14:05 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-11-2014

Os intereses das multinacionais forestais, tamén vense amparados pola falla de capacidade de decisión que ten Galiza

Aproveitamentos do monte e capacidade de decidir

Valorar (4)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



Fica meridianamente claro, que os intereses das multinacionais forestais que dominan o mercado da madeira, non permitirán, mentres poidan, que os principais beneficiarios dos produtos dos montes, sexan os titulares de esas terras e as maiorías sociais da nosa nación. Só así pódese entender, que a consellaría do medio rural e do mar, rexeitase unha proposta da Organización Galega de comunidades de montes, de dotar co selo "Galiza Calidade", a todos os produtos do monte, provintes de montes xestionados mediante un plano de ordenación. E pola contra , ampare baixo o selo "Galiza Calidade", a produción de biomasa forestal (cultivos enerxéticos ). Faino porque hoxe en dia, o negocio para as multinacionais forestais, atopase nos cultivos enerxéticos.

Os intereses das multinacionais forestais, tamén vense amparados pola falla de capacidade de decisión que ten Galiza. Un dos casos paradigmáticos, é o mercado da madeira. Este é un mercado desequilibrado que se desenvolve entre unha oferta moi atomizada (as comunidades de montes e os montes particulares  venden a madeira de xeito aillado e cada un pola súa conta), e unha demanda concentrada en poucas mans, unha demanda case en réxime de monopolio.

Estamos, xa que logo, ante un mercado desregularizado no que os produtores de madeira, descoñecen as necesidades que ten este. Esta situación fai que o mercado da madeira sexa pouco transparente e sometido a grandes variacións nos prezos. O que ao mesmo tempo fai que as plusvalías, o valor engadido que adquire a madeira, antes de chegar a industria, non quede nin nas mans dos titulares dos montes, nin nas máis das poboacións do medio rural.

Para rachar con este perverso sistema de mercado. Para que as comunidades de montes acaden prezos axeitados para os seus produtos, as comunidades de montes deben ofrecer madeira de xeito planificado e concentrada territorialmente. Deben coñecer a capacidade produtiva do monte galego e as necesidades do mercado. A ferramenta para conseguir tales obxectivos, e a creación de unha lonxa de madeira, xestionada única e exclusivamente polas comunidades de montes.

A Asemblea xeral da Organización galega de comunidades de montes do ano 2013, acordou a creación de unha lonxa de madeira de produtos do monte e do medio rural. Obxectivo que aínda non esta conseguido, porque foi impedido polo Estado Español. O Ministerio de Xustiza do goberno central, a través da Dirección Xeral de Rexistradores e Notarios, impediu a creación de esta lonxa, alegando que as comunidades de montes, non temos como obxectivo, a venda de madeira. Evidentemente, as comunidades de montes non somos organizacións dedicadas única e exclusivamente a venda de madeira. Mais, dentro do monte multifuncional que defendemos, a produción de madeira é un de eses usos múltiples. Esta prohibición do Estado Español, basease na ignorancia ou en cuestións de índole político?. Inclinámonos polo segundo xa que os intereses que mandan, non poden permitir as comunidades de montes rachemos o monopolio do mercado da madeira. De todos os xeitos, dubidamos moito que un goberno galego, con plena capacidade de decidir, prohibise a creación de unha lonxa de madeira e de produtos do monte,alegando que as comunidades de montes, non temos como obxectivo a venda de madeira.

As comunidades de montes padecemos unha fiscalidade inxusta porque Galiza non ten competencias fiscais. As comunidades de montes non podemos dotarnos de unha lonxa de madeira porque o impide o goberno central. A soberanía, a capacidade de decidir, ademais de un dereito, é unha necesidade.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña