 nomes que segundo el servirían para sintetizar moitos outros que recollen a súa filosofía da historia como repetición dunha revolución frustrada que precisa outra volta realizarse até lograr o seu trunfo. Fronte a concepción lineal e o optimismo do progreso que a esquerda inxenuamente e insensatamente exhibía, unha visión que viña de esfarelarse contra os campos de exterminio, para Castelao a historia móvese como unha espiral, a meta é o principio, como lembraba Walter Benjamin, e hai que buscar na tradición de loita os azos para mellorar un presente que non mudarán os que agardan cos brazos cruzados a que se arranxe só devido a súa fe cega no porvir.

Quixemos recoller nesta edición dixital tal como foi publicado o seu discurso por canto queda no formato das páxinas, na autoría da edición, na prestación do proxecto editorial, etc... a contextualización necesaria para entender o seu contido. Os que non saben nada e tanto escriben sobre Castelao grazas as súas facilidades para publicar e a difusión que teñen as súas palabras baleiras pola pertinencia para o poder non van entender tampouco este texto aínda que o lean. Non é pois esta unha réplica a estes enterradores de Castelao. A intención coa que orixinariamente foi publicado o discurso era sementar entre os novos a inquedanza necesaria para camiñar na dirección da autoconciencia. Este é o obxectivo actual e seguramente niso residirá a súa vixencia futura. Que o povo galego saiba quen é e se recoñeza a si mesmo como autor da súa propia historia. Hai algo máis avanzado que isto? Agradecemos a Cecilia Alcoba de Abril o ternos achegado o orixinal que aquí reproducimos. Esta Arxentina de orixe andaluz, casada co galego Domingo Abril, participou activamente da vida da cultural da colectividade galega, sobre todo a través da AGUEA, e serviu de correspondente dos exiliados interiores que como Manuel García Barros atoparon nela o acougo e apoio que non topaban na Terra para compartir angueiras e proxectos editoriais.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña