02:56 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-11-2014

Os nacionalistas poñían en primeiro plano o trunfo do ideal ao ideal do trunfo

Volver ao programa do Partido Galeguista

Valorar (16)

PADROADO DA FUNDACIÓN BAUTISTA ÁLVAREZ



Volver ao programa político do nacionalismo na década dos anos trinta do século pasado, representa nesta altura do século XXI unha necesidade que nada ten a ver coa memoria. Desenterrar do soño dos xustos a proposta do Partido Galeguista é unha urxencia para o debate político presente posto que nos achega un corpo doutrinal de nos do que precisamos para seguir avanzando e non perdernos no camiño. Divulgar os presupostos sobre os que articularon os nosos devanceiros a súa ferramenta política, implica recuperar a beneficio de inventario, o mellor da herdanza do noso pensamento. Aquí non estamos para facer museos, panteóns nin arqueoloxía de vellos documentos, senón para pensar os desafíos do noso presente e do noso futuro.

A edición dixital do Terra e Tempo acolleu desde o primeiro momento unha sección de clásicos, que viña a cubrir o baleiro existente sobre a produción doutrinal anterior, sabedor de que o descoñecemento é sempre camiño aberto a confusión. A maior das represións que padeceu o nacionalismo anterior a 1936, foi o silencio á que súa proposta foi sometida por aqueles a quen lle tocaba legarlla as xeracións posteriores. Non foi esta unha operación inocente, na contra, os que a executaron sabían de máis que desde a lectura dos textos, como o que hoxe ofrecemos, non había sitio para unha lectura do nacionalismo que non se situase en termos de demanda da soberanía, de defensa da autorganización, do antiimperialismo e tamén dunha práctica política partidaria.

O texto que hoxe poñemos ao voso dispor non só deixa claro a proposta do Partido Galeguista senón que informa tamén do seu particular libro de estilo. A publicación e redacción do mesmo, iniciativa de Vicente Risco e Alexandre Bóveda, non deixa dúbidas que os nacionalistas situaban a loita ideolóxica nun primeiro plano, pretendendo organizar arredor de principios e ideas e por conseguinte poñendo en primeiro plano o trunfo do ideal ao ideal do trunfo, aspirando polo tanto a dotarse dun corpo social informado e formado. Á par o nacionalismo achegaba ao povo galego unha proposta para a nosa sociedade, unha proposta de transformación radical como poderedes ler, que vinculaba a resposta as necesidades presentes como un proceso que permite acumular forzas para unha outra transformación de fondo que requiría e require un marco xurídico e político distinto para Galiza.

Volver, por fin, ao programa do nacionalismo na década dos trinta, implica entón repensar o pasado desde o presente, respostar preguntas, abrir interrogantes, atender inquedanzas e facelo sen demora. Animamos a esta tarefa non só a aqueles e aquelas que se senten/sentímonos parte da tradición nacionalista senón tamén aqueles e aquelas outras que o teñen enfrontado, rexeitado ou desafiado, ás máis das veces sen achegarse ao mesmo sen intermediarios. Non é tolerábel nun ou nunha demócrata a condena a priori daquelo que non se coñece en detalle nin se leu a fondo. A Fundación Bautista Álvarez con este documento que hoxe rescata, anima ao estudo do corpo doutrinal do nacionalismo, propicia o debate do mesmo sen mistificacións e caídas na superficialidade  e xa por último convida a coñecer os nosos devanceiros simplemente porque os precisamos nos camiños da vida que transitamos canda Galiza.



[14-11-2014 12:53] Salga2 comentou:

Benvida a esta "nova" edición boa falta nos fai lembrar os clásicos, nestes intres en que o nacionalismo galego parece que anda desnortado, sin pulso, as apalpadelas, convén ler e reler os clásicos, pero moito mellor levar a practica os seus interrogantes as súas inquedanzas as súas propostas, nunha palabra recuperar o "liderazgo", non so político, se non tamén e principalmente social, cultural, sindical, etc, etc.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña