15:50 Venres, 25 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-12-2014

En Galiza a Casa de Alba é dona dos castelos de Castro Caldelas, de Moeche, de Andrade, de Naraío, de Vilalba, de Monterrei, de Monforte, do Colexio do Cardeal, das Covas de dona Urraca…

A Duquesa de Alba e o Marqués de Sargadelos

Valorar (22)

EDUARDO ÁLVAREZ



Unha noticia conmocionou España o día 20 do pasado mes de novembro: a morte da Duquesa de Alba. Informativos das radios e das televisións ocupáronse extensamente de retransmitir desde Sevilla tan lutuoso suceso para España e a prensa escrita dedicou unha boa porcentaxe das súas páxinas a  informar sobre a vida e a morte de tan eximia protagonista da historia. Aos funerais de Cayetana de Alba, catorce veces Grande de España e Medalla de Ouro de Andalucía, acudiron Elena de Borbón, en representación da xefatura do Estado; o ministro de Defensa e a súa delegada en Andalucía, en representación do Goberno; o conselleiro de Xustiza, en representación da Junta de Andalucía; o alcalde de Sevilla; o presidente do Senado… e, segundo o xornal El País, “miles de sevillanos que jalearon la despedida de la aristócrata en un día soleado y con calor”. Acudiu tamén a este acto a “flor y nata” da cultura castiza coas figuras máis relevantes do toreo, glorias da canción española como Los del Río…; o máis colmado do humor como Los Morancos… e unha longa fauna de consagrados ás artes máis exquisitas. E todo isto, no incomparábel escenario da catedral de Sevilla, o mesmo lugar onde, ¡voto a Dios que me espanta esta grandeza!, se ergueu no ano 1598 un solemne e hiperbólico túmulo para celebrar as exequias do rei Filipe II.

¿Cales foron os méritos desta persoa para ser merecedora de tales honras por parte das máis altas institucións do Estado e para que as mellores plumas lle dedicasen tantos e tan laudatorios obituarios na prensa española? O mesmo Alfonso Guerra, defensor dos descamisados, recoñeceu sen ruborizarse como mérito da Duquesa de Alba que fora unha persoa “muy libre y muy valiente que se ha puesto el mundo por montera desde que era jovencita hasta el final de su vida”. A Presidenta da Junta de Andalucía, abundando no mesmo mérito, engadiu que vivira “siempre como quiso vivir y ligada a las costumbres de esta tierra". O Concello de Madrid, en cambio, definiuna como una madrileña de gran trascendencia social para el país". De certo, non se poden afirmar outros méritos desta persoa que os citados por estes representantes políticos: viviu libre e ociosamente con ostentación a costa das miles de hectáreas de terra e doutros moitos bens inmóbeis e culturais que, como aristócrata, ten a Casa de Alba en todo o territorio do Estado. Cun patrimonio multimillonario en palacios, castelos, empresas, negocios e cortijos, posúe máis de  35.000 hectáreas agrícolas e gandeiras polas que percibe tamén anualmente máis tres millóns de euros en forma de subvencións da Unión de Europea.

En Galiza a Casa de Alba é dona dos castelos de Castro Caldelas, de Moeche, de Andrade, de Naraío, de Vilalba, de Monterrei, de Monforte, do Colexio do Cardeal, das Covas de dona Urraca… monumentos polos que nunca se preocupou nin conservou e que, cedidos en usufruto á Xunta na época de Fraga, foron restaurados nalgúns casos cos cartos de todos os galegos.

As razóns que xustifican a riqueza desta dinastía aristocrática procede, como ben sabemos, dos títulos nobiliarios, que en Galiza son os condados de Andrade, de Lemos, de Vilalba, de Ribadeo e de Salvaterra e o marquesado de Sarria. Interesante mérito, o do sangue que, como sucede noutros casos tamén, serve para xustificar a concentración da riqueza e do poder, que se transmite polos apelidos e que lles permite aos seus privilexiados posuidores seren moi libres e moi valentes e ponerse el mundo por montera desde a infancia... e morrer co recoñecemento público das máis altas institucións do Estado e cos aplausos de determinada sociedade que os jalea nun día soleado y con calor, como premio por unha tan buena faena, a desenvolvida ao longo da súa vida, merecedora da saír a ombreiros envolta na bandeira de España pola porta grande da monumental praza dos medios sociais.

¡Que distintos foron os méritos e o recoñecemento público acadados noutrora por Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos! Partindo do seu traballo e iniciativa, sentou as bases da industrialización na Mariña luguesa. Aproveitando a existencia de numerosas ferrerías tradicionais na comarca, no ano 1791 levanta en Sargadelos a primeira siderurxia da Península. Pouco despois, creou tamén unha das mellores fábricas de louza, cerámica e vidro. Ambas continuaron funcionando até o ano 1875.

Mais, por ser ilustrado e dinámico nas súas iniciativas progresistas concitou o odio da sociedade máis reaccionaria, que vía con malos ollos os cambios cara ao capitalismo que propiciaba. E isto confabulou a nobreza e o clero na súa contra. En consecuencia, en febreiro de 1809, cando entraron as tropas inglesas en Ribadeo para restaurar o absolutismo de Fernando VII, Raimundo Ibáñez foi detido e entregado á multitude, que o golpeou brutalmente até causarlle a morte. O seu cadáver ficou varias horas espido e magoado no lugar do linchamento até que foi soterrado clandestinamente


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña