04:11 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-12-2014

Sexa o que sexa Podemos, o que é indubidable é que entrou en cuña, como falanxe macedónica, entre PP e PSOE, rompéndolles os enlaces covalentes, que xa están tentando recompoñer

A sombra de "Podemos" é longa

Valorar (22)

FRANCISCO CALO LOURIDO



O 15M colleume en Madrid. Pola mañá percorrín a Pradería de San Isidro, asistindo á romaxe do Santo, vino bailar coa súa dona Santa María da Cabeza sub imagine de xigantóns, tentei maxinar entre as árbores e paseos a paisaxe que Goya nos regalou no delicioso e rococó bocexo doutro 15M de 1788 e lembrei cando miña nai me contou que, mentres labraba o santo, mostrouse un anxo que lle dixo: “Isidro, Isidro, mañana morirás”, e este, sen se inmutar, continuou co seu, dicindo: “Ara boi ara que ata a morte vida forte”. Anos despois comprendín o xogo idiomático; no ceo fálase español (por iso nos ensinaron a rezar nesa lingua allea), no campo, os labregos, aínda que sexan de Madrid, falan o de toda a vida, o que se falou sempre, falan galego.

Pola tarde fixen unha visita ao Raíña Sofía e, como os das colonias temos que aproveitar ben as viaxes á metrópole, á noitiña achegueime ao teatro Infanta Isabel, na rúa Barquillo, para ver “O evanxeo de San Xoán”, un fermoso monólogo de El Brujo. Á saída mudara a paisaxe madrileña: cheiraba a fume, abouxaban as sereas, un helicóptero rachaba a noite co seu proxector e polas rúas da zona corrían grupos de xente. O descoñecemento do que estaba a acontecer, a inseguridade de me mover por un territorio alleo e a lembranza da malleira que levara unha noite, na que igualmente ignoraba o que acontecía, encamiñoume cara ao hotel. Ao día seguinte, había xente acampando na Porta do Sol, “el salón favorito del pueblo madrileño”, como deixou dito José María Blanco White, ao narrar o seu tamén descoñecemento da situación que viviu naquel 2 de maio de 1808 e as “angustias mortales” que o levaron a “permanecer encerrado en mi casa durante varios días”. Non me pasaba polo maxín que aquelas cargas que eu presenciei polas rúas de Madrid rematasen nun movemento de protesta espallado por toda a xeografía peninsular, como un eco da chamada ás armas do alcalde de Móstoles, e moito menos que, previa exhibición e fogueo por varias tertulias televisivas, un fato de xoves profesores universitarios rematasen constituídos en partido político e recibisen, a día de hoxe, a máis alta valoración das enquisas sobre intención de voto.

Na volta de poucos meses, os acontecementos sucedéronse a fume de carozo e agromou un partido oportunista, transversal e sen ideoloxía, como se se tratase dunha táboa de ximnasia rítmica, pois, por máis que se lles pregunte, insisten en que non hai xa dereita nin esquerda, senón arriba e abaixo. Os dirixentes, profesores nunha facultade de Ciencias Políticas, saberán o que din, pero tamén hai vida intelixente fóra da academia. Tacticamente non lles interesa manifestarse como xentes da esquerda, xustamente o contrario do que pretendía Lerroux, prototipo de demagogo, que chegaba a viaxar no mellor vagón do tren que o levaba de Madrid a Barcelona, deixando dito ao revisor que o avisase na estación previa. Tiña así tempo de mudar de roupa e baixar á plataforma desde o vagón de terceira entre os aplausos do pobo e do populacho mercenario. Agora a discusión anda na dialéctica business-turista.

Sexa o que sexa Podemos, o que é indubidable é que entrou en cuña, como falanxe macedónica, entre PP e PSOE, rompéndolles os enlaces covalentes, que xa están tentando recompoñer, abertamente e con descaro os primeiros, e cun certo pudor tímido de doncela, que aínda pensa no que dirán, pero que o desexa igualmente, os outros. O PP non sabe por onde saír con tantas frontes que eles sós abriron, pero dese partido non adoito escribir por non lixar o disco duro do ordenador. Do PSOE fágoo, porque, como marxista, sinto mágoa polas mans nas que anda a memoria de don Pablo Iglesias. O efecto Podemos fíxose notar na elección do secretario xeral -outro tanto sucedeu en IU- e ata semella que este pretende rivalizar en mudanzas de opinión co líder (emprego adrede as palabras) dos recentemente chegados. Cantas promesas levan feito uns e outros e cantas levan xa mudado! Se Iglesias colleu a trécola de aclarar que unha cousa é falar sen responsabilidades (é dicir, sendo irresponsable) e outra distinta cando se presume próxima a moqueta, Sánchez recorre a dicir que “rectificar é de sabios”, socorrida frase da que opino o mesmo que Marañón, cando, en 1946, escribiu: “No es de sabios, en contra de lo que tantas veces se dice, el mudar de opinión. Este proverbio es uno de tantos que la humanidad inventa para buscar en la consagración de una sentencia la disculpa a una ligereza o a una canallada”. En cal das dúas metemos a súa postura actual sobre a mudanza do artigo 135 da Constitución?

A pureza virxinal de Podemos e o seu savonarolismo incendiario contra a corrupción, acusando de casta política aos restantes partidos, andan estes días a sufrir o efecto búmerang cunha precisión terminolóxica bastante discutible. É boa verdade aquilo de que “quen tiver o tellado de vidro non tire pedras contra o do veciño”; pero incluílos na casta política, porque a uns dos dirixentes lles incoase un expediente a universidade, precisaría unha puntualización. Certamente, as máis das súas cabezas visibles forman parte, aínda que sexa nos banzos máis baixos, da casta universitaria, institución que, coma outras, aínda non fixo unha reconversión e mantivo todos os vicios da ditadura: cooptación endogámica do profesorado, oposicións á carta e a dedo, ascensos pactados no escala administrativa, perversión de postos de traballo (asociados), discrecionalidade de horarios e, trala xubilación, todos os catedráticos eméritos. Isto é casta, pero universitaria, non política. 

Intelectualmente e como individuo que sofre as consecuencias preocúpome por todo canto anda a suceder no panorama político español; pero, como nacionalista galego, o que fagan PP, PSOE, IU, Podemos e demais partidos e grupos españois, AGE incluída, suscita en min o mesmo interese que se cantase un carro. O politólogo e constitucionalista Pablo Lucas Verdú, catedrático seis anos en Compostela, falando das causas da desafección aos partidos, citou o pragmatismo dos dirixentes que, por quereren contentar a todos, non convencen a ninguén. O BNG andou, durante demasiados anos, perdido, despistado, querendo contentar a todos ou, aplicándolle as repetidas verbas do alcalde de Pontevedra ao PP e ao PSOE, sen rumbo certo. O aumento de deputados e os posteriores despachos de San Caetano motivaron o esquecemento ou, cando menos, aparcamento dos seus verdadeiros valores, da súa cerna, da súa razón de existir como bloque nacionalista. As consignas de “Galicia nación, autodeterminación” e de “Galicia ceibe, poder popular” chegaron mesmo a tentar ser silenciadas nas manifestacións, sen que os dirixentes do BNG, e nin tan sequera os da UPG, fixesen nada por evitalo. O resultado foron as defeccións dos que defendían os devanditos silencios e o cabreo dos silenciados.

Tampouco o BNG foi alleo á irrupción de Podemos, e non só decidiron retomar os principios fundacionais e esenciais do nacionalismo, senón que mesmo tentan, como os demais, facer asembleas abertas, que non serei eu quen as critique; pero sigo defendendo, na liña do sentido amigo Francisco Carballo, compañeiro de clases de Historia de Galicia, impartidas gratis et amore en Pontevedra e Vigo, no curso 1978-79, retomar esa outra maneira de facer, máis doada agora polo número de profesores nacionalistas que coñecen a súa historia. Participei nunha desas asembleas e, vista a consideración que tiveron as miñas verbas, decidín non dar máis a miña opinión nin facer propostas de xeito espontáneo. Como ben me recordou noutra ocasión un bo compañeiro do BNG: “date de conta, Calo, de que ti non estás afiliado”.



[11-12-2014 10:41] Farruco comentou:

En termos xerais coincido con Calo. Sen embargo, paréceme unha rabieta asombrosa que recoñeza que non vai aportar máis propostas nin dar máis opinión polo feito de que -segundo di- non se lle tivo en conta a súa reflexión nunha asemblea aberta. Non sei de que se tratou, mais dame a impresión de que este é un argumento un pouco "chusco". Seica calquera militante ou partidario do nacionalismo abstense de propor, aportar, contribuír, etc. polo feito de que non se teña en conta algo? É un pouco absurdo, no meu modesto ver e tendo en conta a admiración por Calo. A organización política é o resultado de sumandos, e para iso valemos todos, aínda que as veces discrepemos.

[09-12-2014 16:48] Manolo Do Val comentou:

Coincido con Manuel. Creo que a avaliación que fai Calo -co que no resto do artigo coincido bastante- co efecto Podemos é un tanto subxectiva e, do ponto de vista das e dos que estamos a traballar por unha Galiza soberana, moi inxusta.
Creo que o mellor xeito de recuperar a confianza da xente no proxecto nacionalista é non reducir a estratexia deste ao que presuntamente nos marcan desde fóra. E dicirlle á xente, con toda humildade e rotundidade, que efectivamente desde Amio houbo rectificación. Polo demáis, sobre contacto coa xente e horizontalidade, creo que ao BNG pouco lle poderán criticar. Agás, claro, a repercusión mediática.

[09-12-2014 11:14] Manuel comentou:

Prezado Francisco, cando se expoñen opinións persoais, sempre ficamos expostos ás apreciacións doutros ollos que ven as cousas doutro xeito. Mais hai cousas que son obxectivas. O BNG retomou o camiño, como dis ti, dos principios fundacionais e esenciais do nacionalismo, na Asemblea de Amio e reafirmounos na posterior, polo tanto moito antes da irrupción de Podemos, que aínda sendo a súa sombra longa, houbo vida antes deles. No que ten a ver co das asembleas abertas, decir que son unha práctica común do BNG en moitos localidades antes da existencia de Podemos, certo que non en todas. O que si é claro, e que esta cuestión era descoñecida para moita xente, e houbo que pór en valor unha práctica que vai nos xenes do nacionalismo, cando parece que son outros os que descubriron a pólvora que o nacionalismo leva usando dende as orixes. Así pois aquí si que puido existir infruencia, mais sana en todo caso.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña