03:08 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-12-2014

O pasado 23 de novembro Galiza Nova celebrou a súa XIII Asemblea Nacional

Mudando o futuro

Valorar (10)

XACOBE GARCÍA SOUTO



O pasado 23 de novembro Galiza Nova celebrou a súa XIII Asemblea Nacional. Comezamos este proceso asembleario logo do verán con varios obxectivos moi claros. O primeiro a necesidade de enfrontar un proceso aberto e de debate que garantise unha maior participación, tanto dos militantes que viñamos participando, como das novas incorporacións e dos simpatizantes que tiñamos ao longo do país. Para isto, formulouse a proposta de realizarmos asembleas abertas nas que chamaramos a participar ao conxunto das mozas nacionalistas e escoitar as súas problemáticas co fin de incorporalas aos textos. Quen escrebe, tivo ocasión de participar de varias destas asembleas e a mais de escoitar o que nos tiña que dicir a mocidade galega serviu para comprobar que segue a haber moito campo de traballo para o nacionalismo galego. Foron moitas as mozas que se achegaron a nós nestes últimos meses, foron moitas ás mozas que decidiron dar o paso a militar en Galiza Nova, todo elo grazas a achegármonos a xunto eles e escoitalos.

Ao longo dos debates comarcais, fomos confeccionando novas formas de axir para a mocidade do BNG, fomos pondo en común as eivas organizativas que tiñamos e a necesidade de encamiñarnos cara unha estrutura mais  local que nos permita reestruturar a organización e facela mais grande neste período. Dende a dirección saínte criamos necesaria o afortalamento do nacionalismo xuvenil. Nestes momentos convulsos do nacionalismo, neste período no que a xente moza ten que vivir circunstancias duras e se ven abocados cara a emigración, Galiza Nova foi quen de xuntar a un número significativo de mozas e encamiñalos cara a difusión do nacionalismo nas súas vilas e parroquias.

Outro dos obxectivos que nos marcabamos para esta asemblea nacional, era saírmos máis unidos e reforzados co fin de poder facer un traballo máis cohexionado e dinámico. Este obxectivo, viuse cumprido na propia asemblea nacional. Coa achega de case duascentas emendas aos textos posibilitouse un debate fluído no propio plenario. Abriuse o debate en varios puntos dos textos o que posibilitou que quen o quixer puidese falar da súa visión de Galiza Nova. No propio informe político foron moitas as palabras tomadas, e se ben tivemos unha dose de autocrítica axustada aso tempos, tamén foron moitas as parabenizacións polo traballo realizado. O lema da asemblea xa falaba das pretensións que a organización tiña cara o futuro. ¨Mudémolo todo¨ é un lema que amosa a rebeldía da mocidade é a necesidade de cambio, cambio que só dende o nacionalismo de esquerdas se pode dar neste País.

As mozas que participamos da Asemblea Nacional vivimos un domingo de festa. Unha asemblea nacional é un proceso serio mais isto non ten porque rachar coa diversión. Foi un día festivo posto que o debate foi distendido, puidémonos rir e relacionarnos co resto de compañeiras do País. Este ambiente relaxado e distendido propiciou que, o debate alí xurdido, fortaleza a dirección política de Galiza Nova e anime ás militantes a seguirmos traballando polo futuro do País. Asemade, as decisións tomadas neste ambiente de consenso fanse mais fáciles a hora de asumilas por todas nós.

Cabe destacar a media de idade do plenario, unha media de idade por baixo dos 23 anos, pese a que moitos dos novos egresados na organización non puideron participar do mesmo pois teñen entre 16 e 18 anos, o que ven de amosar  que o futuro do nacionalismo galego está a se formar e ten moitos anos de vida.

A organización xuvenil do BNG é unha organización moza. Ven de cumprir os 26 anos de vida co que é unha organización madura. Esta madurez permitiunos abranguer diversos debates nunca antes dados. Hoxe podemos dicir que Galiza Nova camiña cara a consecución do estado independente da república Galega, traballa polo fortalecemento do feminismo nas súas filas e pola defensa da diversidade sexual da sociedade galega. Hoxe Galiza Nova berra mais forte que nunca e ao unísono. Berramos que existimos como pobo, esiximos traballar dignamente no noso País e ter unha educación de calidade e en galego.

Galiza Nova aproba unha lista co 94% dos votos a favor, unha lista renovada, chea de  mozas con ilusión e de xente que xa ten experiencia do anterior período. A lista comprende mozas dende os 16 ata os 26 anos en tódolos seus tramos, o que garante a supervivencia do proxecto político e o renacer de novas ideas. Hoxe Galiza Nova está mais viva que onte.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña