02:33 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-01-2015

Resulta hoxe máis necesario que nunca e ao tempo máis complexo

Rescatar Castelao

Valorar (25)

PADROADO DA FUNDACIÓN BAUTISTA ÁLVAREZ



Rescatar Castelao, isto é coñecer, ler, divulgar a obra e o pensamento do noso grande patriota tornase nestes tempos nun exercicio que non permite demora. Máis unha vez, o de Rianxo, vive o seu particular exilio, sometido por unha banda ao absoluto silencio e por outra a un proceso de manipulación que tenta deformalo. Nesta altura Castelao non existe para unha parte dos galegos e das galegas e para outra é unha anécdota fragmentada na que non se recoñece; hai que dar a batalla por Castelao, primeiramente para facelo visíbel, nun segundo lugar para dalo a coñecer e xa por último para que o seu pensamento se entenda. O seu legado doutrinal non deixa dúbida, non hai sitio para as contradicións, non son posíbeis lecturas equivocas; é ao fin, como el mesmo se ten definido, un galego quimicamente puro, presentémosllo sen medo aos nosos e as nosas compatriotas, pois só nós estamos interesados en dar a coñecer a Castelao.


Rescatar Castelao, a esa batalla dedica os seus esforzos o caderno que hoxe traemos a biblioteca do Terra e Tempo. O autor do mesmo, Carlos Abraira Cela, era un dos máis destacados dirixentes das Mocidades Galeguistas de Bos Aires, organización que mantiña litixio aberto co núcleo dirixente do galeguismo de interior, encabezado por Ramón Piñeiro, comprometidos nunha operación de performance do de Rianxo. Era o 1961 cando o fillo de dous emigrantes de Meira puxo o dedo da chaga arredor da estratexia dos “Galaxiáns” e tamén do franquismo, empeñados en destacar os valores artísticos e literarios do de Rianxo e agochar, cando non criticar a súa obra e práctica política. Era 1961 pero podía ser 2015, cando aquel folleto que recollía unha conferencia de Abraira Cela en Montevideo bateu coma un vergallo na opinión galega até converterse en munición sempre presente daquela mocidade en revolta por articular o nacionalismo conforme ao corpo doutrinal que lle era propio. Castelao era en 1961 oso duro de roer, Castelao é en 2015 oso duro de roer.

Rescatar Castelao, resulta hoxe, máis necesario que nunca e ao tempo máis complicado. Complicado, xa que a aparente normalidade arredor da súa figura, o proceso globalizador que aumentou as desigualdades pero que laminou a diversidade e o desleixo dos propios nacionalistas rematou por silencialo, por pervertelo nun ser histórico propio do pasado agochando o que ten de subversivo, por ocultalo ao reducilo nunha referencia de libro de texto e a deformalo naqueles sectores aparentemente máis ilustrados. Necesario porque Castelao é un galego redondo e dunha peza, como el mesmo afirmou todo o que fixo foi política,  porque o de Rianxo arrombou sobre o seu lombo legarnos aos nacionalistas de xeito sintetizado o corpo doutrinal que lle era e nos é propio, porque o noso grande patriota recolle os eixos nodais do que segue a ser calquera proposta nacionalista merecente de tal nome, isto a consideración da nación como suxeito de dereitos políticos, o antiimperialismo como base para unha nova orde que garanta a xustiza e a igualdade entre os pobos e a autorganización como expresión da vontade de ser dun povo.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña