01:38 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-11-2014

Na defensa da nosa identidade A Pomba loitou por recuperar tanto as nosas tradicións como a nosa historia

A Pomba do Arco: 25 anos voando

Valorar (14)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS


O día 11 de outubro de 1989 nacía a asociación cultural A Pomba do Arco . Naciamos para defender e loitar tanto polo noso idioma como pola nosa cultura. O piar básico da nosa asociación é a defensa e potenciación da nosa cultura e do noso idioma. Naciamos tamén para defender, conservar e potenciar a cultura e a historia do noso concello.

A Pomba tomou como referencia a outras asociacións da Mariña Luguesa, como Sementeira, de Viveiro ou a ribadense Francisco Lanza, pero sobre todo tiñamos como principal referente a labor que levara a cabo aló polos anos 70 o colectivo cultural focense O Britón.

O noso nome atopámolo nun poema do poeta surrealista francés Robert Desnos titulado A Pomba do Arco.

A presentación ao público da nova asociación tivo como padriños ao maxistrado Xoán Xosé Barreiro Prado, fillo predilecto do concello de Foz, e á catedrática de Lingua e Literatura Galega Pilar García Negro. Ambos abordaron o tema da situación do galego nos seus respectivos ámbitos laborais. Vinte anos despois tivemos a ben realizar o mesmo acto co que viñeramos á luz, unha mesa na que sentamos ás dúas persoas que apadriñaron o nacemento da Pomba e que falaron do mesmo tema que abordaran dúas décadas atrás. Na Pomba eramos conscientes do feito de que debíamos implicar aos nenos na defensa do noso idioma, de aí que sacásemos á luz un certame de contos en galego destinado aos alumnos de educación primaria do concello de Foz. Esta actividade bautizámola co nome de Nadal Lareeiro .Desapareceu este Nadal despois de doce edicións nas que participaron máis de 3000 escolares e se entregaron máis de 200 premios. Mais non eran premios en metálico, como agora se acostuma, senón que eran libros que as librarías do concello regalaban para este evento.

Actualmente A Pomba realiza varias actividades encamiñadas a fomentar a lectura en galego entre os máis nenos. Labor que desenrolan varios membros da nosa directiva e que chamamos A Pombiña. Contacontos, lecturas dramatizadas, xogos e unha serie de actividades para nenos no seu propio idioma.

Na nosa teima por defender o galego comprobamos que era necesario poñer en valor tanto aos escritores como aos libros en galego, para iso realizamos, durante dous anos, a Feira do Libro da Pomba. Escaparate de editoriais, escritores e sobre todo de libros en galego.

Desta defensa do mundo literario en galego naceu unha nova actividade que bautizamos como Festa da Palabra. Consistía nunha semana dedicada ao mundo das letras e das artes galegas. Nela participaron intelectuais como Fiz Vergara, Lino Braxe, Luísa Castro, Lois Diéguez, Pilar Pallarés ou Fernán Vello entre outros. Todos eles aproveitaron o escenario que a Pomba lles brindaba para analizar a figura dos poetas e dos escritores en galego e para amosar ao público a súa arte recitando os seus poemas. A animación destas Festas da Palabra corría a cargo de contacontos, monicreques, obras teatrais ou cas actuacións de humoristas como Quico Cadaval ou Carlos Blanco. A Pomba anhelaba poder amparar tanto a poetas consagrados como a noveles, deste desexo naceron dous libros de poemas titulados Pedimos a Palabra, no que aparte de autores de renome participaban tamén poetas locais, libros que se engalanaban cos debuxos de pintores mariñáns. Sen abandonar o mundo literario non podemos esquecernos daquela actividade que decidimos bautizar co nome de Outono Literario e na que un autor acudía a Foz a presentar a súa obra e a explicala, compartindo co público experiencias ou ideas. Hoxe en día A Pomba do Arco mantén activo un Clube de Lectura polo que teñen pasado un bo número de autores galegos. Clube que funciona democraticamente pois son os membros da actividade os que votan que autor debe ser convidado e que libro dese autor será lido ao mes seguinte.

Na defensa da nosa identidade A Pomba loitou por recuperar tanto as nosas tradicións como a nosa historia. Para levar a cabo esta tarefa creáronse as Xornadas de Historia Local do Concello de Foz, actividade que leva 19 edicións ás súas costas. Unha destas conferencias foi a impartida polo profesor Rodríguez Breixo, versaba sobre a figura de Pardo de Cela. Os asistentes a esa charla soubemos da existencia e parte do testamento do Mariscal catro meses antes de que o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento sacase á luz o achado de tan importante documento.

Destas Xornadas naceron varias publicacións entre as que salientamos Bolanda. Cadernos de Estudos Focegos, que saíu á luz por primeira vez no ano 2003 e o segundo volume no ano 2010. Ambos volumes agochan dentro de si unha escolla das conferencias dadas nas citadas xornadas de historia local.

Outra publicación de renome patrocinada pola Pomba foi Guau Guau, este era un periódico satírico que se editaba no concello de Foz a principios do século XX. Tras un longo proceso de busca puidéronse recuperar tódolos exemplares para posteriormente sacar á luz unha edición facsimilar.

Recentemente A Pomba levou a cabo unha actividade chamada Descubre a Historia de Galiza na que se combinan o estudo da nosa historia cas visitas aos lugares que forman parte da nosa historia nacional. O público asistía á explicación dun período da nosa historia e posteriormente visitábamos lugares vinculados ca explicación dese período. Porque no voo da Pomba sempre estivo a idea de dar a coñecer Galiza mediante viaxes culturais, actividade que levamos realizando dende o noso nacemento.

Dicir A Pomba do Arco é dicir cultura, porque levamos 25 anos traendo cultura a Foz. Así chegaron a Foz, grazas ao voo da Pomba, poetas, escritores, dramaturgos, historiadores, cantantes, actores, magos e todo aquel que ten un nome nesa cultura que queremos recuperar e defender, a cultura de Galiza.


[10-11-2014 18:56] flor comentou:

Grazas polo voso esforzo e a vosa dedicación.

[10-11-2014 17:49] Ondanois comentou:

Longa vida á Pomba do Arco, grazas as mulleres e homes desta Asociación Cultural son hoxe un galego máis orgulloso que nunca de ser galego, unha débeda impagabel!.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña